domingo, 26 de febrero de 2012

CO MUNDO A COSTAS

Rematamos a semana pasada o bloque correspondente á xeografía. Propuxen ao meu alumnado, de xeito voluntario, unha última actividade que enlaza o que xa saben coa vida real.  Esta mañá na ducha, lugar onde por certo veñen en ocasións grandes ou pequenas ideas, pensaba nas propostas que lles lanzara ao aire e o ben que recollen as cousas, con qué ilusión.




Tocaba escoller a roupa que ía poñer, algo que cos anos leva menos tempo decidir. Ocorréuseme entón que a entrada de hoxe tiña que enlazala coa proposta feita o xoves nunha das aulas de 1º e aportar algún elemento máis para que reflexionen. Lembrei que fixeramos algunha actividade na aula relacionada coas etiquetas das prendas de vestir e a xeografía política. 

Co Mundo a Costas é o título da entrada. Decidín este título porque o meu "uniforme" consistíu nunha pequena ONU que irei transportando polas rúas da cidade. Poderíanse engadir outros complementos e continuar sumando pero considero que eu "cozo" e a vós tócavos  "enriquecer" a actividade.

CO MUNDO A COSTAS

viernes, 24 de febrero de 2012

ROSALÍA 175 ANOS DESPOIS

"No importa que los sueños sean mentira, ya que al cabo es verdad que es venturoso el que soñando muere, infeliz el que vive sin soñar." Rosalía de Castro.


Se non vai de xeito automático, recomendo ler a entrada con este tema de fondo. Dálle ao "play" sen medo e súbelle o volume.

Hoxe conmemórase o día de Rosalía de Castro. Non é a primeira muller á que se adica unha entrada especial no blog nen será, evidentemente, a última. Comprometida cos dereitos da muller, denunciou a súa situación no s. XIX.



Poetisa e escritora de Santiago. Nace tal día coma hoxe no ano 1837. Casada con Manuel Murguía no 1858, falecería en Padrón un 15 de xullo de 1885 con tan só 48 anos. Coa súa obra "Cantares Gallegos" iníciase o Rexurdimento galego e con él a revitalización da nosa lingua. No século XIX a lingua galega estaba moi desprestixiada e incluso desprezada socialmente, considerándose un mero dialecto polo que é comprensible que a maior parte da súa obra se atope en castelán.

Dos meus anos mozos gardo varias lembranzas de Rosalía. Unha delas ben agradable porque cando estaban no peto un tiña certa autonomía. Para aqueles principios dos 80 con 100 pesos daba para moito máis que os 3 euros correspondentes de hoxe en día. Falo dos billetes de 500 pesetas, no anverso a imaxe de Rosalía e no reverso a súa casa en Padrón.


A segunda lembranza, por orde de aparición, é un tema de Amancio Prada, un cantautor de Ponferrada (León) que se caracteriza por interpretar obra de Rosalía ou Federico García Lorca. O tema que acompaña a entrada de hoxe é Campanas de Bastabales (poema 15 de Cantares Gallegos) é precisamente deste cantautor..., "cando vos oio tocar mórrome de soidades."

Na viaxe que faciamos con 3º a Santiago, incluiamos a visita ao CGAC e xusto ao seu carón temos a San Domingos de Bonaval. Alí no Panteón de Galegos Ilustres, atópase a tumba de Rosalía xunto a outros galeguistas destacados coma Castelao, Ramón cabanillas, Alfredo Brañas, Domingo Fontán ou o escultor Francisco Asorey.





miércoles, 22 de febrero de 2012

DOSSIER DE XEOGRAFÍA

Estivemos a traballar coa xeografía física e política en 1º ao longo de varias semanas. Empregamos coñecidos xogos flash como os mapas de Enrique Alonso ou estos outros en inglés. Unha das propostas que fixen este curso, para casa e para clase, foi a realización dun dossier onde o alumnado deseñaba unha portada para o dossier de cada continente e o organizábamos os contidos en diferentes seccións:

"A prensa dí, nos dicimos": nesta sección recompilábanse recortes de prensa que tivesen unha especial relación cos contidos traballados. Noticias de actualidade principalmente pero tamén recortes de revistas, suplementos ou calquera publicación que resultase de interés para o alumnado e que tivese algún nexo cos contidos que se estivesen a traballar nesa semana.  Adicamos uns minutos ao ininicio da clase para comentar algunhas destas noticias que consideramos relevantes e unha breve posta en común. O número de noticias foi superior ao tempo destinado para esta actividade. Tamén a idade do alumnado foi motivo para que se dese un tratamento escueto e moi adaptado ao nivel educativo.

Imaxe Flickr ver enlace

 "Quero saber máis de...e o comparto": Esta segunda sección recolle todos aqueles traballos de ampliación que a criterio do alumnado desexan incluir no seu dossier. Houbo varios e diversos coma a investigación sobre a cordilleira dos Andes, o lago Titicaca, o deserto de Atacama, Estreito de Magalláns, o triánglo das Bermudas, Aconcagua, cataratas de Salto Ángel, a península de Iucatán, o Gran Canón do Colorado, o monte Atlas, as fontes do Nilo, o lago Chad, o deserto de Kalahari, o Nilo, a península de Sinaí e a canle de Suez, Madagascar, a reserva de Masai Mara e o parque de Tsabo, o parque do Serengueti, o val do Rift, lago Baikal, a presa das Tres Gorxas, e moitos máis. Tamén realizáronse sobre estados, capitais, cidades e monumentos famosos. Acabei descubrindo, coma eles, moitos detalles descoñecidos ata o momento.
Fonte da imaxe: enlace

"O Album familiar". Fotos das viaxes que nós mesmos ou os nosos familiares teñen feito nos distintos países e lugares dos que falamos en clase. Esto levoume a planbtexar unha nova actividade, pero será para o curso 2012-2013.



"O profe propón": esta é unha sección obrigatoria, feita na aula en horario lectivo, na que a través de distintas actividades reforzamos conceptos e lembramos contidos de temas anteriores relacionándoos co tema a tratar como por exemplo actividades relacionadas coas escalas, a orientación, localizar con precisión, fusos horarios, "Tutti Frutti" Xeográfico, "Pasapalabra Xeográfico", etc


A experiencia dinos que as actividades voluntarias aos poucos son relizadas pola case totalidade do alumnado. Uns tiran dos outros. É frecuente que non teñamos tempo dabondo para tratar todas as actividades polo que temos que seleccionar e decidir entre todos as que resultan de maior interés. Algunhas actividades que gustaron foi a realización do mapa da UE ou o mapa da Champions League (ou Euroliga de baloncesto, a escoller), como o que nos envía Inés de 1ºB.


A próxima entrada adicareina a outra actividade relacionada coa xeografía. A partir da "xeografía dun lápis" elaboramos un traballo realmente interesante que derivou en outras alternativas a proposta do propio alumnado e xurdida tamén do debate establecido na aula.


viernes, 17 de febrero de 2012

GUIA DO OCIO NO OURENSE MEDIEVAL EN PROCESO

Comezamos esta semana a traballar coa "Guía do ocio no Ourense medieval". Fíxose na primeira sesión a distribución de grupos de forma libre. Tralo chuvia de ideas e posterior  debate dentro de cada grupo sobre a forma de orientar o seu traballo,  comezouse a elaborar os primeiros bocetos do que será o traballo e o alumnado comezou a procura de información.



Esta é a primeira actividade que facemos cos ordenadores do Proxecto Abalar, entre outras cousas porque acaban de chegar coma quen dí, polo que á primeira oportunidade que tivemos xa lle estamos a dar uso.

As primeiras conclusións deste traballo colaborativo, ata o de agora, son moi positivas. Este método de ensino-aprendizaxe permítenos que un grupo de estudantes se enfronten a un reto para o cal teñen que deseñar un proxecto de traballo, chegar a acordos e tomar decisións. Ante a inicial inseguridade, a medida que fomos avanzando o traballo, perocíbense máis seguros e totalmente inmersos na tarefa. Todos os membros do grupo síntense útiles porque todos poden e deben contribuír.



Algunhas valoracións recollidas trala sesión 2:


  • O alumnado participa activamente do proceso ensino-aprendizaxe.
  • Valóranse as distintas contribucións dos membros de grupo e as propostas de outros grupos.
  • Apréndense técnicas que lles están a permitir solventar as pequenas dificultades que van xurdindo.
  • Eu convírtome ao mesmo tempo en aprendiz porque tamén aprendo do propio alumnado.
  • O alumnado está involucrado no seu propio aprendizaxe.
  • Percíbese unha maior motivación naquel alumnado con dificultades no seu aprendizaxe.
  • O alumnado aprende mellor cando é partícipe do propio proceso.
  • Están a aprender máis do que se lles podería ensinar pola vía tradicional de clase maxistral.
  • Teñen a percepción de que todos son necesarios para elaborar o traballo e que ninguén terá éxito se non o teñen en conxunto.

martes, 14 de febrero de 2012

FELIZ SAN VALENTÍN

Non é a primeira vez que San Valentín ocupa unha entrada no blog. Dende que comezou a andar, cada 14 de febreiro ten adicada unha entrada no seu día. Na primeira delas fixemos un rápido percorrido polo fundamento histórico da vinculación do santo cos namorados (ver enlace). Nunha segunda entrada, colguei un video titulado "A short love story in stop motion" de Carlos Lascano (ver enlace).

Love en Flickr

O mundo do cine e a literatura deixou grandes historia de amor. Coñecidas son as historia de Romeo e Xulieta, Tristán e Isolda, Calisto e Melibea, Paris e Helena, Odiseo e Penélope, Orfeo e Eurídice, ou mesmo Cleopatra e Marco Antonio. O mundo do cine tamén recreou grandes historias de amor. Da comedia romántica "Love Actually" ofrézovos un pequeno corte no que o protagonista (o actor Hugh Grant) narra coa voz en off a importancia do amor no mundo e que O AMOR, en realidade, ESTÁ EN TODAS PARTES.




domingo, 12 de febrero de 2012

A GUIA DO OCIO NO OURENSE MEDIEVAL

Xa está dispoñible a guía para comezar o traballo sobre o Ourense medieval. O obxectivo principal encuádrase dentro dun xeral que é o de recoñecer á cidade de Ourense coma un gran espazo de aprendizaxe. A cidade ábrese coma unha aula aberta con múltiples posibilidades que están por descubrir para o noso alumnado. Entre os obxectivos específicos para esta fase do traballo son os seguintes:

  • Explicar a revitalización medieval da cidade de Ourense e o posterior crecemento a partir do vilar. (Competencia social e cidadá)
  • Identificar as principais actividades urbanas do Ourense medieval. (Competencia social e cidadá)
  • Distinguir os principais grupos da sociedade ourensá medieval. (Competencia social e cidadá)
  • Relacionar os distintos grupos da sociedade ourensá e comprender os seus distintos modos de vida. (Competencia social e cidadá)
  • Coñecer a distribución da cidade medieval ourensá, rúas, prazas, portas e principais edificios. (Competencia do coñecemento e interacción co mundo físico)
  • Comprender como cambiou o espazo urbano medieval. (Competencia espacial)
  • Reflexionar sobre a difusión cultural na Idade Media. (Competencia cultural e artística)
  • Comprender a relación que houbo entre o crecemento da cidade e o desenvolvemento da artesanía e o comercio na cidade. (Competencia social e cidadá)
  • Entender o contexto histórico e social a partir dos datos obtidos. (Competencia aprender a aprender)
  • Elaborar textos propios que inclúan vocabulario axeitado. (Competencia en comunicación lingüísitca)
  • Comprender,  analizar e interpretar os datos atopados. (Competencia dixital)
  • Sintetizar os datos. (Competencia no tratamento da información)
  • Estimular o pensamento crítico do noso alumnado para idear conclusións e xustificalas. (Competencia da atonomía e iniciativa persoal)

sábado, 11 de febrero de 2012

O POR QUÉ DOS PROXECTOS COLABORATIVOS

Esta semana propuxen un proxecto para comezar algún traballo colaborativo na cidade. O blog seica non ten todavía a suficiente "cobertura", os mestres non se arriscan ou ben non encaixa coa programación no momento actual do curso para moitos de vós. O caso é que eu sigo avanzando e se non é agora, será máis adiante cando poidamos atopar un oco para cooperar, pero nós o luns comezamos o traballo.

A guía de traballo está xa rematada. Estará mañá dispoñible no blog a través dun arquivo pdf. Se alguén a quere só ten que enviar un correo a csjguede@gmail.com. Algunhas imaxes para ir abrindo boca das 16 páxinas que a compoñen.




Do meu ex-colexio dos Maristas respondeu Fernando Ampudia, profesor e coordinador do departamento de Historia. Aproveito para agradecerlle o interés e tamén para presentarvos o blog que iniciaron neste curso escolar e que comeza a andar. Dende Civitas Auriensis dámolles a benvida e deséxolle continuidade. Nel poderedes atopar enlaces interesantes, sobre todo o referido ao estudo da cidade. Premede sobre a imaxe para acceder.



?Por qué proxectos colaborativos? Porque existe a urxente necesidade de que os centros educativos deixen de ser illas.



Xa o informe Delors falaba de aprender a coñecer,  aprender a facer,  aprender a ser, e aprender a estar, ou o que é o mesmo, a saber vivir en comunidade -convivir-. Unha das cuestións que me animou a lanzarme ao inmenso mundo das tecnoloxías foi o exemplo doutros compañeiros e compañeiras vía Twitter principalemente pero sobre todo as reunións ás que teño asistido dende o 2004 e nas que tiven a sorte de coñecer a profesores doutros centros cos que poder intercambiar opinións que xeneraron novas ideas.

Nun mundo cambiante coma no que nos toca vivir a escola non pode permanecer inmóvil, estática, ríxida e non afrontar o reto que o alumnado demanda e que xa está a envíar sinais que son puras evidencias dun sistema obsoleto. As novas formas de comunicarse e de aprender que eles teñen fan que teñamos que buscar novas respostas metodolóxicas coas que lle facer frente.
Imaxe jens_olar en Flickr

Haberá que manter o imprescindible, o fundamental, pero tamén debemos buscar novas estratexias para que a escola non sexa percibida como un lugar de transmisión principalmente de conceptos e sí como un lugar flexible, aberto, participiativo onde se aposte pola interdisciplinariedade, a cooperación entre mestres de distintos centros e se intercambie información  porque esto permitirános a reflexión conxunta, unha posta en común que nos ofreza un feedback constructivo e a posibilidade de formular novas propostas nas que o principal beneficiado será o noso alumnado e nós mesmos sen lugar a dúbidas.









martes, 7 de febrero de 2012

PRÓXIMAMENTE: GUÍA DO OCIO MEDIEVAL

Un dos obxectivos que me marquei para este curso escolar é o de procurar iniciar algún proxecto colaborativo con outros centros. Sería interesante comezar polo ámbito local e máis cercano aínda que non está excluído ninguén que se queira sumar a esta idea.

Coma mestres tentamos que o aprendido na aula teña unha aplicación práctica máis alá das catro paredes. Tamén tentamos buscar métodos que axuden ao alumnado a interiorizar mellor os contidos que nos veñen dados por lei. Para o estudo concreto da Idade Media, entre outros, Ourense nos ofrece múltiples posibilidades educativas. Levamos xa uns cursos coa idea de convertir á cidade nun ámbito de aprendizaxe. Os seguintes pasos serían tentar deseñar un proxecto interdisciplinar a corto prazo que teña á cidade de Ourense como telón de fondo que espero poder compartir con todos vos. Os que teñades interés en sumarvos a esta proposta podedes escribir ao correo do blog csjguede@gmail.com.

Para iniciarnos, comezo co nivel de 2º de ESO co que traballaremos nunha:

 GUÍA DO OCIO MEDIEVAL EN OURENSE.

Portada do proxecto. Imaxe: AHPO

Ao longo desta semana colgarei o proxecto en formato pdf., aínda lle falta facer algunha que outra corrección. Podedes enviar suxestións que serán ben acollidas.


lunes, 6 de febrero de 2012

OURENSE: SAFARI FOTOGRÁFICO V

Esta semana facía referencia ao meu avó Antonio e ao seu traballo na metalurxia de Rogelio Fernández. Cando no 1926 se inaugura a empresa contaba con 16 anos recén cumpridos e entraba a traballar como aprendíz. Anos máis tarde, cara ao 1934, inaugúrase o edificio do arquitecto Manuel Conde Fidalgo na rúa de Paz Nóvoa. Na construcción metálica do edificio correu a cargo de Rogelio Fernández así como a fundición dos balcóns, deseño do arquitecto e que leva tamén a man de Antonio Losada.

Edificio Conde Fidalgo. Foto: José Luis Guede
O amigo Rafa Salgado de ourensenotempo seguro que nos aportaría máis información sobre o tema dos inicios do cine na cidade, algunha entrada ten adicado no seu blog por si tendes interés. Precisamente ahí atopamos a relación coa proposta de hoxe. Cara ao ano 1912 está tomada a fotografía de abaixo. Na rúa Paz Nóvoa ubicaríase o cine Pinacho (Barbagelata) e posteriormente na misma rúa e esquina rúa do Alba levantaríase o edificio Conde Fidalgo. Esta é a toma de hoxe.

Rúa Paz Nóvoa 1912. Cine Pinacho (Barbagelata) segundo edificio pola esquerda, Foto: Lisardo Mazaria tomada neste enlace.
Comezan a chegar os primeiros "bocetos" para o que será o traballo definitivo. Amósovos o que me envía Andrea, Aldara e Alejandra de 2ºB feito con PhotoPeach.


viernes, 3 de febrero de 2012

A MAN OU A MÁQUINA: II

Andrea 2B preguntoume por algunha ferramenta máis para a realización dos traballos sobre o "Safari Fotográfico". Xa presentamos na entrada "A man ou a máquina: I" algunhas delas. Na entrada de hoxe farei referencia a algunhas novas que poden resultar de interés e lembrarvos outras das que xa falamos, ben no blog ou na clase.

  • Glogster é unha ferramenta 2.0 que vos permite crear murais dixitais permitindo inserir imaxes, textos, audio ou video coa posibilidade de imprimilo, inserilos no blog ou proxectalo na PDI. Podedes atopar algúns tutoriais na rede que vos axuden a comprender mellor o seu manexo e descubrir tamén algunhas limitacións que ten. Algún video titorial neste enlace ou neste documento.


  • Photopeach permitiravos tamén grandes posibilidades, dende pequenas presentacións para a exposición dos vosos traballos e o proceso que seguídeches, narracións, etc. Nesta presentación de Ana Basterra e Loli Álvarez atoparás algunhas ideas e tamén un tutorial neste enlace.


  • Scrapblog é outra ferramenta 2.0 para editar imaxes en liña e unha ampla variedade de elementos decorativos. Existes plantillas que se poden empregar para crear a partir delas ou ben comezar cunha en branco. Algunhas das funcións son de pago como en tantas outras aplicacións, pero coas gratuitas será máis que suficiente. Neste enlace atoparás un video titorial.

  • Remato a entrada con Wix, unha ferramenta de grandes posibilidades. Amáis de poder crear sinxelas páxinas web, galerías de fotos, presentacións. Atoparedes tamén cantidad de información e titoriais na rede sobre o seu fácil manexo porque se basa no "corta-pega" ou arrastrar obxectos.

jueves, 2 de febrero de 2012

A BARANDILLA DA PONTE DA BURGA: ANTONIO LOSADA FECIT

Cousas da vida. Tiveron que pasar 42 anos para enterarme que tódolos días laborables atópome cunha obra do meu avó, case que a acaricio. Tivo que ser na xuntanza do Nadal cando a miña nai soltouse a falar daqueles tempos pasados. Entre outras cousas que contou ista foi especialemente ilusionante. 
O meu avó Antonio Losada.
O seu pai, meu avó Antonio Losada nado un 10-10-10, foi un mozo que tivo que comezar a traballar na adolescencia como tantos outros da súa xeración. Botou prácticamente toda a súa vida na Fundición Rogelio Fernández. Nesta fundición realizouse a barandilla da Ponte Murallón na Burga e foi o meu avó quen a fixo. Non teño os datos exactos, pero gustaríame atopar o ano da súa colocación.

No blog aparece sobre a barandilla unha frase atribuída a Séneca que dí: "homines, dum docent, discunt", que ven a traducirse por, "os homes que ensinan, aprenden" pero que cen anos antes Cicerón acuñou cando dixo; "se queres aprender, ensina." O destino da vida.



O máis importante para min xa está dito, pero ¿quen foi Don Rogelio Fernández?

Rogelio Fernández. Imaxe tomada de La Región

Nado en Bande a finais do s.XIX e fillo de familia labrega pero acomodada, decide emigrar a Cuba con 14 anos pero non por necesidade. Unha vez alá, obtén o título de Perito Industrial e consigue unha beca para a Universidade de Columbia. Regresa a Cuba e ocupa postos relevantes en distintas industrias navais e azucareiras. Casado con Preciosa Quintas. De regreso a Ourense no antigo campo da feira (Parque de San Lázaro) instalaría no ano 1926 o seu primeiro negocio de construccións metálicas. Dela sairá a barandilla da ponte da Burga, a estructura metálica do Banco de España ou entre outras as barandillas ou o encofrado do edificio Conde Fidalgo incluidos os balcóns, deseño do propio arquitecto e fundidos na empresa de Don Rogelio. Este edificio foi inaugurado no 1934 e que tamén leva a man do meu avó Antonio.

A demanda fixo que ampliase o seu negocio á zona do Barco de Valdeorras nas que construirá as torretas metálicas para abastecer ás hidroeléctricas e no 1953 instálase en León. Alá tamén foi o meu avó, seica segundo palabras do fillo de Don Rogelio e padriño da miña nai, o mellor empregado e o máis cualificado que tiñan. Foi membro do Consello Superior de Investigacións Científicas do Instituto da Soldadura.

O texto  é unha adaptación dun  artigo publicado na Region o 16 de maio do 1998




miércoles, 1 de febrero de 2012

EU TAMÉN ME PRESENTO AOS PREMIOS ESPIRAL EDUBLOG 2012

Alá por marzo do 2009 lanceime á aventura do blog. Non era un mundo descoñecido para mín, pero supuña un tempo que tiña que estar disposto a sacrificar fóra da xornada escolar. Inicialmente non tiña máis pretensión que a que segue a ter hoxe, ser unha axuda para o alumnado do Colexio das Josefinas en Ourense e un espazo compartido onde atopar diferentes propostas de traballo, ferramentas ou sitios de interés. Hoxe, se pode ser ademáis un lugar de compartir experiencias no ámbito local mellor. Se finalmente alguén máis alá do "Padornelo virtual" encontra tan só unha idea que motive a súa labor docente e lle permita materializala na súas clases sería estupendo, máis aínda se lle engade o seu toque persoal e o comparte novamente.

Alegría. Foto de Carlos Bravo en Flickr

Na actualidade os blogs seguen a ter un gran potencial como ferramenta educativa. Entendo que aínda estou en fase "modo principiante" e queda un longo camiño por percorrer. Unha das competencias recollidas na lei é a de aprender a aprender. O vello paradigma educativo está a mudar lentamente, pero xa se teñen iniciado pasos que abrirán camiño aos que veñan por detrás ou aos que aínda estamos e queremos subirnos a esa nave da era dixital no ámbito educativo.


Unha das razóns polas que me presentei ao Premio Espiral Edublogs 2012 por segundo ano consecutivo é única e exclusivamente por aprender. Aprender de quen o fai ben, que non son necesariamente os mellores. Teño a sorte de aprender case a diario do meu compañeiro de seminario Antonio. Non ten blog, pero creédeme, se o tivese cánto gañariamos.

A inspiración é outro dos motivos. Son moitos os blogs que se presentan e algúns deles merece realmente a pena adicarlles tempo e aprender. Achegar ideas, en definitiva, novas propostas que fagan as clases un espazo de compartir e de saber facer fronte ao monólogo docente e a avaliación memorística. Dunha proposta dun compañeiro poden xurdir accións interesantes para un futuro inmediato.

Inspired. Foto: Alia Baroque en Flickr

Para rematar, tamén quixera dar a coñecer parte do traballo que se está a realizar no noso centro e compartir porque non somos illas. Aos poucos irán chegando máis propostas.

Se queres deixar o teu apoio en forma de comentario preme na seguinte imaxe, será benvido. Grazas.

Imaxe de amisabel_quintero en Flickr 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER