lunes, 30 de enero de 2012

OURENSE: SAFARI FOTOGRÁFICO IV

A entrada de hoxe é vai na liña das anteriores. Esta é moi faciliña, só ten a complexidade do ángulo pero coido que non teredes ningún problema. En realidade escollína porque ten unha dobre intención. Espero que nos vindeiros días vos comente a relación - algo que aparece na imaxe - coa miña familia, unha historia que descubrín estas pasadas festas do Nadal e que me deixou gratamente sorprendido e dende logo moi ilusionado.

Foto Cudeiro jr.

miércoles, 25 de enero de 2012

XOGOS SOBRE EUROPA

Unha nova proposta para aprender xeografía de forma lúdica a través da web deseñada pola holandesa Sonja Snoek. Ofrécenos unha serie de xogos educativos orientados a reforzar os contidos traballados na aula para todos aqueles que teñan curiosidade de por a proba os seus coñecementos, para nenos e tamén para maiores.

Premede na imaxe ou ben a través do seguinte enlace www.toporopa.eu/es/.


lunes, 23 de enero de 2012

BENVIDO ANO DO DRAGÓN 4710

Hoxe 23 de xaneiro é día de festa en China. Celébrase a Ani Novo Chino, o ano 4710 segundo o seu calendario. Tras dez anos durmido esperta o dragón, ese animal símbolo da boa sorte pola que tanto miran os chineses. Todo o contrario do que sucede na cultura occidental, tal e como acontece co dragón de San Jorge e ao que lle adiquei unha entrada anterior e onde se representa coma un animal malvado.



Na cidade existe a Asociación para a Promoción Cultural China en Ourense, YinYang, que naceu no ano 2007 e que ten como obxectivo principal achegar a cultura china aos ourensáns. Marisol Sun é a súa presidenta, afincada en Ourense hai máis de vinte anos e que xa ten colaborado nalgunha das miñas clases, hai xa uns anos, achegando as particularidades da súa cultura na época do Nadal e o Ani Novo.

O dragón na cultura occidental como xa comentie, ten unha connotación negativa, coma guardián ou custodio das princesas medievais. Non é moi frecuente ver dragóns pola nosa cidade que non sexa adornando algún negocio rexentado por chinos, pero na catedral podemos atopar uns chapiteis románicos con este animal milenario. Hoxe amósovos este co tema de San Jorge e o dragón.

San Jorge é mordido no seu brazo esquerdo polo dragón mentras lle crava a espada. Foto Anabelnikolai en Flickr

Podemos atopar esta e outras imaxes na nave norte da catedral, aínda que algunhas delas pola súa ubicación resultan moi complicadas de ver a simple vista. No cuarto tramo da nave norte vense dous dragóns co pescozo entrelazado e no mesmo tramo pero na nave sur, unha serea e un dragón entrelazando as súas colas.

Nave Norte da catedral de Ourense. Foto Vitor Ribeiro en Flickr




SAFARI FOTOGRÁFICO III

A imaxe de hoxe resultaravos tamén familiar ou eso espero. Achegade tamén a información que poidades do edificio que aparece na imaxe e da zona na que se atopa.


lunes, 16 de enero de 2012

OURENSE: SAFARI FOTOGRÁFICO II

Intentarei, mentras traballemos co proxecto da cidade, que todos luns teñan unha entrada adicada ao Safari Fotográfico. A imaxe de hoxe non é aleatoria. Xa apareceu na entrada sobre o campo da forca e ademáis o meu compañeiro Antonio está a traballar con ela en relación ao tema de España, Galicia e Ourense no XIX. Ista é a razón para seleccionar esta e non outra xa que nos sirve para traballar en diferentes niveis.

Neste lugar emprazouse a primeira central térmica da cidade que aparece na imaxe e tendes, algúns de vos,  un traballo de investigación e relación sobre "A Molinera" e esta imaxe.

Fábrica de electricidade dos Remedios de Francisco Conde Valvís (1895-1909)
Esta fábrica foi propiedade de Don Fancisco Conde Balvís, un empresario nado no 1860 en Valverde de Allariz e que desexou modernizar Ourense traendo a luz eléctrica, sendo a nosa cidade primeira de Galicia en contar con alumeado público por electricidade. Manuel Malingre, concelleiro en Ourense, aposta por traer a luz eléctrica ás rúas da cidade. Nun primeiro momento encargóuselle o traballo a Don José Vidal Porto no 1889 pero un ano máis tarde pasou a Conde Valvís. Non sería ata un 14 de xuño de 1895 segundo Vicente Risco cando Ourense viu por uns momentos a iluminación pública eléctrica.

Existe unha curiosidade que relaciona a Don Francisco Conde Balvís co noso Colexio. Don Francisco mercou a Don Santiago Saenz no 1907 a súa antiga fábrica de curtidos e que Conde Balvís convertirá en vivendas e tamén oficinas da súa empresa. Lembrade que as Siervas de San José chegaron procedentes Trives no 1934 e nun primeiro momento instaláronse na rúa Padre Feijoo. No 1940 adquirirán a Conde Balvís o edificio que sufrirá varias remodelacións ata acadar o que hoxe en día é. As últimas reformas corresponden ás obras de adaptación á ESO e de remodelación do patio no 1995.

viernes, 13 de enero de 2012

OURENSE NO XIX: I

Ao longo do s.XIX a nosa cidade mantívose prácticamente inalterable respecto do seu entramado medieval e non será ata finais dese século cando a vella Auria inicie o seu despegue cara ao desenvolvemento urbano.
Todavía neste século se conservaban as portas da cidade, pero serían derrubadas paulatinamente ata desaparecer todas (na actualidade consérvanse unhas pedras da Porta da Aira). No 1837 derrúbase, por exemplo, a Porta da Burga, a Porta da Aira e a da Horta do Concello.

Situación das portas derrubadas no 1837

Ourense no XIX seguía a ser básicamente rural cun nulo desenvolvemento industrial. A esta situación habería que engadir o illamento da cidade que non dispuña de vías de comunicación axeitadas coas outras capitais galegas ou do resto da península. Será no 1863 cando se abra a carretera de Villacastín (despois Xeneral Franco e hoxe rúa do Progreso).

Rúa Progreso (antigaa Xral. Franco e Cta. de Villacastín) Á esquerda o Hotel Roma (hoxe Galerías Roma)
Tamén nese misno ano 1863 inícianse as obras do ferrocarril que rematarían no 1881. Anteriormente, no ano 1856 realizouse o proxecto da liña Zamora-Ourense realizado por Práxedes Mateo Sagasta e que non chegará ata o 1958.
Estación de Ourense no 1938. Sobre os muros carteis propagandísticos do bando nacional.

Deixo algunhas actividades para que reforcedes os contidos do tema.

martes, 10 de enero de 2012

SAFARI FOTOGRÁFICO I

Comezamos o safari fotográfico pola cidade. Hoxe lanzo a primeira proposta nun dos enclaves máis coñecidos para todos nós. Ollade ao encuadre da Ponte Murallón. Ao pe da foto o desaparecido estanque.


miércoles, 4 de enero de 2012

PELOURO OU PELOURIÑO: REMAKE

Nunha entrada anterior, non hai moito tempo, fixen unha reseña ao pelouro de Ourense e que hoxe reedito para introducir novos elementos de discusión. 

Decidín retomar a entrada tempo atrás a raíz dunha conversa mantida con Don Antonio, un dos meus confidentes en canto á historia popular máis inmediata da cidade. Foi nunha mañá cando me atopaba facendo fotos á antiga ubicación dos lavadeiros das Burgas e tamén aos que na actualidade se manteñen nos baixos da Praza de Abastos os que adicarei tamén algunha entrada próximamente.

Saquei o tema do pelouro, case por casualidade, dunhas cousas que levan a outras e tamén por se me aportaba algunha novidade. Un dos problemas cos que nos atopamos é a falta de restos ou fontes documentais que ubiquen con exactitude a zona onde se  emprazaría este símbolo da xustiza. A memoria histórica de Don Antonio non chegaba a tanto evidentemente, aínda que sí acertamos a falar do garrote vil e dunha ubicación onde, segundo contaban os máis vellos, se axustizaba aos reos. "Seica quedan unhas pedras cunhas marcas que poderían estar relacionadas co pelouro ou co lugar onde se lle daba escarmento público aos reos" coméntame. Ata alí me despracei e tomei a seguinte imaxe:

Foto: José L. Guede
 Supostamente nesta zona, ou nas proximidaes, se ubicaría o pelouro.

Nova  suposta ubicación do pelouro. Ver a anteriror aquí.
Rúa de Bailén coa Banca Romero á esquerda en obras de restauración e "as pedras". Foto: José L. Guede

A Catedral-fortaleza, o Castelo Ramiro e o pazo do Bispo coas súas torres defensivas foron símbolos da autoridade eclesiática na Civitas Auriensis medieval. Daquelas torres do Pazo e Curral do Bispo (chegou a ter entre cinco e sete) consérvanse hoxe en día dúas aínda que modificadas respecto ás orixinais:

  • a Torre dos Brancos (actual sé do Arquivo Histórico Provincial de Ourense -AHPO-) románica do s.XII  

Torre dos Brancos. Foto: Xunta


  • a Torre de Santa María no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense -MAPO-.


Fachada de Santa María Nai antes e despois da década dos anos 50. Á dereita de ambas imaxes a Torre de Santa María modificada pertencente ao MAPO.

Precisamente no lugar dunha destas torres episcopais xa desaparecidas, a torre Beati Martini ou de San Martiño -s.XII-, erixiuse o Cárcere da Coroa no s.XVIII. Nas súas proximidades poderíase ubicar o pelouriño. Foi o Bispo Juan Muñoz de la Cueva, nomeado polo rei Filipe V, o que mandara construír o Cárcere para cubrir unha necesidade da emerxente cidade derrubando así a Torre Vella.

Cárcere da Coroa. Foto: José L. Guede

Polas fendas e o canalón nas pedras conservadas na rúa Bailén, comentaban os "veteranos", escorregaba o sangue dos condeados. Tempos aqueles de sangue e tortura na vella Auria. Seguiremos indagando.


lunes, 2 de enero de 2012

10 ESTRATEXIAS PARA MATAR A MOTIVACIÓN DO TEU ALUMNADO

A primeira entrada do ano vai cunha declaración de intencións. Tal vez unha mala traducción dunha entrada de Fran Iglesias, @franiglesias_, asesor TIC do Colexio Miralba de Vigo. O caso é que comparto este decálogo na súa totalidade e pareceume unha boa idea comezar o ano 2012 con esta entrada. O meu agradecemento a Fran Iglesias e tamén a Néstor Alonso, @Potachov, porque del son as imaxes que acompañan o texto. Por último as miñas disculpas polas posibles desfeitas na traducción.
  1. Emprega só o libro de texto, para que crean que o coñecemento é limitado e fixo, xa sabemos que o que hai en Internet non é de fiar e pode confundir aos seus tenros intelectos. Non se han de molestar en procurar fontes nen valoralas.
  2. Innovéision V
  3. Ponlles as presentacións da editorial, para facer a clase máis amena coas TIC. Os carteis también son amenos.
  4. Innovéision II
  5. Dálles todo mastigado, para que a aprendizaxe non se convirta nun reto interesante.
  6. Evalúaos mediante exámes, basta con que o lembren o tempo suficiente para rematar a avaliación. Logo non importa que se esquezan, así non desenvolven a estúpida idea de que os coñecementos  interrelaciónanse.
  7. Pídelles traballos de copia-pega. Eso sí, que os fagan a man, para que lles custe algo de esforzo e se lles peguen algúns coñecementos. Non permitas que vaian a Google cun plan de búsqueda ou unha lista de preguntas que deben responder.
  8. Copipaste
  9. Ponlles moitos deberes, no vaia ser que lles sobre tempo para pensar ou, Deus non o queira, para adicarse ao deporte, a arte, a música ou a relacionarse.
  10. Ensina os contidos dunha forma descontextualizada, non vaia ser que desenvolvan interés pola asignatura ou, peor aínda, que entendan que a aprendizaxe forma parte da vida.
  11. Ignora o que xa saben, o que lles interesa, o que sucede no mundo: que nada nen ninguén te desvíe do teu plan. Que saiban quén manda aquí.
  12. Nunca, nunca, nunca, traballes por proxectos, e moito menos, interdisciplinares. O coñecemento organízase en compartimentos estancos, ónde vai parar. E, ademáis, esas cousas son moi difíciles de correxir e ninguén sabe cómo poden rematar.
  13. Ignora a pedagoxía e a psicoloxía da aprendizaxe, que son todo fantochadas. Tí xa estiveches na escola e xa sabes cómo vai a cousa.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER