viernes, 5 de diciembre de 2014

#PBL DESEÑA A TÚA ILLA


Continuamos compartindo as experiencias do traballo por proxectos realizado no nivel de 1º de ESO. Un PBL que leva como título "Deseña a túa Illa".



Antes de comezar marcamos dous obxectivos básicos: que todo o alumnado coñecese e comprendense as características dos diferentes elementos xeográficos e que soubesen integralos harmonicamente nun deseño inventado por eles. Do mesmo xeito que acontece en Dubái coas "Palm Islands" o problema era facer un prototipo de illa artificial que ademáis tiña que incorporar unha serie de elementos os cales ofrecían "bonus" extra.




O reto plantexado foi deseñar unha illa, inventada co seu nome, coordenadas xeográficas, bandeira e a lo menos cinco divisións administrativas coas súas cidades e unha capital. Houbo incluso himnos.



Como comentamos anteriormente, debería conter unha serie de elementos da xeografía física e política outogándolle un valor a a cada deles como por exemplo: as dorsais oceánicas, tómbolos, rías, mesetas, cordilleiras, noiros, golfos, cabos, badías, etc.



Tamén se incorporaron outros elementos "extras" a criterio do alumnado como volcáns, fallas e algún que outro tsunami acechando os seus mares e océanos. Estradas, portos, aeroportos, límites políticos, todo un despliegue de medios que deron os seus froitos tras sete sesións de traballo. Rematamos cunha exposición oral para compartir tanto do proceso de elaboración, a presentación do produto final e unha reflexión coas conclusións do traballo en equipo. Aprendendo Ciencias Sociais e aprendendo para a vida. Vexamos un pequeno video do proceso.


miércoles, 3 de diciembre de 2014

#PBL PARQUE TEMÁTICO EN AURIA


Ao longo deste primeiro trimestre andivemos inmersos en proxectos que nos axudasen a dinamizar a aula dende outra ollada máis motivadora. Levamos uns anos de experiencia con esta metodoloxía e constatamos que a través do Learning by Doing o alumnado aquire unha serie de competencias que teñen unha aplicación práctica na vida real.



A motivación é o motor da aprendizaxe significativa. Isto acontece cando a tarefa a desenvolver ten un significado para o alumnado ben porque obxervan unha utilidade ou simplemente porque se divirten ao longo do proceso. Comparto a idea de que debemos valorar máis os procesos que os resultados, e son estos mesmos procesos da aprendizaxe os que nos sirven de motivación extrínseca para poder afrontar novos retos.



O reto de deseñar un Parque Temático de Arte Clásica en Ourense respondeu claramente aos obxectivos perseguidos na metodoloxía do PBL como os que apunta Jordi Guim:

  • Potenciar o desenvolvemento das competencias do alumnado.
  • Prestar atención ao aspecto social da aprendizaxe.
  • Acadar un desenvolvemento da intelixencia e o estilo persoal de aprendizaxe da cada alumno.
  • Desenvolver os aspectos máis importantes do "aprender a aprender".
  • Provocar conflitos no alumnado para estimular a súa aprendizaxe.
  • Acadar habilidades necesarias para que o alumnado avalíe a súa propia aprendizaxe.


miércoles, 8 de octubre de 2014

UN UNIVERSO DE DÚBIDAS

Estamos a traballar nun proxecto integrado multidisciplinar con Intelixencias Múltiples que ten como eixo central ao Universo. Un universo de dúbidas ao que tentamos achegar respostas e tamén outros moitos interrogantes.

Foto José L. Guede

O nivel para este proxecto é 1º de ESO. Estamos a traballar colaborativamente varias materias. Esta idea xorde no curso pasado onde deixamos recollida unha suxestión como resposta ao Proxecto Lingüístico de Centro, un plan integral que pretende mellorar a competencia en comunicación lingüística do noso alumnado de forma integrada e interdisciplinar. Chegamos a un acordo sobre as liñas de actuacións comúns, as metodoloxías a seguir e a distribución dos contidos como paso inicial.

A experiencia está a resultar moi motivadora tanto para o profesorado participante como para o alumnado. Algunhas conclusións que imos recollendo no noso diario docente:
  • Estratexias para a procura da información tanto curricular como extracurricular.
  • Realización de traballos que nos conectan con exemplos da vida real.
  • Tarefas encamiñadas a fomentar a participación de todos.
  • Aprendemos xuntos.
  • Coñecer estratexias que lles axudarán a adquirir progresivamente responsabilidades.
  • Realización dun produto final con exposicións e discursos orais, representacións, exposicións de traballos, etc.
Compartimos un pequeno video que resume dunha parte do proceso.


domingo, 28 de septiembre de 2014

INICIADO O CURSO 2014-2015


Xa van dúas semanas dende que comezamos esta nova aventura do saber. Desexo que teñades unha feliz viaxe, ainda que chegue algo tarde.

Fonte da imaxe: enlace

Un novo proxecto, outra porta que se abre a novas ilusións e retos desafiantes que iremos desenvolvendo ao longo do curso. 

A programación por proxectos en Secundaria deu resultados moi positivos o curso pasado. É por este motivo polo que vou a implementar este camiño iniciado xa hai cinco cursos e incorporar novidades relacionadas co patrimonio e Ourense ao currículo neste curso 14-15 .

Fonte da imaxe: enlace

Unha das teimas nas que ando a traballar é como  introducir altas expectativas no alumnado a través de tarefas motivantes que supoñan un reto desafiante, partindo da realidade máis inmediata. Esto, mais o cambio metodolóxico no que andamos inmersos, estame obligando a ter que adicar un tempo extra o cal non me permnite levar o ritmo de entradas no blogue que eu desexo.

Outro proxecto que me está a ralentizar é o que estamos a desenvolver. Un traballo colaborativo entre as materias de Ciencias Naturias e Ciencias Sociais para sumarnos á propsta lanzada dende o departamento de Matemáticas, quen propuxo traballar "A constelación do mes". Puxémonos mans á obra o profesorado implicado e pronto veremos os resultados da nosa participación.

Foto José L. Guede

Foto José L. Guede

miércoles, 27 de agosto de 2014

ARTE NO XX: APLICACIÓNS

Hoxe vai de aplicacións para divertirnos coa arte do século XX.

A primeira web que vos presento é picassohead.com, unha aplicación que nos permite facer as nosas propias creacións e que nos achega ao particular estilo cubista de Pablo Picasso. O seu manexo é moi intuitivo. Premede sobre a imaxe que se amosa baixo este texto. Unha vez na páxina principal premede sobre "create" e a facer as vosas propias creacións que despois podedes gardar para compartir en breve nunha exposición que seguro vos vai a encantar.




martes, 26 de agosto de 2014

LUDIFICACIÓN (GAMIFICACIÓN) COMO RECURSO DIDÁCTICO


Caixa dun xogo deseñado e elaborado por alumnas de 1º ESO

Un xogo pode axudar a comprender mellor un tema, adquirir contidos ou consolidar os xa coñecidos, pero as clases nas que interveñen os xogos teño constatado que producen no alumnado interés, diversión, emoción ou entusiasmo e sobre todo motivación. A emoción e a motivación son claves para a parendizaxe.

Comezar a clase chamando á curiosidade do alumnado significa sair do rutinario, do establecido e por tanto ao ser diferente esperta esa curiosidade innata e conseguimos captar a atención tan necesaria para que a información se convirta en coñecemento.

A idea non é simplemente aprender con xogos senon que a parte de divertirse o alumnado é capaz de aportar a súa propia experiencia, mellorando a autoestima e a convivencia no grupo.

Hay tempo vin unha charla TED a cargo de Daniel Pink que trata de explicar como os tradicionais concepto de premio e castigo perxudican a creatividade. Neste momento de debate educativo e de reflexión sobre a avaliación convén refrescar ideas.


viernes, 27 de junio de 2014

DE XINCANA POR OURENSE

Como remate de curso, os 60 alumnos e alumnas que participaron no proxecto "Abrindo Portas 2014" realizaron unha xincana pola cidade. Esta competición, se así o podemos chamar, levounos a ter que superar distintas probas polo casco vello. O nexo para todas elas eran as portas da cidade.

Alunado de 2º de ESO participante na xincana

Coas pistas dadas todos superaron a proba. A valoración final tanto do profesorado participante como a do alumnado foi moi positiva xa que axudounos a camiñar polas rúas da cidade con outra ollada, dende o coñecemento e o respecto tras profundar previamente na nosa propia historia.

Momentos previos







Placa e texto fundacional de Santa María Nai


Na procura de información na igrexa de Santo Domingo

A Praza do Campo deu para darlle moitas voltas á cabeza,

Rúa da Obra camiño á Catedral

Cedntro ed Interpretación, de regreso ao Colexio

Agradecemos ás persoas que axudaron aos rapaces e rapazas a superar as probas. Houbo detalles para lembrar, como por exemplo a chamada telefónica que un bo home realizou a alguén da súa confianza para tentar solucionar unha das cuestións en plena rúa dos Brancos. Dicir que a chamada deu resultado e dende eiquí grazas pola axuda prestada a tódalas persoas que atenderon ao noso alumnado. Un pequeno video para despedirnos.



DE XINCANA POR OURENSE

martes, 24 de junio de 2014

ABRINDO PORTAS 2014: MAIS TRABALLOS



Ourense sitúase no estratéxico val do Miño, feito que levou aos romanos á construcción dunha ponte sobre o río como parte dunha via militar e que fixo necesario o establecemento dunha guarnición permanente na Civitas Aurias para a defensa deste paso. A cidade romana crecerá xunto ao poboado autóctono, que con seguridade xa debeu existir, e que posteriormente sería o xerme da cidade medieval.



No século V Ourense convírtese en Diócese e o bispo será o señor feudal da cidade. Algúns dos seus símbolos de poder son a Catedral-Fortaleza e o Pazo e Curral do Bispo.


                
A cidade medraba grazas ao comercio e a actividade artesanal, e diferenciábanse tres estamentos: clero, fidalgos (como sinónimos de nobreza sen título pero con privilexios) e cidadáns entre os que destacaban na cidade os comerciantes e artesáns. A Igrexa era a propietaria da terra e o poder do Bispo foi notable, enfrontándose tanto a nobres como aos cidadáns.



              


A cidade non tiña muralla ao uso doutras que coñecemos. Este feito levounos a plantexar unha cuestión sobre a defensa. Investigamos e descubrimos que Ourense contaba cunha cerca e con portas das que existía documentación, incluso algún resto visible na actualidade. Sobre a cerca, as portas e a vida na Idade Media na Civitas Auriensis desenvolvimos gran parte do noso traballo de Abrindo Portas 2014.

Para esta etapa histórica tivemos a sorte de que o noso primeiro convidado de "Encontros con", José María Eguileta, propúxonos a Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense. A entrevista e o proceso o podedes seguir en entradas anteriores, a visita ao AHPO e a entrevista.



Coincidindo co Día Internacional dos Museos, aproveitamos a ocasión para facer a visita programada ao MAPO.


Seguindo a serie de "Encontros con", Pablo Sánchez levounos a Miguel Ángel González García, Canónigo Arquiveiro da Catedral de Ourense. Desprazámonos a un escenario privilexiado e clave na historia da cidade como é a Catedral. No seu altar maior e co retablo renacentista de Cornielles de Holanda e Sillería de Coro de Juan de Angés de fondo tivemos este encontro. A entrevista tamén a subimos nunha entrada anterior.



Unha parte clave do proxecto baseose na xeolocalización e a integración da realidade aumentada no mesmo. Empregamos Layar e Geociudad, amáis de darnos de alta en Espira+ para poder integrar o noso traballo nunha plataforma de garantías e gratuita.






Unha parte importante do mesmo está a ser desenvolvida. Conseguimos facer unha tarefa interdisciplinar integrando ás áreas de linguas e o remate do curso colleunos en pleno proceso. Algunhas cousas temos feitas pero queremos presentalas cando estean todas elas listas. Coido que pagará a pena a espera xa que é ilusionante e aportará un plus á cidade.












Queda por último e para pechar o curso a Gymkana "Abrindo Portas 2014". Contarémolo na vindeira entrada. 


lunes, 16 de junio de 2014

ABRINDO PORTAS 2014: CIVITAS AURIAS ROMANA

Os nosos socios e amigos do Proxecto "Abrindo Portas", o Colexio Marista Santa María de Ourense, compartiron un proxecto moi completo sobre o mapa da cidade que podedes ver nesta entrada. O profesor Fernando Ampudia desenvolveu co seu alumnado unha tarefa que traballa todas as intelixencias ou competencias cun resultado sobresaínte e dende eiquí o noso recoñecemento. Os nosos rapaces xa viron o seu traballo na aula a semana pasada e queren enviar os seus parabéns.

Teño que dicir que este curso non me permitíu atender o blogue tal e como me gustaría. Podería apuntar varias razóns, pero as persoais son as que máis peso teñen e seguro que os que seguides habitualmente o blogue entenderedes os motivos. Porén, non quixera deixar pasar esta semana para compartir unha parte do traballo realizado, se ben é certo que non coa profundidade que me gustaría pero, ao fin e ao cabo, compartimos que é do que se trata

Ao longo dunha serie de entradas irei contando parte do noso proxecto xa que ainda estamos nelo, esperemos chegar a tempo.

A pesar de que o proxecto inicial está centrado no Ourense medieval, iste ano quixemos ampliar e comezar pola época romana a raiz da riqueza patrimonial coa que contamos na provincia pero sobre todo por ter un magnífico tesouro a escasos metros do Colexio e que temos a sorte de disfrutar a diario. Estou a falar do CIATCO.

Piscina romana no CIATCO. Foto: José Luis Guede

Este proxecto do Ourense romano o fixemos a través das Intelixencias múltiples ao servizo da aprendizaxe.

Para a Intelixencia Lingüística contei coa colaboración da área de Lingua Castelá. Conxuntamente desenvolvimos a tarefa "Unha de Romanos". O resultado foi sobresaínte, obtivemos uns textos moi creativos que por unha parte respondían a criterios históricos (avaliación da área de Ciencias Socias) e criterios lingüísticos (área de Lingua Castelá). O feito de realizar tarefas que eran avaliadas conxuntamente por varios profesores foi moi ben acollida polo alumnado. Unha parte da documentación foi a seguinte:



Outra das intelixencias traballadas cuxo resultado foi espectacular foi "Mosaicos romanos". Xa compartimos nunha entrada anterior parte desta experiencia.

Mosaicos Romanos permitiunos desenvolver a capacidade de pensar en tres dimensións e percibir de forma precisa o mundo visual e espacial sendo quen de realizar transformacións e creacións a partir doutras ideas ou ben crear outras novas. Partindo deste texto do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense sobre o mosaico de A Cigarrosa comezou a nosa aventura.





Expuxemos no recibidor do Colexio unha mostra destes traballos.










Para profundar sobre o patrimonio local deseñei unha tarefa titulada "Encontros con". Aproveitamos para incorporala como intelixencia lingüística, interpersoal e intrapersoal ao servizo da aprendizaxe tamén en "Abrindo Portas" xa que nos encaixaba á perfección e non atopamos mellor ocasión que esta para iniciala. 

O noso primeiro convidado foi José María Eguileta, arqueólogo municipal con quen compartimos uns agradables minutos de conversa e tamén realizamos un percorrido polo Centro de Interpretación Termal. 




Ainda nos quedan máis intelixencias, pero para ir rematando esta primeira entrada que tal un sudoku romano para traballar a túa intelixencia matemática?


Nas seguintes entradas falaremos do Ourense medieval, e como desenvolvimos a Guía de Ocio Medieval en Ourense, blogues, maquetas, planos interactivos e tamén como estamos a traballar coa realidade aumentada. 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER