martes, 26 de marzo de 2013

XOGANDO COA XEOGRAFÍA: XEOXOGOS

No mes de xaneiro e febreiro adicamos unhas sesións para un PBL de xeografía no nivel de 1º de ESO. Nunha entrada anterior demos conta das primeiras experiencias.

Cunberta do xogo Faite con Europa por un grupo de alumnos/as de 1ºB

Para elo empregamos rutinas de pensamento cooperativo mediante as cales o alumnado fixo unha reflexión sobre a aprendizaxe tradicional da xeografía, as unidades dos libros de texto ou os xogos xeográficos que atopamos en internet.  A aprendizaxe tradicional e a clase maxistral fronte ás novas estratexias pedagóxicas que estamos a aplicar. Tratábase de deseñar un xogo que servise como medio para aprendizaxe da xeografía física e política e que ademais tiña que ser testado polos propios "clientes", neste caso o alumnado do terceiro ciclo de Primaria. A demanda desta actividade foi feita por unha "prestixiosa empresa de xoguetes" de cara á vindeira campaña do Nadal 2013. A cuestión era integrar un xogo, preferentemente, de mesa para reunirnos en familia, ou cos amigos, e que fose un xoguete "estrela", para o cal tiñamos que deseñar o xogo e ter prevista a campaña de marketing para vender o produto.

Fonte da imaxe: enlace
O alumnado estivo organizado en grupos de 4 e algún excepcionalmente de 5 por cuestións meramente matemáticas. Cada un tiña un rol específico, datos, deseño e maquetación, creativo, marketing, etc. Teño que recoñecer que disfrutamos no proceso, especialmente na exposición oral coa escenificación de auténticos anuncios publicitarios onde a creatividade nalgún dos grupos foi altamente xenerosa, espertando aplausos entre todos os presentes. Non deixan de soprender estes cativos cando lle dan renda solta á imaxinación e perden ese medo casi innato e característico da sociedade punitiva na que vivimos: "... esto non vai sair ...", "uf, non o vexo nada claro...", "xa cho dicía eu, sabía que isto ía a acontecer...." ¿entendedes do que vos falo?

Creativa oca xeográfica, con matices, deseñada por un grupo de alumnas de 1ºA

Unha das rutina realizadas foi a reflexión sobre o que tiñan estudado sobre xeografía física-política tanto en cursos pasados coma no actual, que pensaban sobre elo e cal era o seu grao de coñecemento dos contidos que estabamos a tratar. Foi como establecer un auténtico diario de sensacións sobre a apendizaxe. "Non me gusta a xeografía e situar unidades de relevo nun mapa", "pensei que non sería quen de aprender novos estados do mundo e capitais", "a xeografía é a miña asignatura favorita e non me costa estudar as unidades de relevo...", "... cando comezamos a deseñar o xogo intereseime cada vez máis e fixo que aprendese moitas cousas sen darme conta..."

Grupo de almnos Galicien Pursuit

Non me sorprendeu a creatividade dos meus compañeiros os mestres de Primaria. Teñen realizado auténticas actividades motivadoras que despertan un grao máximo de interés no alumnado. Unha das miñas teimas é que na Secundaria non rematemos con esa creatividade e nos deixemos vencer pola ditadura dos dazaséis temas ante a presión do cumprimento da programación baixo a alongada sombra da "calidade" ou da inspección. Non comparto ao 100% esa frase de Sir Ken Robinson que día que a escola mata a creatividade, eu diría que é a burocracia da escola a que mata a creatividade. A escola que eu coñezo tenta potenciala pero por desgraza sucumbimos ao urxente, esquecéndonos do que é realmente importante. Pero esto nos daría para outra entrada. Continuemos.


O proceso en sí foi do máis fructífero, o alumnado traballou ilusionado e as rutinas de pensamento aplicadas contribúen á reflexión sobre o que se ten aprendido, a mellorar o pensamento e a aprendizaxe dos contidos traballados. A toma de decisións para resolver un problema con base xustificada sitúanos fronte á demanda inicial á cal lle temos que dar unha resposta de todas as posibles traballadas no grupo. Aprendemos tamén a decidir e a fundamentar as nosas decisións.

Grupo de alumnos e alumnas que deseñaron o xogo "Faite con Europa"

Queda a parte da avalaiación. Coincidindo coas festas de San José 2013, aproveitamos os momentos para xogos cooperativos para facer a nosa presentación ao alumnado de 5º de Primaria nos dous grupos, o de Manuel e o de Saladina, que ofreceron parte do seu tempo para contrastar a actividade a quen lles agradezo a súa dispoñibilidade ao favorecer esta coordinación vertical da área de Coñecemento do Medio e as Ciencias Sociais. Foron finalmente dúas xornadas das que falarei na vindeira entrada e da que vos adianto este breve video.



domingo, 10 de marzo de 2013

SIMULADOR DE METEORITOS

Recentemente foi noticia e por duplicado a chegada dun meteorito de grandes dimensión ás proximidades da Terra. Adicamos unha sesión para analizar máis en profundidade e reforzar os contidos correspondentes á unidade da Terra no Universo. O asteroirde 2012da14, un descubrimento español, que pasou "rozando" o noso planeta a unha distancia de 27.000 kilómetros segundo informou a NASA e a unha velocidade de 13 Km/sg ao que foi posible facerlle un seguimento visual o pasado 15 de febreiro. Aqueles que vos perdestes o espectáculo, podedes reservar "entrada" para a vindeira sesión, un 15 de febreiro do 2046.

Montaxe propia a partir das seguintes imaxes fonte1 e fonte2


Casualmente, nas mesmas datas impactou un meteorito na localidade rusa de Cheliábinsk, unha cidade de pouco máis de un millón de habitantes a cabalo entre o Ural e a Siberia rusa, que causou certa inquedanza e sensación de inseguridade. A comunidade científica apresurouse a desmentir a relación entre ámbolos meteoritos e a deixar claro que non era este o momento da fin do mundo. Non se estima un impacto de un meteorito de grandes dimensións similar ao que hai uns 3.900 millóns de anos provocou unha serie de consecuencias devastadoras para a vida sobre o planeta.


Fonte da imaxe: enlace


Recentemente pasou outro meteorito preto da Terra, o 2013 UE, segundo informa o canal norteamericano NBC, a unha distancia similar á da Lúa respecto á Terra. Non é que agora teñamos un imán especial que atraer  estes corpos celestes, senon que anosa tecnoloxía permite detectalos antes e mellor. Podedes estar tranquilos. Por outra parte, hai que ter en conta que anualmente impactan conta o planeta meteoritos de pequenas dimensións e outros moitos non chegan á codia terrestre debido a que se desintegran ao contacto coa atmosfera.

Algunha evidencia de que esto é así o recollen os diarios online como por exemplo as seguintes noticias que podemos atopar nestos días na rede:

Un asteroide que pasará preto da Terra este fin de semana. Enlace. Un meteorito do tamaño dun edificio de 35 plantas pasará de largo o sábado a unha distancia de 960.000 Km, lonxe dos 36.000 do que pasou "rozando" a terra. Enlace. Ou esta outra que dí que atoparon recentemente un meteorito de 18 Kg na Antártida. Enlace.

Fonte da imaxe: enlace
Sería interesante, previa á ralización da actividade, establecer claramente a diferencia entre asteroide e meteorito, posteriormente fixemos as nosas simulacións con dúas ferramentas que vos amoso. As áreas de Ciencias e Matemáticas son un complemento ideal para a realización das mesmas, xa que se poden aplicar contidos directamente relacionados coas mesmas.

Unha destas ferramentas que vos presento é Impact Earth. Tras introducir unha serie de variables amósanos as consecuencias do impacto dun meteorito sobre a atmosfera, a superficie terrestre, a profundidade do cráter ou os megatóns liberados. Tende en conta que as bombas de Hiroshima ou Nagasaky tiñan entre 15 e 20 kilotóns. Hai unha entrada anterior no blogue sobre as posibles consecuencias da caída dunha bomba atómica sobre Ourense introducindo vós mesmos as varibles. ¿Que consecuencias tería a caída dun meteorito no mesmo lugar e coas mesmas dimensións que a bomba atómica? Achegade os datos e comparade.



Unha vez introducidas as variables tiramos as nosas conclusións. A expectación que causou lévame a compartir convosco estos enlaces para que na casa e con tempo fagades comparativas e análises coas vosas propias conclusións finais a modo de traballo, a man ou a máquina.



A segunda ferramenta é outro simulador chamado down2earth a cal nos permite comparar crátreres e as consecuencias do impacto dun meteorito coas variables que nós desexemos. Para esta ferramenta pode complementar perfectamente a área de lingua inglesa, xa que na súa páxina ofrece información de interés nesta lingua a cal se pode empregar para ampliar vocabulario e para o reading e writing.



Podedes achegar datos do meteorito que caeu na península de Iucatán e supostamente extinguíu a vida dos dinosaurios sobre a Terra e facer comparativas. O máis relevante é a análise previa, comprender os datos das variables, as diferencias que se poden establecer e tirar conclusións razoadas en base aos datos para que non quede nunha simple anécdota ou xogo. Sen dúbida este tipo de actividades captan o interés do alumnado e permítenos un amplo marxe de manobra para traballar distintos conceptos, traballo cooperativo e pensamento crítico.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER