viernes, 25 de mayo de 2012

OCIOAURIA

En breve remataremos un novo curso escolar e tocará facer unha reflexión sobre as actividades desenvolvidas. Unha das moitas que fixemos foi a Guía do Ocio no Ourense Medieval. Tal e como se plantexou neste curso, incorporou certas novidades respecto ao traballo que viñamos desenvolvendo en  anos anteriores. A resposta do alumnado foi, dende logo, moi positiva. Quedaron algúns asuntos pendentes que agardo se vaian incorporando ao documento xa existente e tamén varios traballos do alumnado por dar a coñecer.

Hoxe non quixera deixar pasar este que realizaron un grupo de alumnas de 2ºB, tanto polo seu contido coma polo soporte que empregaron para a súa realización. Titúlase "OCIOAURIA". Premendo sobre a imaxe accederedes ao seu traballo.


Coma dixen, o soporte que empregou este grupo de alumnas foi o editor de páxinas web gratuito Jimdo. Non se precisa ter coñecementos de programación ou de código HTML e ofrece resultados realmente interesantes.



Unha das vantaxes que permite esta ferramenta colaborativa é, amáis que o rexistro é gratuito, o seu intuitivo  manexo. A interfaz baséase en módulos que permite inserir imaxes, textos, videos, widgets, etc. Pódese personalizar coas plantillas que ten predeterminadas tdamén e forma rápida e intuitiva.

jueves, 17 de mayo de 2012

LETRAS GALEGAS: VALENTÍN PAZ-ANDRADE

No ano 1963 a Real Academia Galega instituía o 17 de maio como festividade que homeaxearía aos escritores e escritoras en lingua galega. O motivo de escoller ese día e non outro debeuse a que fou precisamente un 17 de maio pero do 1863, cando se publicaría a obra de Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, sendo ela a primeira escritora en recibir esta homenaxe. Se vamos ás mulleres escritoras en lingua galega homeaxeadas dende 1963 só temos a Rosalía e únicamente dúas mulleres máis. No 1987 á coruñesa Francisca Herrera Garrido, a primeira muller académica da lingua galega e  última en recibir a homenaxe foi  a noiesa María Mariño no 2007. Este ano adícase a Valentín Paz-Andrade.

Valentín Paz-Andrade. Foto: enlace


Curioseando na rede atopei moitas actividades que igual vos resultan de utilidade. Comparto algunhas:

Páxina do CEIP Nosa Señora de Xuvencos con materiais en pdf para educación infantil e primaria, actividades LIM e algunha Webquest. Preme sobre a imaxe.


E no blogue de Luisa María Arias atopei esta interesante LIM. Que as disfrutedes.


miércoles, 9 de mayo de 2012

DÍA DE EUROPA: REINVENTANDO O MITO

O Día de Europa é unha celebración que ten lugar cada 9 de maio en recordo á denominada Declaración Schuman. A intención era que esta entrada fose publicada ás 18 horas do día de hoxe. Veredes máis adiante o motivo.

Monumento a Europa na Praia de Samil (Vigo) do artista Juan José Oliveira Vieitez (lémbrame á obra de Buciños) Foto de César Redondo en Flickr
Robert Schuman foi un ministro de exteriores francés que deu o primeiro paso para a integración dos estados europeos ao propor que o carbón e o aceiro de a antiga República Federal Alemana e Francia se sometesen a unha adminitración conxunta, amáis doutros estados que quixeran adherirse a esta proposta, creando así a primeira Comunidade Europea: a do Carbón e o Aceiro, xerme orixinal da actual Unión Europea. Dita proposta realizouse ás 18 horas dun 9 de maio de 1950 cando foi convocada a prensa no Salón do Reloxio do Ministerio de Asuntos Exteriores francés para realizar una "comunición da maior importancia.

Robert Schuman. Fonte: Wikipedia


Anos despois, co cumio de Milán de 1985, os Xefes de Estado e de goberno decidiron celebrar o 9 de maio como "Día de Europa".
Tomado de Wikipedia

Algunhas propostas voluntarias:

1.- Achegar información sobre o mito de Europa. Tentade "tunear" o mito e adaptalo ao s.XXI, a man ou a máquina. Reinventade o mito. Para eso podedes empregar calquera programa dos propostos en posts anteriores (1, 2) outros dos que xa temos falado na aula ou ben coñezades vós e queirades compartilos con todos nós.

2.- Realizar unha presentación sobre o tema do mito de Europa a través da Historia da Arte. ¿Alguén se atreve a facer de artista e facer a súa obra de arte propia a partir de este tema? 

Nos seguintes enlaces atoparedes actividades relacionadas co Día de Europa e que quixera compartir convosco:

  • Unha webquest do CPI San Walabonso de Niebla en Huelva (@fgpaez) Centro pioneiro e do que un non se cansa de aprender e aprender.
  • Outra webquest, esta de Enrique Blanco, sobre os países da nión Europea.
  • Excelente material didáctico de Cideac sobre a Unión Europea.

E se aínda che queda un pouco de tempo para xogar, ahí van dous enlaces.

  • En segundo lugar, un curioso xogo que ten como base o famosísimo Tetris e que substitúe as figuras xeométricas por estados. Chámase Statetris. Interesante.
  • En terceiro e último lugar premio de 0,5 puntos se adiviñades os autores das seguintes obras:











domingo, 6 de mayo de 2012

SUPER NAI, SUPER LÚA

Cada primeiro domingo de maio celebramos o día da nai pero ¿dende cándo o vimos facendo así? Moitas das nosas festas e tradicións teñen unha orixe clásica. Tanto gregos coma romanos atoparon  inspiración nas primeiras civilizacións fluviais, Mesopotamia e Exipto.

Fonte Wikipedia

Foi en Exipto cando se venerou a Isis como a "deusa nai". Se achegas información sobre o seu mito atoparás o sentido a esto. Máis tarde os gregos coa deusa Xea e os romanos con Cibeles continuaron estas tradicións. No mundo cristián o día da nai celebrouse durante moito tempo o día 8 de decembro, coincidindo coa festividade da Inmaculada Concepción.

Hoxe preténdese dar unha xustificación non comercial dicindo que ao coincidir co mes de María é o mellor momento para celebrar este día, pero non é así. O motivo do cambio de data haino que atopar en EUA a finais do s. XIX con Julia Ward e a procalama do día das nais e tamén en Anna Jarvis.

O motivo da entrada non foi só lembrar o día da nai senon a coincidencia na mesma data de dous feitos, por unha parte celébrase o día da nai e pola outra, como ben sabedes, esta madrugada produciuse o fenómeno da superlúa, e a lúa nalgunhas civilizacións é a deusa Nai.

Quédome cunha das moitas e espectaculares imaxes que circulan pola rede e coa que pecho esta entrada de hoxe. Trátase dunha fotografía de Dimitri Messinis coa superlúa e o templo de Poseidón, no cabo Sunion en Grecia. Poseidón era o deus do mar, das tormentas e terremotos que nesta ocasión no tivo más remedio que rendirse á beleza do noso satélite.

Superlúa co templo de Poseidón en cabo Sounion, Grecia. Imaxe de Dimitri Messinis. Fonte: enlace


Ofrézovos unha proposta de traballo dirixida ao alumnado de 3º ESO que recentemente realizáchedes a visita ao Parlamento de Galicia. Serviravos para consolidar e practicar as funcións do Parlamento dunha forma sinxela e cun tema menos trascendente dos que xurdiron na nosa derradeira visita. Adicaremos unha sesión de clase:

Fonte da imaxe: enlace

  • Formamos 6 grupos de 4 a 5 membros cada un ("grupos parlamentarios").
  • Nomeamos un portavoz do "grupo parlamentario".
  • Facede un proxecto de lei para modificar a data de celebración do día da nai.
  • Adicaredes uns minutos para preparar e fundamentar o voso proxecto de lei. Podedes achegar información que fundamente o voso proxecto de lei nalgún dos enlaces desta entrada.
  • Cada portavoz escollerá un sobre pechado que conterá un número do 1 ao 6.
  • Os grupos debatirán do seguinte xeito 1-6; 2-5; 3-4, sendo o grupo en primeiro lugar o que defenda o seu proxecto de lei e o que sae en segundo lugar dará argumentos en contra.
  • No seguinte enlace investigade en que comisión parlamentaria encuadraría mellor este proxecto de lei.
  • Reunirédevos en "Xunta de Portavoces". Neste enlace ollade os procedementos de votación e acordade cal será o procedemento elexido.
  • Imitando ao programa de TV "59 segundos" cada grupo disporá de dous turnos de 59 segundos cada un para expor e/ou rebater. 
  • Unha vez rematado o tempo procederase á votación de todos os membros do "Pleno" -clase-.

sábado, 5 de mayo de 2012

CIVITAS AURIENSIS A RITMO DE BUXAINA

Onte foi día de descanso, de estar coa familia e os amigos. Celebrábabamos un cumpreanos. Cando cheguei a casa, unha ollada a Twitter mentras agardaba que Morfeo petase na miña porta. Sorpresa!! O meu colega Javier de la Cruz, @javidelacruz, felicitábame. O meu blog estaba entre os finalistas do VI Premio Espiral Edublogs. Esa noite soñei coas buxainas.


A idea inicial foi a der ser un blog adicado ás Ciencias Sociais que servise como complemento ao traballo realizado na aula. Pouco a pouco foi chegando máis aló do pequeno círculo do alumnado das Josefinas e pasou a ser non só complemento senon tamén un lugar de compartir experiencias. Sempre tiven a idea ben clara de que tamén o blog é unha aprendizaxe permanente para mín coma mestre. A famosa frase de Séneca que me presenta, "homines, dun docent, discunt", vai indudablemente nesta liña. Aprender para toda a vida e aprender do meu alumnado, pero tamén doutros colegas e outras áreas. Ser finalista xa é un premio en sí mesmo e non cabe dúbida que este pulo non me fará traballar con máis gañas pero sí, dende logo, máis contento. Quixera lembrarme de todos os blogs que se presentaron, seguro que coma min con moita ilusión. O meu humilde recoñecemento, o mero feito de compartir e o desexo de mellorar xa é en sí memo un premio.

miércoles, 2 de mayo de 2012

LIEBSTER BLOG O PREMIO DO AGRADECEMENTO

Esta mañá coa rutina de ler o correo levei unha moi agradable sorpresa. O meu blog foi premiado! É a primeira vez que por este motivo me entregan un premio e teño que recoñecer que estou moi ilusionado. Como lle comentei á persoa que me concedeu este galardón, Ana @MestraPrimaria, Twitter permite grandes descubrimentos. Ela é un desas gratas sorpresas que garda a rede, como compañeira da que sempre se aprende e tamén  o é un dos seus blogs Anaquiños e xoaiñas 2.0 como unha fonte de inspiración así como a súa participación no proxecto #Kuentalibros que é interesantísimo.

Na sociedade na que nos movemos non adicamos moito tempo ás felicitacións, aos recoñecementos privados ou públicos, polo que esta iniciativa inxeniosa semella interesante. Unha "Cadea de favores" blogueira e virtual que, por que non, podería rematar nun futuro cunha gran festa estilo Festival de Cannes..., "Benvidos á entrega do prestixioso premio Liebster Blog 2020".


O premio "Liebster Blog", traducido do alemán significa "Mi blog Preferido". A "recollida" do mesmo ten unhas instruccións sinxelas que os blogueiros premiados poden seguir, se así o desexan para continuar a cadea, e que transcribo deseguido:

  • Copiar e pegar o premio no blog enlazándoo co blogger que llo ten outorgado.
  • Premiar aos seus cinco blogs favoritos coa condición de que teñan menos de douscentos seguidores e deixarlles un comentario nas súas entradas para notificarlles que gañaron o premio.
  • Confirar en que continúen a cadea premiando á súa vez aos seus cinco blogs preferidos.
Eu xa recollín o meu premio que dende hai uns minutos loce na sidebar do meu blog.

Paso pois a enumerar aos meus cinco candidatos por orde alfabética. Son os seguintes:


ArtEForArt, o blog dunha paisana, Camino López @caminologa, que sen dúbida foi outro dos grandes descubrimentos que Twitter me ofreceu. É Licenciada en Belas Artes e suma diversos másteres, pero o que fai dela alguén realmente interesante é a súa participación no Grupo de Investigación da Excelencia de Castela e León amáis de asesora e colaboradora de Padres 2.0 e as súas reflexións e opinións no seu blog, o que indica o seu alto grao de compromiso coa educación e polo tanto altamente recomendable.




Geohistoria Maristas Ourense é un blog que comeza a rodar froito da inquedanza e iniciativa dun grupo de mestres do colexio no cal eu estudiei toda a miña vida e do que gardo grandes lembranzas. Quixera, polo tanto, darlle un pulo e animalos a continuar polo camiño xa iniciado. Son coñecedor do potencial que teñen os mestres que o administran, algúns deles meus antigos mestres e hoxe, sen dúbida, amigos. O complexo e dar o primeiro paso, pero unha vez dado veredes que é imposible parar. Dende eiquí o meu apoio.



Historia das nosas mulleres ourensás converteuse nun blog de gran axuda para as miñas clases poque destaca ás grandes mulleres que conforman a historia pasada e actual da nosa cidade. Un dos obxectivos que me marco coma mestre da área de Ciencias Sociais é o de descubrir e valorar o papel que ten xogado, e xoga, a muller ao longo da historia en xeral e na nosa cidade e provincia en particular. Rosa María Cid Galante é a súa administradora. Dí que o seu blog probablemente nunca se completará totalmente porque cada día emerxen novos nomes propios dos que nos sentimos orguiosos tódolos ourensáns, certo, pero se non fora pola súa teima non só non se completaría senon que permanecerían no esquecemento tantas e tantas mulleres ourensás e iso é un valor humán co que xa contamos que tense que dar a coñecer. Un dos proxectos que agardan ao meu alumnado para o vindeiro curso ten unha estreita relación con este blog e espero que dea moito que falar.



Lengüetazos literarios é o meu último e grato descubrimento. No día de hoxe sumouse ao meu blogroll grazas a #profesinteresantes e @ArcixFormacion. Aínda sendo un blog de Lingua Castelá pareceume brilante a cantidade e calidade das propostas que Silvia González Goñi, @SilviaGongo a súa xenial creadora, propón non só ao seu alumnado senon que ten a xenerosidade de compartir con todos nós neste inmenso escaparate que é Internet. Sen dúbida a miña área de Ciencias Sociais beberá da súa inspiración. Esto é o grandioso da rede, a idea orixinal pódese transformar noutras creacións interdisciplinares futuras. Lendo algúns dos seus proxectos xa estaba teimando no que se podería converter se intervén a miña disciplina. ¿Adicción ao traballo ou paixón grazas á inspiración doutros? Quédome indudablemente co segundo. A pesar dos moitos recoñecementos que xa ten non vin mellor maneira que facer público o meu propio ao seu traballo excelente. Grazas.



Ourensenotempo é un dos meus habituais. O blog de Rafa Salgado non precisa moita presentación na nosa cidade pero pode ser inspirador para outros fóra da mesma que non o coñezan e teñan inquedanzas similares. A súa calidade é incuestionable e o rigor que tenta por en cada entrada son dignos de loubanza. Podo dicir que teño aprendido tantas e tantas cousas relacionadas coa historia da cidade que non teño palabras para agradecelo. É unha das fontes de información de consulta obrigada para o noso alumnado de ESO e este premio simbólico sei que será ben acollido. Tamén sei que non necesita nen premios nen recoñecementos porque a súa paixón pola fotografía é capaz de encherse de felicidade só polo mero disfrute de contemplar unha nova imzaxe inédita da nosa bela Auria. Nótaselle na mirada e nun minuto de conversación con él.

Quedaron no tinteiro virtual outras fontes de inspiración que axudan a conformar o que hoxe son coma mestre a todos eles grazas.

Nota final: Que tontería, pero un síntese mellor despois de recoñecer o traballo ben feito que fan outros, porque nos esquezades que canto mellor sexan os que te rodean, ou os que te inspiran, mellor acabarás sendo tí.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER