lunes, 26 de noviembre de 2012

TRASEIRA DAS BURGAS V: NA PROCURA DE IDENTIDADE

Imaxe José Luis Guede

Esta será a sexta entrada que fago relacionada coa "traseira" da Burga. Catro delas levan por título a traseira das Burgas (I, II, III e IV) e outra o Balneum das Josefinas. Nunha delas bauticei este espazo como "Praza das Termas" porque o termo de traseira non dignifica a riqueza que estos 6000 metros cadrados de excavacións arqueolóxicas nos deixan á vista case dous mil anos despois.

A inicios do século XXI, as traseiras das Burgas eran partes posteriores nun absoluto abandono. Agocharon durante séculos unha riqueza patrimonial que agora ve a luz para disfrute de tódolos ourensáns e aqueles visitates que sintan o desexo de coñecer as raíces, a urdimbre da cidade que os acolle. Unha ollada restrospectiva a este espazo en estado de abandono é a que ven deseguido:




Na actualidade esta vista ten mudado tal e como xa se observaba na seguinte imaxe:


Dende o pasado xoves 22 de novembro, a cidadanía pode achegarse a esta nova área arqeuolóxica á espera de que a negociación cos propietarios da Casa dos Fornos acaben por descubrirnos novas  evidencias que seguro cambairán moitas teses clásicas sobre a orixe da cidade.

Unha das maiores atraccións do espazo recén inaugurado é, sen dúbida, a piscina romana do s.I. Vexamos o que podemos observar neste punto. Pasando o rato por riba da imaxe obteredes información.

Foto José Luis Guede

Unha parte interesante para nós é a información que nos deixan os arqueólogos en relación ao seu traballo. Son coma uns detectives que investigan o pasado do ser humán. Se queredes saber algo máis premede neste enlace.

A estratigrafía de esta zona en concreto é a seguinte:

Foto José Luis Guede

Se nos achegamos á zoa suroeste, dende unha especie de mirador (algo incómodo por outra parte), podemos observar unha piscina cuadrangular para o baño quente(caldarium). Ao norte desta piscina atopouse un hipocausto (como o que apareceu no patio do colexio alá polo 1996, ver entrada)

Foto José Luis Guede

Comecei a entrada facendo referencia ao nome deste espazo. A miña proposta, xa presentada na Concellería de Educación como borrador de proxecto vai encamiñada a unha actividade novidosa que desenvolveremos na aula en datas próximas.

Camafeo atopado na piscina-santuario das Burgas. Imaxe MAPO

No curso pasado no Proxecto Interdisciplinar fixemos un avance do que neste curso 2012-2013 se convertirá nun apaixoante reto do que vos manterei informados a todos os que seguides o blogue. O desafío que plantexarei ao meu alumnado desenvolverase en forma de  estratexia pedagóxica ABP (Aprendizaxe Baseada na Resolución de Problemas) e a muller terá un especial protagonismo. Continuará.

sábado, 17 de noviembre de 2012

ALGÚNS FUMOS NENOS

"A infancia ten as súas propias maneiras de ver, pensar e sentir; nada hai máis insensato que substituílas polas nosas." Jean Jacques Rousseau

Algúns fumos nenos, outros non o son nen o poderán ser. En pleno século XXI os nenos e nenas seguen a ver os seus dereitos vulnerados. O vindeiro martes 20 de novembro celébrase o día internacional da infancia. Dende o ano 1954 a Asemblea Xeral da ONU recomendou a celebración deste día a tódolos países na data que decidisen (resolución 836-IX). O motivo do 20N débese a que nun 20 de novembro do ano 1959 aprobou a Declaración dos Dereitos do Neno. En España esta celebración coincide co 15 de abril sendo o 20 de novembro a data internacional que escolle a ONU.

Escultura aos Dereitos da Infancia en Viena, Austria. Fonte: Wikipedia

No curso de 4º de ESO andamos inmersos no tema da Revolución Industrial. Amosounos avances no mundo agrícola, no demográfico, tecnolóxico e tamén no eido das comunicacións. Entre as múltiples consecuencias negativos que analizamos na aula,  quixera salientar o da explotación infantil. A pesar de que temos un día sinalado contra o traballo infantil (o 12 de xuño) encáixanos perfectamente co tema que estamos a traballar sendo perfectamente compatible. En definitiva trátase de loitar polos dereitos da infancia en particular de dos dereitos humáns en xeral.

Imaxe. enlace

A primeira entrada do blog para este curso 2012-2013 incluíu unha serie de imaxes que nos poden servir para o debate e a reflexión.

Preparade un estudo comparativo da explotación infantil durante a Revolución Infantil e as formas de explotación actuais. Amáis do estudo comparativo, anotade que dereitos da infancia se están a vulnerar na actualidade, incorporade un mapa mundi que resalte as zoas do planeta con maior índice de explotación infantil analizando as causas e evidencias das mesmas. Por último establece unha serie medidas ou consecuencias que afecten ás persoas, industrias e gobernos que vulneren os dereitos dos nenos e que presentariades ante a Asemblea da ONU. O formato é de libre elección e o tempo máximo de exposición é de 5 minutos para o formato audiovisual ou de 8 minutos para as exposicións orais.


A Declaración consta de 54 artículos agrupados por grandes temas que deberedes contemplar. Incluide imaxes que contrasten realidades opostas. Os dereitos principais que se inclúen son os seguintes:


  • Igualdade.
  • Protección.
  • Identidade e nacionalidade.
  • A ter casa, alimentos e atención.
  • Educación e a atención aos disminuidos.
  • Ao amor dos pais e da sociedade.
  • A xogar.
  • A recibir axuda.
  • A non ser abandoado ou explotado.
  • A crecer en solidariedade, comprensión e xustiza.

viernes, 9 de noviembre de 2012

EXPERIENCIAS AULAS 2.0

Esta mañá publicouse unha das nosas experiencias pedagóxicas realizadas na aula o curso pasado. A Guía do Ocio Medieval na cidade de Ourense foi seleccionada para o Proxecto Abalar Aulas 2.0 e que vos transcribo literal ou ben podedes ver "in situ" premendo neste enlace orixinal da nova. Grazas a todos polo interés pero dun xeito especial ao alumnado que se implicou de menos a máis no proxecto e que fixo posible que saíse á luz, son eles os grandes protagonistas e nós meros acompañantes. É unha verdadeira satisfacción que poida servir como modelo de traballo ou poida inspirar a alguén. Estou no inicio dun proceso de aprendizaxe que é moi motivador e apaixoante no cal penso seguir, esperemos, moitos anos máis.

Portada e primeira páxina da Guía


Entre as distintas actividades presentadas ao remate do proxecto, destácannos un blogue realizado polas alumnas Andrea Menor, Alejandra Sarmiento, Raquel Rodríguez Vilas e Aldara González o cal vos animamos a ver neste enlace: blogue

Aldara, Andrea, Alejandra e Raquel.


Aproveito a ocasión para facer un adianto. Neste curso 2012-2013, iniciarei unha experiencia novidosa de traballo cooperativo intercentros que será novidosa, por ser a primeira pero sobre todo pola orixinalidade e a dimensión do proxecto. O Colexio das Josefinas e o colexio onde estudei, Maristas de Ourense, desenvolveremos un proxecto onde Ourense terá un protagonismo especial e as tecnoloxías estarán ao servizo na construcción do coñecemento do alumnado. "Abrindo portas" é o seu título. Non só abrimos as portas dos colexios para deixar illas pechadas e abrirnos ao intercambio de experiencias senon tamén abrir as portas da cidade como unha xigantesca aula, un amplo espazo de aprendizaxe aberto de par en par á nosa disposición. Agradezo a Fernando Ampudia, coordinador do seminario de Ciencias Sociais nos Maristas o interés amosado, e á predisposición do profesorado que se implicou en desenvolver este ilusionante proxecto, moitos deles antigos (que non vellos) profesores meus, o cal me motiva profesionalmente falando como emocionalmente.


Experiencias. Aulas 2.0

EXPERIENCIAS 09/11/2012

CPR San José: Guía de ocio medieval en Ourense

José Luís Guede Losada envíanos Civitas Aurensis, un blog dedicado ás Ciencias Sociais que naceu coa idea de ser un apoio máis alá da aula para o alumnado do CPR San José de Ourense. Segundo José Luís, “o feito de incorporar estratexias de aprendizaxe, no que o emprego das TIC teñen un papel mediador, contribuíu non só a mellorar o interese pola aprendizaxe senón tamén a mellorar os resultados naqueles temas nos que o propio alumnado foi protagonista da construción da súa aprendizaxe. Percibiuse unha mellora dos resultados académicos no cómputo xeral da área”.
Entre as actividades propostas para o curso 2º de ESO atópase a Guía do ocio no Ourense medieval, un proxecto interdisciplinar encadrado no obxectivo xeral de converter a cidade nun obxecto de aprendizaxe. Entre as competencias básicas que se traballan neste proxecto están a social e cidadá, coñecemento e interacción co mundo físico, cultural e artística, aprender a aprender, comunicación lingüística, tratamento da información e competencia dixital e autonomía e iniciativa persoal.
O traballo realizouse en grupos pequenos durante catro sesións lectivas. Na primeira, cada grupo realiza unha choiva de ideas coa fin de organizar as mesmas e elaborar os primeiros bosquexos. Tamén elixen un responsable para coordinar e presentar o resultado do proxecto.
Nas sesións 2 e 3 recompilan a información e elaboran un guión para unha exposición oral duns 10 minutos utilizando un programa de presentacións ou un vídeo. A última sesión dedícase a facer as exposicións e unha posta en común, así como a publicar os traballos no blog do centro.
Dentro deste traballo o alumnado realizou diversas actividades: deseño dunha guía de ocio medieval seguindo o formato das guías actuais, situación no plano das zonas de ocio do Ourense medieval, simulación dunha entrevista a un personaxe da Idade Media e a creación do “rexistro de festas medievais de Ourense”. Para rematar, faise unha reflexión comparando o ocio da Idade Media co da actualidade.

martes, 6 de noviembre de 2012

DERIVA CONTINENTAL CON DAVID GUETTA


Comezamos o traballo da análise das formas da Terra. Unha vez recoñecidos os continentes e as capas da Terra, conceptos que o meu alumnado xa tiña claro da etapa de Primaria (avaliación incial), damos as primeiras nocións sobre a Teoría da Deriva Continental de Alfred Wegener. Comenteilles que neste ano 2012 celebrouse o centenario da súa revolucionaria teoría, concretamente foi un día de Reis do ano 1912. Ese mesmo 6 de xaneiro presenta na Sociedade Xeolóxica Alemana de Frankfurt o seu traballo titulado "Die Herausbildung der Grossformen der Erdrinde (Kontinente und Ozeane), auf geophysikalischer Grundlage" ou "A formación das grandes estruturas da codia terrestre (continentes e océanos) sobre unha base xeofísicas", o xerme do que sería posteriormente a teoría da Deriva Continental.


Alfred Wegener na expedición a Groenlandia no 1930

Ao observar o mapamundi, decatámonos que África e Sudamérica son como dúas pezas dun xigantesco quebracabezas, pero ¿estiveron algunha vez realmente unidas?  O que hoxe damos por sentado e parece unha clara evidencia foi, a principios do século XX, unha revolucionaria teoría rexeitada durante moitos anos pola comunidade científica internacional.

Visionamos na aula este video do DJ francés David Guetta titulado "Without you" (Sen ti) que conta coa colaboración do cantante norteamericano Usher. As caras do alumnado sen saber de qué ía todo isto foi realmente espectacular.



Unha vez visto o video, reaaprtímonos en grupos de catro alumnos/as e poñémonos no papel do produtor (persoa responsable de convertir unha idea inicial nun video, neste caso musical e buscar a financiación), guionista do video (persoa que desenvolve a idea), director do videoclip (persoa que converte o guión en imaxes) e o DJ. Facemos unha primeira chuvia de ideas sobre o que viron no video, que recurso se emprega para captar a atención e cal é o sentido do mesmo. Agora escoitamos o mesmo tema pero tomamos as seguintes imaxes:

video

  • ¿A que se están a referir as seguintes imaxes?
  • ¿Que sabemos desas imaxes?
  • ¿Cal creedes que é a intención do director do videoclip?
Imaxe Matt Hutchinson

A TAREFA

Dividimos a clase en grupos de catro alumnos e alumnas. 

Teredes que redactar un informe acompañado de imaxes, que evidencie e xustifique a disposición actual dos continentes completando a teoría da deriva contienental de Wegener con outras teorías posteriores que considredes oportunas.

Completaredes en primeiro lugar o cadro "PREPARÁMONOS" do voso portfoloio no que iredes poñendo na columna ¿que sabemos do tema? todo aquelo que teñades claro e na ¿que necesitamos saber para redactar o informe? o que consideredes necesario para acadar o obxectivo da tarefa.

Faredes, despois de completar o "preparámonos", un mapa mental que será fundamental para  reparto das tarefas de procura de información dentro do voso grupo.

Empregaremos os portátiles do Proxecto Abalar para achegar toda aquela información que deberedes organizar, interpretar e tirar conclusións que sean axeitadas ao nivel. Nos vos esquezades de gardar os enlaces para citalos ao remate do voso informe no apartado "fontes de información".

Por outra parte, concluiredes cunha valoración persoal que enlace coa idea clave do video, todos somos importantes no mundo ou o mundo non podería existir sen a unión de todos. ¿Que cantaxes tería vivir nun continente único? ¿E cal serían as desvantaxes? Xustificade a resposta.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER