domingo, 29 de abril de 2012

DÍA EUROPEO DA SOLIDARIEDADE INTERXERACIONAL

A Unión Europea declarou o ano 2012 como o do Envellecemento Activo e da Solidariedade Interxeracional co fin de concienciar do papel das persoas maiores na sociedade e contribuir a que manteñan un rol activo nas nosas sociedades.

Dende o 2009, cada 29 de abril é o día da Solidariedade Interxeracional. Preténdese achegar ás xeracións xoves e ás non tan novas para reflexionar sobre o significado de facerse maior e como podemos axudarnos mútuamente para unha mellora calidade de vida. 

Fonte: enlace


Este é un dos obxectivos que nos marcamos na área de Ciencias Sociais e que nace dun obxectivoestratéxico do Colexio, que é o de achegar ás familias ao Centro. Coidamos que as persoas maiores teñen moito que aportarnos e non será ista a primeira actividade que fagamos. Os avós axudáronnos a montar a nosa particular Botica (ver entrada) e déronnos unha lección de aproveitamento do entorno natural para curar doenzas ou mellorar a calidade de vida.



Ao comezar o bloque correspondente á Prehistoria, inserimos unha unidade que considerei importante para facer de transición entre a Xeografía o o estudo da Prehistoria e Historia Antiga. ¿Para que estudar Historia? Entre as diferentes actividades que traballamos, una delas facía referencia ás persoas maiores e iniciará, sen dúbida, o camiño cara a participación no proxecto europeo generations@school.


domingo, 22 de abril de 2012

NO DÍA DA TERRA: DE OURENSE PARA O MUNDO CON HISTORYPIN

A través da web goedonline.com, descubrín unha serie de aplicacións que poden ser de interés para a nosa acción docente. Unha delas, a pesar de que xa a coñecía de hai tempo pero nunca me decidira a traballar con ela, é Historypin.

Hisotrypin. Fonte: enlace

Na páxina que citei inicialmente dicía que fora galardonada como mellor web sen ánimo de lucro polos Webby Awards, que son uns premios ás mellores webs do mundo e que dende 1996 se veñen entregado en EUA. Esta noticia levoume novamente a revisar a aplicación e decateime de que xa estaba rexistrado. Accedín e adiquei uns minutos a curiosear. Inmediatamente vin o potencial que podería ter e a relación co noso proxecto de integrar o currículo das Ciencias Sociais coa historia da cidade de Ourense. Como non reparara nisto antes!

A pesar de que está en inglés o rexistro é moi sinxelo incluso o funcionamento é moi intuitivo, en todo caso serviravos para mellorar a lingua estranxeira e adquirir vocabulario específico. Logrei recuperar o usuario e contrasinal e cando accedín á miña conta vin que non tiña ningún traballo publicado polo momento e niguén publicara nada na provincia. Entón plantexeime que hoxe tiña que ser o día, hoxe 22 de abril Día da Terra era o día perfecto. A Terra tiña que coñecer Ourense porque incomprensiblemente na provincia de Ourense non había ningunha imaxe e sí nas outras tres provincias galegas.

Mapa de historypin sen imaxes da provincia de Ourense

Mapa coa primeira imaxe en Historypin da provincia de Ourense.

Como a última entrada do blog estaba relacionada co AVO decidín acudir á web de Rafa Salgado ourensenotempo e vin que a tiña adicada á feira do automóvil no paseo e ao Garaxe Hispanoamericano, o edificio "Chevrolet" esquina Paseo coa rúa Concordia (ver entrada). Decidín, pois, que este sería o meu primeiro traballo. Se premedes sobre a imaxe accederedes directamente á aplicación de Google Street Maps.

O primeiro Historypin de Ourense, o Garaxe Hispanoi Americano "Chevrolet" esquina rúa Paseo coa rúa Concordia.

O motivo de comezar a traballar con esta apliacación foi dobre.

Por un lado é unha aplicación para web e  tamén dispoñible en Android para smartphone. Emprega sistema GPS para atopar os contidos engadidos e incorpora unha cámara de realidade aumentada que superpón imaxes históricas que poder ir dende o 1840, data das primeiras fotografías, ata a actualidade.

O segundo motivo é que o principal obxectivo dos creadores desta aplicación é o de recompilar pequenos anacos de memoria do noso pasado e compartilas co mundo. Unha especie de web da historia das cidades, e as historias persoais. Ao poder acceder dende o teléfono móvil, temos a posibilidade de levar unha máquina do tempo de peto e todos podemos aportar parte desta historia e compartila. Este obxectivo encaixa perfectamente co noso de facer da cidade un espazo de aprendizaxe onde o noso alumnado a través do coñecemento e profundización da historia local se acehgue ao universal. Que mellor ocasión entón  para dala a coñecer e comezar a traballar de inmediato con ela.



É importante, para rematar, ter en conta os dereitos de imaxe se non somos os propietarios. A fotografía que utilicei foi tomada de La Región. Posiblemente foi cedida por Rafa Salgado tal e  como ven sendo habitual, non só o diario local, senon tamén para outros medios de comunicación escrita ou audiovisual. En todo caso, seguro que o amigo Rafa axudarame a completar datos e sexa quen sexa o propietario cederá o dereito ao uso para unha causa educativa e divulgativa do noso patrimonio cultural e histórico sen ánimo de lucro.

Antigo Garaxe Hispano Americano, o edificio "Chevrolet" Fonte: enlace


REEDICIÓN:


Envíanme un comentario aportando os seguintes datos. A fonte, citada anteriormente, é La Región (Historia en cuatro tiempos). A imaxe trátase dunha postal que forma parte dunha colección e o fotógrafo é Pacheco (probablemente Augusto). Grazas pola información.


lunes, 16 de abril de 2012

O AVO VISITA O COLEXIO

O pasado mércores 11 de abril desvirtualizamos a Rafa Salgado. Eu xa tiven a sorte de facelo hai anos atrás grazas a outra pasión que penso temos ambos en común, o baloncesto.

Rafa Salgado do AVO amósanos unha cámara "dixital" do s. XIX
Un 12 de marzo de 2008 fai a súa primeira entrada do blog ourensenotempo falando da Rúa Pereira (Avda. de Pontevedra) e os seus cafés Regio, Unión, Victoria e Iberia. Curioso e retrospectivamente moi apropiada, porque estos son os lugares onde un se pasaría horas escoitando a este home que fixo da fotografía algo máis ca un hobby.

"Eran outros tempos, outro ritmo de vida, o traballo era duro, sobre todo nas zonas rurais, pero a xente gozaba mais dá rua, calquera escusa era boa para pasar unha tarde de paseo, ou nas terrazas dos cafés de moda."

Ao falar de Ourense pónselle un brilo especial nos ollos e consigue transmitir aos que o escoitamos unha parte desa paixón. Tiveron que transcurrir 1.377 entradas no seu blog, ata a data de hoxe, en pouco máis de catro anos. A hestorea, contos da cibdade, deportes, eles fixeron Ourense, escenarium, fontes, mapas e planos, os edificios, os Maristas, Ourense musical, pontes, prazas, publicidade, recordos estudiantís, rúas, Salesianos, Trives, veciños célebres, vixiantes do pasado e xornais publicacións son as etiquetas que recollen cantidade de información e imaxes que asimilar e sobre as que profundar.

Premede sobre as imaxes, para ampliar, ou o video.



Ao remate da charla algúns alumnos achegáronse para facerlle algunhas cuestións. Rematou asinando algún exemplar do seu libro e tamén algún que outro autógrafo ante a insistencia dalgúns alumnos que quedaron encantados coa súa charla.

Rafa Salgado conversando con algúns alumnos ao remate da charla


miércoles, 11 de abril de 2012

BOMBA NUCLEAR SOBRE OURENSE

Afortunadamente o título do post é tan só ciencia ficción, pero non o foi para centos de miles de xaponeses que sufriron o terror desta arma letal ao remate da II Guerra Mundial.

Bomba sobre Hiroshima

Albert Einstein formulara a ecuación cecáis máis famosa da historia E=mc². Non son físico, pero vennos a aportar que a materia e a enerxí­a son formas distintas da mesma cousa. A materia pódese transformar en enerxí­a, e a enerxí­a en materia. Esta fórmula propiciou a base para fabricar as bombas atómicas.

Inicialmente Enrico Fermi desenvolve o primeiro reactor nuclear, e recibe un Nobel en 1938. As súas aportacións levarán a Robert Oppenheimer a liderar o Proxecto Mahattan que tiña como obxectivo desenvolver a primeira bomba atómica antes de que Alemaña o lograse. O final deste capítulo da historia, lamentablemente, coñecémolo ao ser lanzadas as bombas sobre Hiroshima e Nagasaki en agosto de 1945.

Atopei na rede esta aplicación que nos permitiría coñecer o alcance dunha detonación similar á de Hiroshima sobre a cidade de Ourense (concretamente coloquei o punto 0 sobre a Ponte Vella).

Os efectos dunha bomba atómica de 15 kilotóns, similar á lanzada sobre Hiroshima o 5 de agosto de 1945.
Os valores traducidos serían os seguintes, en base á unidade de presión psi (ponds per square inch - libras de forza por pulgada cadrada) 15 psi equivalen á presión atmosférica a nivel de mar de 1013 mb (1 atmosfera de presión). Ter en conta que é unha recreación e non ten en conta variables coma as de altitude, tipos de suelo, clima, etc.

15 psi = Nun radio de 610 metros a destrucción completa de estructuras de formigón armado, como a Torre de San Martiño no Parque de San Lázaro.Gran destrucción deste tipo de estructuras.
7 psi =  Nun radio de 910 metros o daño severo ás construccións de formigón armado.
5 psi = Nun radio de 1.120 metros a destrucción completa de casas e edificios de pouca altura, e de moderado a severos danos a estructuras de formigón armado.
2 psi = Nun radio de 1.950 metros o dano severo ás casas ordinarias, e de lixero a moderado dano a estructuras de formigón armado.
1 psi = Nun radio de 2.880 metros a calor danará moderadamente todas as estructuras.
0,25 psi = Nun radio de 7.380 metros todas as estruturas de vidro romperanse dentro deste anillo, algunhas con forza suficiente como para causar lesións aos cidadáns. E nun radio de 15.120 metros estaría afectada pola radiación.
¿O resultado sería algo así?

Invasión aliada. Fonte: enlace





martes, 10 de abril de 2012

O WOLFRAMIO DE OURENSE: LOBOS SUCIOS

Dando continuidade á entrada de onte, comentarvos que no ano 2007 presentouse na Rúa o documental "Lobos Sucios" que aborda, ao longo de case media hora, a extracción de wolframio nas minas de  Casaio. O título xoga coas palabras "wolf" e "ram" de wolfram (wolframio) que literalmente traducido do alemán significa "Lobos sucios".

Eva Abal Terrón a neta de Tomás Terrón Mendaña, mestre en Casaio (Carballeda de Valdeorras) nos anos 40 e xerente das minas onde traballaron 461 presos políticos, o neto do preso político andaluz Miguel Angel Cardeñas e o escritor Manuel Rivas protagonizan o documental “Lobos Sucios”, que enlaza a extracción de wolframio na “Cidade dos Alemáns” coa memoria histórica da comarca.

O director do documental é o rués Felipe Rodríguez Lameiro quen intercalou o tema central do documental, a extracción de wolframio, coa memoria histórica despois de coñecer ao neto do “maquis” andaluz na exhumación dos seus restos pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, a primeira que se fixo en Galicia. 

Cando os alemáns viron que perdían a guerra, dinamitaron o centro da mina, aínda que postriormente continuaría activa en mans privadas ata o ano 1963 cando cesa definitivamente a actividade.




lunes, 9 de abril de 2012

OURENSE E O III REICH

Conta Juan Eslava Galán no se libro "Os anos do medo", que certo día aparecéronselle a un paisano dous señoritos cun alemán traxeado, moi elegante. Os señoritos, coñecidos do labrego, achegáronse a él e dixéronlle:
- O alemán quéreche comprar a casa. Pero só as paredes. Leva as pedras e quédache o solar para facer outra casa. Dache 20.000 pesetas para facer unha casa máis grande e aínda che sobra a metade.
Finalmente conseguen convencer ao labrego que sabía do brilo especial que tiñan as pedras da súa casa cando lles daba o sol, e que tamén desas pedras as había a mans cheas polo monte adiante, pero era un negocio redondo e vendeu. O que non sabía era que a súa terra convertiríase no principal suministrador de wolframio para a Alemaña nazi.


Ninguén dubida que a riqueza xeolóxica de Galicia fixo que os fenicios, coñecedores da mesma, hai máis de tres milenios obtivesen o codiciado estaño da nosa terra. Máis tarde chegaría a extracción do ouro polos  romanos que, como sabedes, deu a orixe etimolóxica (supostamente) á cidade de Ourense. Os mesmos romanos neste empeño chegaron a desviar o curso do río Sil coma foi o caso do Montefurado no s.II, en tempos de Traxano, como complemento á extracción aurífera que se facía nas Médulas.

As Médulas. Fonte: Wikipedia

Na actualidade o granito e a pizarra son os principais motores da economía mineira galega. Cabería destacar tamén a mina de magnesita en Rubián (O Incio, Lugo), unha das máis importantes do mundo, e as grandes reservas de cuarzo con case a metade da producción española. Engadir tamén os tempos de bonanza que vivíu Galicia co carbón e por suposto a riqueza, na actualidade, das augas  minero-medicinais coas que contamos na provincia en abundancia.

Termas de Outariz nas Burgas de Canedo
É descoñecido por moitos a gran importancia que tivo a minería do wolframio na provincia de Ourense durante os anos da II Guerra Mundial. Este foi un mineral altamente estratéxico para o III Reich xa que foi empregado para aumentar o punto de fusión do aceiro o que fixo, por exemplo, aumentar a protección dos carros blindados alemáns ou facer canóns máis resistentes ás explosións. España (Franco) e Portugal (Salazar) eran os únicos países onde os alemáns podían extraer este mineral e ademáis en ambos, ditadores simpatizantes do réxime nazi. Na provincia da Coruña, en Barilongo había unha importante mina, e tamén en Salamanca, aínda hoxe a máis importante de España e a 3ª en Europa.


Coñecedores da riqueza de wolframio en Ourense decidiron establecer a Casaio (Valdeorras) como fonte principal do suministro para os nazis, e alí atopamos a Mina dos Alemáns. Éstos crearon un holding, Sofindus, con numerosas empresas que se adicaban a xestionar os intereses xermanos en Galicia e a pagar a prezo de ouro o wolframio ourensán.

Mina dos Alemáns en Casaio (Valdeorras) Foto: enlace
Mineiros de Casaio. Fonte: enlace

Esta mina servíu tamén de "campo de concentración" para que os republicanos españois pagasen condea. A mina estivo funcionando ata 1954, abastecendo de mineral para a Guerra de Corea (un dos acontecementos salientables da Guerra Fría). Dende ese ano ao 1963 estivo explotada por empresas privadas ata o seu abandono definitivo nese mesmo ano. 

Saíndo dunha galería. Fonte: enlace

O elevado prezo do mineral desenvolveu un estraperlo. Moitos campesiños facían extraccións clandestinas para vendelas aos Ingleses e Norteamericanos no mercado negro. Unha forma de enriquecerse rápida e tamén de enfurruñar aos nazis.

miércoles, 4 de abril de 2012

A CASA DA NUBE

Non é a primeira vez que algún alumno ou alumna pregunta, nas visitas que facemos pola cidade, cal é o significado desta obra. Non é fácil de explicar, sobre todo para os máis novos. Tal vez o é en canto á intención primeira do artista pero en menor medida ao estilo ou corrente na que se encuadra esta obra, xa que non é ata 4º cando introducimos a arte do s.XX. A Casa da Nube (Luis Borrajo, novembro 1989)   sita no emprazamento  termal cultual da praza das burgas é un claro exemplo de escultura abstracta en aceiro cortén, encuadrada dentro da corrente do constructivismo, "a arte pode e debe exercer un impacto na sociedade", Tatlin, V.

A Casa da Nube (Novembro 1989) de Luis Borrajo. Foto: José Luis Guede 2007

Comezo por presentar ao seu autor, Luis Borrajo (1950-2005). Na súa curta vida, este artista vinculado á xeración de artistas ourensáns dos 70, realizou dende o seu estudo de Vilardevós diversas obras que reciben influencias diversas dende Anthony Caro, Eduardo Chillida, Malevich ou mesmo Jorge Oteiza.

Estudio de Luis Borrajo en Vilardevós. Foto: Antón García de Buciños

Inicialmente traballará con Acisclo Manzano Freire. As súas primeiras obras están en relación cos apeiros de labranza galegos e pronto comeza a experimentar co ferro e aceiro cortén que foi a súa grande paixón, de xeito que Luis Borrajo é coñecido coma o poeta do ferro.

Luis Borrajo o poeta do ferro. Fonte: La Voz de Galicia dixital. Foto: Miguel Villar

A obra que nos ocupa está realizada en aceiro cortén de chapa de 20 mm coas dimensións do conxunto de   4,27x1,98x2,94 no momento da súa instalación . Este material ten a particularidade que cando se oxida, crea un película protectora que o fai impermeable á auga e á corrosión atmosférica polo que non necesita ningún tipo de protección extra ou pintado. Esta peza é un claro exemplo do emprego deste material pero non o único en Ourense. Temos varias obras deste artista na nosa cidade que vos pedirei identificar.

Luis Borrajo será o primeiro escultor que aplique a abstracción á escultura pública monumental en Ourense. Recibe o encargo para a praza das Burgas e concibe a peza, dacordo co arquitecto José Manuel Casabella, entre as dúas fontes, a de Abaixo e a do Medio. A obra ten un marcado simbolismo xa que en tempos existía unha ferreiría polo que a perspectiva da obra simboliza ese traballo en consoancia co vapor que emana a piscina da Burga do Medio. Segundo o propio autor, "a peza pode e debe ser penetrada polo espectador". Pregúntome a maneira de facelo posible agora, porque trala reforma deste espazo non se tivo en conta o seu desexo, ubicándose na actualidade nun pedestal que impide calquera interacción co espectador salvo, evidentemente, a visual.

A Casa da Nube (Novembro 1989) - Luis Borrajo. Foto: José Luis Guede 2007

Penetrando a peza, tal e como propuña o autor. Foto: José Luis Guede 2007

A intención inicial desaparece trala actuación feita no entorno das Burgas, perdéndose así a intencionalidade que propuña Luis Borrajo.

Foto: José Luis Guede 2012

Como curiosidade dicir que era tío da diseñadora ourensá Raquel Sousa, unha ex-alumna do colexio que recentemente resultou premiada na II edición de "Mad About Shoes" de Sacha London.

Raquel Sousa á esquerda..
Fonte da imaxe: web de Sacha London



Zapatos cos que Raquel Sousa gañou o segundo premido do concurso de Sacha London "Mad About Shoes".
Fonte da imaxe: web de Sacha London


ACHEGADE IMAXES DAS OBRAS DE LUIS BORRAJO PRESENTES NA CIDADE DE OURENSE. AMOSA TAMÉN ALGUNHA DAS SÚAS OBRAS NA PENÍNSULA.

Axúdovos cunha das súas obras en Santiago de Compostela titulada Encuentro cardinal.

Monolito Encuentro cardinal. Luis Borrajo.

martes, 3 de abril de 2012

PECHADO POR VACACIÓNS

Sei que algúns de vós tendes lido o blog nesta semana. Por un erro publiquei algunha entrada que vos chamou a atención, sobre todo a das consecuencias do impacto dunha bomba nuclear en Ourense. Non vos alarmedes, deixei programadas varias entradas así que voltará de novo, pero nesta ocasión cunha curiosa imaxe como novidade. Marcho uns días a visitar a uns "amigos", para desconectar e voltar con máis pulos. Felices vacacións.

Voltamos a visitar a algúns "amigos"








A SEMANA TRÁXICA E A ESCOLA MODERNA

No 1912 estableceríase un protectorado hispanofrancés na zona de Marrocos, correspondéndolle a España a zoa do Rif. Esta fórmula admitía un doble poder, por un lado o local en mans dun jalifa, o representante do sultán e pola parte española un alto comisario. Estamos pois a conmemorar centenario  do protectorado de Marrocos.

A presenza española neste territorio estivo mal vista e foi atacada polos locais organizados en cabilas. A derrota do exército español no chamado Barranco do Lobo ocasionou numerosas baixas que pronto provocou un movemento de protesta popular.

Esta movilización popular orixinada en Barcelona no mes de xullo do 1909 iniciouse en forma de folga que derivou nunha revolta popular nas rúas. O goberno de Maura decidíu establecer o Estado de guerra e reprimir violentamente esta revolta. Entre as condeas a morte destacaba na aula a de Francisco Ferrer Guardia, o fundador da Escola Moderna.

Ferrer i Guardia detido pola Guardia Civil, momentos antes do seu fusilamento.


Con este acontecemento culminei o feito histórico coñecido como a Semana Tráxica o cal trouxo como consecuencia inmediata que o rei Afonso XIII disolvese as Cortes e traspasase o goberno aos liberais.




Un dos feitos salientables foi precisamente o fusilamento de Ferrer i Guardia quen baseou o seu proxecto de Escola Moderna en 10 puntos básicos.

Ferrer i Guardia. Imaxe: Wikipedia



1.- Coeducación de sexos.


2.- Coeducación de clases sociais.


3.- Hixiene da escola e do alumnado.


4.- Contacto coa Natureza.


5.- Educación a través do xogo.


6.- Traballos manuais.


7.- Laicismo e antiautoritarismo (tamén polas circunstancias antimilitarismo).


8.- Estudo de Ciencias, Astronomía, Filosofía e Historia.


9.- Corresponsabilidade alumnado, profesorado e titores.


10.- Nin exames, premios ou castigos.














Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER