domingo, 22 de diciembre de 2013

EDUCACIÓN: COMPETICIÓN OU COOPERACIÓN


Imaxe: Ester Jaume
O modelo actual de educación tradicional está orientado cara á competición. A nova lei, LOMCE, reforza esta idea de competición e selección. Incomprensiblemente no s.XXI non somos quen de acadar un consenso no que se entende como o maior ben da sociedade, a educación.

Se analizamos a etimoloxía da palabra competir observaremos que ven do latín "competere". Ten unha raíz "con", que aporta a idea de "encontro" ou "xuntos" e o verbo "petere", que significa "dirixirse a" ou "buscar". Polo tanto competición etimoloxicamente está máis preto do que entendemos por cooperar.

Foto: José L. Guede. Aula 1º ESO

Cooperar. Neso andamos, tentando achegar estratexias pedagóxicas motivadoras que partan da realidade do alumnado e que integre o traballo cooperativo, co obxectivo de dirixirnos cara á historia local e atopar xuntos os nosos valores patrimoniais. Á volta das vacacións continuamos o proxecto "Abrindo Portas" que ten como protagonista ao alumnado e á cidade de Ourense. Dúas tarefas por diante, unha entrevista para "Encontros con..." e cómo integrar as apps para smartphones no currículo das Ciencias Sociais. Competir é motivante, pero cooperar motívanos, ademáis, emocionalmente.

jueves, 12 de diciembre de 2013

AS VIAXES DO CAPITÁN GARDADOR




O vindeiro 17 de decembro, ás 20.00 h, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense terá lugar a presentación dunha curtametraxe realizada polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

Trátase da primeira achega dunha serie de vídeos de curta duración (aprox. 7-8 minutos) pensados para dar a coñecer dun xeito ameno ao gran público a riqueza dos arquivos e o valor do patrimonio documental como vía de coñecemento do noso pasado. Unha vez presentado, o vídeo poderase ver en Youtube ou na páxina de Facebook do Arquivo Histórico Provincial.


Nestes vídeos, unha personaxe debuxada nun documento notarial do ano 1774, o "capitán gardador" Xan de Baldriz, guiaranos por diferentes momentos da Historia de Galicia. A pantasma deste capitán, como unha sombra que percorre o labirinto da memoria, vaga polo Arquivo Histórico Provincial gardando con agarimo os seus pergamiños e papeis centenarios. Silente e invisible durante séculos, Xan de Baldriz decide saír da penumbra na que habita para convidarnos a viaxar a través do tempo sucando un mar de documentos. A partir da información que repousa nos fondos documentais do Arquivo, o capitán Baldriz convértenos en espectadores da vida cotiá das sociedades do pasado, xa sexa do mundo rural de monxes, fidalgos e campesiños ou das rúas do Ourense de finais do século XIX.

Esta curtametraxe descubre como a consulta de calquera dos milleiros de documentos conservados no Arquivo Histórico Provincial nos pode abrir unha fiestra ao pasado para viaxar nunha "máquina do tempo" pilotada polo aventureiro que teña a audacia de internarse no labirinto da memoria. En definitiva, da man do "capitán gardador" poderanse valorar as posibilidades que ofrece o patrimonio documental, non só como unha fonte para a investigación histórica, senón como como aventura ao alcance de todos, como unha viaxe ao pasado a través de documentos de distintas épocas.

martes, 3 de diciembre de 2013

MOSAICOS ROMANOS

Unha das tarefas que desenvolvimos no Proxecto do Mundo Romano foi a elaboración dun mosaico. Acompañábase dunha memoria en video sobre o proceso e investigación desta técnica. Nela indagamos sobre as orixes deste tipo de decoración en distintas superficies a partir de trozos de pedras de tamaños, cores e materiais variables. Estas pequenas pezas eran as teselas. Este tipo de decoracións designábanse co termo de "opus musivium".

Averiguamos tamén que os mosaicos podían adornar as paredes das domus e as villae. As teselas de forma cúbica tiñan un tamaño variable, entre os 0,2 e os 3 cm., e uníanse cunha substancia chamada morteiro.

O proceso de fabricación seguía unha orde que de abaixo arriba era a seguinte:
  • Terra prensada.
  • Capa de gravilla (statumen).
  • Capa de morteiro de cal e fragmentos de cerámica (rudus).
  • Capa de morteiro de cal (nucleus) sobre a que se puñan as teselas.
Tamén investigamos sobre algunhas das profesións vinculadas á técnica de mosaico como o pictor imaginarius, musivarius, caementarius, calcis coctor, pictor parietarius, ou o tesselarius.

De entre todos os  motivos decorativos que os romanos trataron, eu quero resaltar algúns exemplos que vós escollístedes para as vosas obras e que foron sobresaíntes. Quedan máis traballos por compartir pero eso será noutra entrada. Ata entón disfrutade destas obras de arte.




En colaboración coa área de lingua, realizamos unhas narracións que tiña como escenario a Civitas Aurias onde xunto a Calpurnia Abana Aeboso vivimos distintas aventuras. Noraboa polo voso traballo e esforzo, e grazas á miña compañeira por colaborar nesta experiencia. Continuará...

lunes, 2 de diciembre de 2013

PURE POP ART



¿Que obxecto da cidade tomariades como icono?  Eu decidinme polo Carrabouxo por comezar cunha das imaxes que teño para o Facebook de Civitas Auriensis. Warhol precisaba do talento, habilidade e tempo para facer as súas obras. Hoxe cun programa de fotos podemos acadar resultados de menor calidade artística pero sérvenos para facernos unha idea.



Temos en Ourense unha exposición única ata o día 15 de decembro que non debemos deixar pasar a oportunidade de visitar. "Pure Pop Art" recolle 104 obras dos artistas máis representativos deste movemento artístico como Andy Warhol, Roy Lichtenstein, Steve Kaufman, Keith Haring, Robert Rauschenberg, Mel Ramos, Pietro Psaier ou Robert Indiana. Anímovos a os que non fúchedes a que o fagades ao longo destos días. Tódalas tardes a partir das 18,30 hai unha visita guiada que vos axudará á elaboración do voso traballo.

¿De cantas litografías se compón a obra adicada a Marilyn Monroe? ¿Chegou a coñecer o impacto que esta obra de Warhol tivo ate se converter nun icono da modernidade?

Imaxe. José Luis Guede

¿Que personaxe do século XX podes recoñecer na seguinte obra? Recentemente se ten conmmemorado o 50º aniversario ¿de qué feito histórico?

Imaxce: José Luis Guede

Invítovos a que leades a columna de opinión publicada na prensa local de hoxe luns 2 de decembro a cargo do profesor Xabier Limia de Gardón no seguinte enlace.

O prazo para a entrega dos traballos voluntarios remata o mesmo día que a exposición. 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER