martes, 29 de enero de 2013

ABRINDO PORTAS: ALGUNHAS FONTES




Estou a recibir os traballos do meu alumnado para o proxecto Abrindo Portas no que integramos o coñecemento do noso patrimonio co currículo de 2º ESO nun #PBL. Concretamente a parte correspondente a medieval no que integramos as TIC mediante aplicacións para móbiles de Realidade Aumentada e códigos QR. Fixamos como data tope o pasado 26 de xaneiro para esta primeira fase de recollida de datos e documentación. Agora faremos unha revisión do material recompilado e continuaremos cun proxecto que se xestou alá polo mes de maio de 2012 e que a pesar das dificultades estanse a ver os primeiros froitos. O feito de materializar as ideas danos pulos para seguir cara adiante con ánimo. Estamos á espera de buscar o soporte apropiado para despois expoñer as nosas reflexións e traballos no blog colaborativo.



Presento algunha das fontes que estamos a utilizar e que son ben coñecidas de todos nós pero que vos poden  ser de interés aos que de cando en vez vos deixades caer por esta aula virtual. Para os de fóra de Ourense igual vos sirve de inspiración para crear espazos similares que axuden non só a difundir a vosa cidade senon tamén que sexa un referente para os vosos estudantes xa que permite un maior coñecemento da historia local.





Pouco podo dicir xa, qu enon teña dito, deste espazo ideado por Manolo Domínguez. Un referente para o noso traballo e sen dúbida o apartado "Memoria de Ourense" coa evolución da cidade en flash é realmente útil para o noso traballo. O alumnado ten unha fonte de inspiración e pode aprender os cambios significativos que se teñen producido na cidade ao longo da historia. Para o noso nivel, é máis do que podemos pedir.




Rafa Salgado é un vello coñecido de todos nós. O curso pasado fixo unha visita ao Colexio para dar a coñecer o traballo que está a realizar entre o alumnado de ESO. A miña intención non tivo os resultados esperados, non pola magnífica exposicón que fixo Rafa, senon polos resultados acadados quedaron lonxe dos obxectivos desexados. As foptografías aportadas non tiñan valor histórico aínda que sí sentimental sen dúbida. Non quixera desistir de buscar a forma de que as familias poidan colaborar con este blog, estou convencido que moitas imaxes da nosa cidade aínda inéditas seguen agochadas nalgún caixón ao album de fotos familiar. Un blogue que o vindeiro 12 de marzo cumplirá 5 anos, para non esquecer. Nela podemos atopar datos de interés para algúns dos nosos traballos. Non tentedes atopar fotos da época medieval, a historia da fotografía vai camiño dos 175 anos, lonxe aínda dos séculos altomedievais nos que estamos inmersos.




Este é o blog de Carlos Paz que nos está a aportar unha visión actual e real, grazas aos seus renderizados, da arquitectura tristemente desaparecida da cidade. Tiven a sorte de desvirtualizalo recentemente. Dun xeito desinteresado colaborará co noso proxecto aportando unha reconstrución da Porta da Aira, da única da que conservamos imaxes. A medida que vaia incorporando máis entradas daranos unha visión do que foi o Ourense no XIX. Este sería un proxecto interesante para que as institucións se fixasen nel, poder contar cunha reconstrucción 3D da cidade sería un soño ao noso alcance.

Remato a entrada de hoxe cun pequeno traballo que me envía Rita, de 2º B, sobre a Porta da Aira en Goanimate. Espero que vos guste.




lunes, 21 de enero de 2013

PRÓXIMAS PARADAS: O ALBARELO DE HIXÍA


Imaxe: José Luis Guede
Faleivos en entradas anteriores de dúas viaxes que estamos a vivir de maneira especial neste trimestre. Unha delas é "Xeoxogos" e a segunda leva por título "Abrindo Portas". A esta última adicaremos un monográfico máis extenso, contando os detalles dende a súa xestación ata as conclusións finais, pero polo e agora teredes que esperar, estamos en pleno voo. Anunciei tres paradas ainda que en realidade son tres e media. Temos en marcha unha experiencia nos boxes pero precisamos de material suficiente para que vexa a luz, polo de agora temos algo pero non da o suficiente para que vexa esa luz virtual neste curso escolar. Ten como título "Trotamundos" e segue a ser unha idea de proxecto que de seguir así leva camiño de converterse nunha ABP moi interesante para o curso que ven.

A terceira parada está relacionada coa nosa participación no Premio Escolar Vicente Risco que leva por título "Atrapando a Memoria", no cal xa estamos inmersos. Esta será a nosa terceira viaxe deste trimestre.

A participación no Premio Vicente Risco motívame especialmente. Por unha parte está a non obrigatoriedade de ter que facelo como profesor e por outra o caracter voluntario que presenta para o grupo de alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO que se embarcaron nesta aventura de maneira desinteresada e fóra do horario escolar. Tamén teño que destacar o elevado número de colaboradores no proxecto grazas á implicación do alumnado de 6º de Primaria, tódolos niveis de Secundaria e tamén as súas familias, con especial atención aos máis maiores, eles son unha parte protagonista moi importante. É de agradecer, indudablemente, a motivación que fixeron os meus compañeiros nos seus respectivos grupos.

Grupo de traballo: José Carlos, Alexia, José Antonio, Janet, David e Ángela.


Daremos continuidade a un traballo iniciado na área de Ciencias Sociais durante o curso pasado no que involucramos aos avós e avoas do alumnado de 1º de ESO e que agora, e grazas á participación no concurso, estamos a ampliar e  a enriquecer de maneira especial. Suporá un reto importante a nosa xustificación e tamén o será o feito de integrar a tradición e a riqueza patrimonial coa tecnoloxía. Ideas non han de faltar e estamos co depósito da ilusión a rebosar.



De momento temos que manter en "segredo" a idea e o contido do mesmo, pero se vos sirve como pista déixovos a portada do que vai a aser o traballo, coa que abrimos esta entrada, e un obxecto protagonista.

Imaxe modificada dunha fotografía de Fernando del Río





sábado, 19 de enero de 2013

COCIÑANDO MAPAS MENTAIS

O mes pasado adicamos unha entrada para falar dalgunhas ferramentas que nos permitían elaborar mapas mentais e coas que estivemos experimentando. Non valen receitas. Eiquí nos aplicamos o lema dun famoso anuncio: "coces ou enriqueces". Coma non pode ser doutro xeito, nós seguimos a enriquecer.

Para iniciarnos nos proxectos que estamos a desenvover, unha das claves é a elaboración dun mapa mental e o posterior reparto de tarefas. O proceso de elaboración estivo cargado de dúbidas, algún medo, pero pronto botou a andar, e foron xurdindo as primeiras ideas. Xa temos rematados os primeiros exemplos da uidade anterior. Lembremos en 30 segundos como foi aquel momento.



En moitas ocasións estamos perdidos e non sabemos por onde comezar, supoño que agora algo menos e coas ideas un pouco máis claras e ordeadas. A utilidade desta estratexia axudouvos a conectar as ideas e a ter unha visión global da unidade, representando a información de forma gráfica e fácil de lembrar. Os pasos seguintes deben conducirvos a ampliar as ideas secundarias e a distribuilas en tarefas, que debedes asignar a cada un dos membros do equipo para levar a cabo con éxito o traballo cooperativo no que estades inmersos. Algúns exemplos que foron xurdindo dos vosos traballos:


Click to play this Smilebox slideshow

lunes, 14 de enero de 2013

PRÓXIMAS PARADAS: XEOXOGOS




Hoxe vai a segunda das tres entradas que teño pensado adicar a proxectos que estamos a deenvovler neste segundo trimestre. Algúns cursos atrás, creo recordar que no 2001-2002, o meu compañeiro Xerardo e mais eu faciamos un traballo colaborativo en 3º de ESO moi interesante dende o punto de vista pedagóxico e que enganchaba ao alumnado durante as sesións programadas, ata o punto de pedir continuar nos tempos de recreo ou poder ampliar o xogo máis alá das sesións estritamente planificadas. O alumnado creaba unha empresa na área de Tecnoloxía e na miña área de Ciencias Sociais, na parte do currículo correspondente ao sector terciario, deseñamos un xogo da Bolsa. As súas propias empresas saían ao mercado co capital que eles propuxeran e na que a única diferencia coa realidade foi que as variables de mercado eran marcadas por un dado e os cuartos eran troquelados, daqueles que o goberno enviara para nos familiarizar coa chegada do Euro. Tiñamos centos de miles de euros. Lembro alguna "Tele-empanada" que se fixera de ouro virtualmente. Por cuestións organizativas non chegamos a coincidir máis co nivel e non se continuou con esta experiencia.

Hai uns seis ou sete anos, deseñamos para 1º de ESO un Trivial xeográfico que non cumpríu coas nosas expectativas. No ano seguinte elaboramos un Pasapalabra, Jeopardy en ppt - que tivo bastante éxito pero con carencias importantes-, e un nada exitoso Quiere ser millonario 50x15. Estes últimos xogos estaban inspirados en programas de TV do famoso Carlos Sobera que no seu momento tiñan un tirón e pensei que poderían ser de interés para o alumnado. Os resultados non foron os desexados e a reflexión que fixen no seu momento mudaría hoxe.

Foto flickr -junjan
Momento de brúxulas e non de reloxes.

¿Por que non acabada de funcionar ese tandem contido xeográfico-xogo? Tan só había que ver máis alá, pero ese tan só marca unha sutil diferencia dun traballo ordinario a outro extraordinario. Este impulso de ver máis alá foi dado nesta ocasión por un compañeiro de profesión, José Luis Redondo Prieto (@jlred1978), no seu blogue Recursos Geográficos. Nunha entrada que leva por título "cando o alumnado está listo recoñece ao proxecto" e unha frase concreta na que cita ao gran director de orquestra Herbert von Karajan que dí, "A arte de dirixir consiste en saber cando se debe abandoar a batuta para non molestar á orquestra" espertou esa chispa necesaria. Con total seguridade nas experiencias anteriores eu estaba a molestar á orquestra porque a partitura estaba dada.


Pop-up book. Escultura de Jodi Harvey-Brown

Vexamos que acontece se deixamos á orquestra que toque a peza que máis desexa e deixar fluir. Non tería que darlle "o que facer" senon  "a idea do que facer" e que eles mesmos puxesen a súa creatividade ao servizo da actividade. Primeiro unha chuvia de ideas para solicitar suxestións, entre elas xurdíu a idea dun xogo. Primeiro paso dado. ¿Que tipo de xogo? Calquera.  Púxenme mans á obra a deseñar un #PBL que se adaptase ás necesidades da unidade didáctica na que xa estaba inmerso pero aínda a tempo de poder introducir experiencias pedagóxicas diferentes ás programadas.


Imaxe. Fonte: enlace
Para ampliar información sobre o autor, jaime Plensa, non deixedes de consultar esta entrada en Do gran ao pan do meu mestre Xabier Limia de Gardón.
Estamos en pleno proceso de traballo, pero coma sempre nos ten acostumado o noso alumnado non deixa de sorprender pola súa implicación e sobre todo pola súa creatividade. Todos son xogos de mesa agás un grupo está a deseñar un xogo para ordenador que me ten tremendamente intrigado. A partida está aberta e os resultados de momento impredecibles, pero a viaxe está a resultar ser apaixoante.




viernes, 11 de enero de 2013

PRÓXIMAS PARADAS: ABRINDO PORTAS




Benvidos de novo ao blogue e feliz 2013. Atrás quedaron días de descanso para voltar con pulos renovados a este novo tramo do curso. A piques de rematar esta primeira semana de volta ao traballo, quixera adiantar na entrada de hoxe o que serán as nosas vindeiras paradas. Os proxectos que temos en marcha terán o seu protagonismo, pero comparto hoxe para que as coñezades todos aqueles que nos seguides.

ABRINDO PORTAS: OS INICIOS

Hai varios anos que traballamos sobre o coñecemento da nosa historia ourensana integrándoa curricularmente en tódalas etapas educativas, así o recollemos como obxectivo específico do noso seminario.



No curso pasado, influido polas redes sociais -Twitter especialmente-, e ante a marea de proxectos que hai na rede, tentei de expandir e dar a coñecer o proxecto que estabamos a desenvolver nas Josefinas. Integrar o coñecemento do local para chegar ao global entre a comunidade educativa da cidade de Ourense co fin de establecer vínculos de colaboración intercentros na procura dun obxectivo común. A realización dun proxecto colaborativo que nos premitise o contacto persoal foi o que me levou a tentar desenvolver este proxecto dentro do ámbito urbán. O feito mesmo do contacto persoal, a cercanía, suporía ese plus sobre outros interesantes proxectos colaborativos que otopei na rede e nos que me vin máis que tentado a colaborar. Dentro desta concepción recollida nos obxectivos do departamento, a cidade de Ourense cobra un especial protagonismo como unha grande aula aberta á nosa disposición e sobre ela puxémonos a traballar en conxunto.

Foto: José Luis Guede

Os primeiros contactos trouxeron a resposta positiva dun amigo e compañeiro do colexio Marista Santa María, Fernando Ampudia. Un veterano profesor coa ilusión dun principiante, metido en mil batallas e que aportou ideas brilantes que enriqueceron o proxecto inicial. Nos momentos nos que asaltaban as dúbidas reconduxo a situación para que tivese continuidade e non morrese no intento. As primeiras reunións informais mantidas foron un fructífero "brainstorming" do que xurdiron numerosas ideas que se plasmaron nun borrador inicial compartido na actualidade en Google Drive e sobre o que estamos a traballar. A partir dese momento, alá polo mes de xuño, comezamos a levar a cabo unha serie de reunións para involucrar a un maior número de profesores e profesoras. O título do proxecto é "Abrindo Portas". Desexamos abrir as portas dos centros porque non somos illas e abrir tamén as portas dos nosos resultados e experiencias a este gran claustro que é a rede.

Borrador inicial da portada do Proxecto Abrindo Portas

Nesta volta das vacacións xa estamos a  iniciar actividades concretas. O #ABP no que nós concretamente estamos xa a traballar está relacionado coa parte medieval da cidade integrando códigos QR e Realidade Aumentada. A creación dun blogue colaborativo para o proxecto onde contaremos as nosas experiencias tamén está en marcha. Espérannos múltiples traballos que nos sorprenderán, todos eles integrarán un ambicioso proxecto que sen dúbida terá impacto no cidade de cara ao futuro.

Pes, Iain Blake

Manterémosvos informados a medida que vaiamos rematando as diferentes experiencias pedagóxicas e darémolas a coñecer, contando en detalle todo o proceso dende os inicios ata a avaliación final e as conclusións obtidas.






Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER