domingo, 18 de marzo de 2012

PROFESOR TAMARIZ

Lía hai uns días un artigo no blog de Raúl Hernández González (@rahego) titulado Los siete trucos de Tamariz para hablar en público que me inspirou a redacción da entrada de hoxe. Para os que a estas alturas non coñezades quen é Juan Tamariz, direivos que é un "mozo" de case oitenta anos, ilusionista, mago ou showman especializado en trucos con cartas e para todo o demáis Wikipedia.

Neste momento de cambio educativo no que nos atopamos, a presencia das TIC´s leva copando páxinas nos diarios, revistas especializadas e e non especializadas, conferencias, cursos, encontros, seminarios, radio, televisión e internet, como non, incluídas as redes sociais con especial atención a Twitter. Das TIC ás TAC; as TIC, TAC, TOC; da escola 1.0 á escola 2.0 e xa vamos en 3.0. As tecnoloxías non son a panacea nen son a solución e moito menos o substituto da educación. Falemos das persoas. A educación é dende as persoas e para as persoas. Un dos secretos de Tamariz é sen dúbida o seu talento para conectar coa audiencia e manexar a atención do espectador. Os mestres somos Tamariz e as TIC as cartas que temos na man, a nosa audiencia o alumnado:


"¿Que podemos aprender os demáis de Juan Tamariz cando nos subamos a un escenario a falar en público?"

¿Que podemos aprender os mestres de Juan Tamariz cando entramos nun aula e falar ante o noso alumnado? Creo que este perfil é perfectamente aplicable para nós como docentes.

  • Naturalidade:
"Tamariz no escenario é absolutamente natural (...) Tamariz fai que todo flúa, que todo pareza no seu sitio. No me cabe dúbida de que o espectáculo está unha e mil veces ensaiado, que todo está definido de antemán; pero ao mesmo tempo está (quizáis polo propio efecto de telo ensaiado tanto) tan perfectamente puido que resulta natural."
Fonte da imaxe: enlace 
Non chega con dominar a materia senon que hai que dominar a arte de transmitir, pero non como hai vinte anos atrás, cos mesmos exemplos, os mesmos apuntes e o mesmo discurso. En Arcix (@ArcixFormacion) recalcan sempre o sentido de recuperar as cuestións, porque recoñezamos que é tremendamente inútil ofrecer respostas a quen non plantexa cuestións.  É preciso potenciar o valor humán da transmisión do coñecemento, presentarse con naturalidade e cuestionarse que é o que ofreces e esperas recibir a cambio. As improvisacións son malas compañeiras nesta aventura. Lanza retos, coma quen non quere que vai con él a cousa, esperta esa curiosidade que está ahí espectante, notarás a diferenza.


  • Cercanía:
"hai quen, ademáis da barreira natural que supón moitas veces o escenario con respecto á audiencia, encárgase de erguer unha barreira adicional; “eu estou eiquí enrriba, vós aí abaixo… eu estou por riba de vós”. Tamariz encárgase de romper calqueiera barreira. É, simplemente, un de nós. Na súa linguaxe, na súa actitude… non hai nada que te alonxe dil, senon máis ben ao contrario."
Fonte da imaxe: enlace


Estaredes dacordo que o rol do mestre está a mudar. Convertémonos en acompañantes dunha aprendizaxe  que é de ida e volta, porque non esquezamos que nós tamén aprendemos con e do alumnado. O que Montserrat del Pozo chama "profesor sherpa". Cando o mestre consegue facer do seu traballo a súa verdadeira vocación consegue, en definitiva, baixarse ao nivel dos que aprenden e reduce ao mínimo a distancia profesor-alumno que en tempos parecía insalvable. Existía unha infranqueable liña vermella que ninguén osaba traspasar. Este é o gran reto que nos agarda. Tras anos de estudos universitarios, os futuros profesores enfrontaranse a un grupo de adolescentes en plena ebullición desexosos de gañar ese pulso inicial. Evidentemente a universidade non prepara para sobrevivir a este reto, sendo a iniciativa persoal, o carisma e o amor pola profesión a que che da esas forzas necesarias para manter, non pola forza da autoridade imposta senon pola forza da palabra e as obras e por tanto pola autoridade outogada, un clima de cercanía. A cercanía será, por tanto, un dos nosos grandes aliados sen dúbida.

Humor:

"o humor é un gran lubricante para a transmisión de ideas, para acadar a sintonía na comunicación, para deixar pegada."
Fonte da imaxe: enlace
Moitos profesores pensan que o humor consiste en colocarse unha nariz vermella.  Conseguir que o teu alumnado desexe vir a primeira hora do luns ás túas clases ou que non se acabe a derradeira sesión do venres é algo que nos sucede con frecuencia ¿verdade? Aprender estratexias ou prácticas para seducir ao alumnado son fundamentais no noso quefacer diario. Que as clases sexan divertidas non quere dicir necesariamente que non sexan serias.


  • Xestualidade:
"a capacidade de comunicación da linguaxe non verbal. Tamariz emprega todo o seu corpo para comunicar. Non dubida en explotar o seu punto histriónico, sen vergonza ningunha, para acompañar o que dí."
Fonte da imaxe: enlace

A xestualidade non é exclusiva do profesor de educación física, o mestre de infantil ou do profesorado de ELE.  A nosa profesión é un traballo comunicativo onde a expresividade xoga un papel fundamental. É importante incoporar vivencias propias á docencia, tanto persoais coma profesionais, convertíndonos en protagonistas creativos da experiencia educativa. A voz, as mans, o corpo en definitiva están ao servizo dos conceptos que queremos transmitir. Que cada clase deixe unha pegada imborrable no alumnado é un logro a acadar.

  • Expectación:
"lembro un dos seus números, con un mazo de cartas. Unha pequena cámara enfocaba a súa man mentres suxeitaba as cartas, e unha pantalla reproducía o momento. Nese momento mirei ao redor; máis de mil persoas tiñan a mirada fixa na pantalla. E o que me resultou máis impresionante: non se escoitaba a ninguén nin respirar. Silencio absoluto, atención plenamente concentrada no que ía acontecer. Se eres capaz de crear un momento coma ise… é que verdadeiramente conseguiches impacto."
Fonte da imaxe: enlace

Lía un tuit de Camino López (@caminologa) no que dicía que o alumnado se distraía con TIC igual que sen TIC. Totalmente dacordo. É a nosa responsabilidade a de crear o ambiente apropiado para a aprendizaxe significativa, esa que chega pola emoción do propio descubrimento. Aportaba tamén a necesidade de que o alumnado cree novos contidos o que xeraría unha nova e interesante expectación para nós coma docentes. Deixamos de ser actores para convertirnos tamén en espectadores. Expectación de ida e volta.

  • Involucración de la audiencia:
"o espectáculo de Tamariz non é do tipo “eu falo, vós mirades”.Está permanentemente facendo participar ao público."
Fonte da imaxe: enlace

O profesor mediador que xenera expectativa, motiva e implica ao alumnado é outro dos asuntos clave no mundo educativo. Involucrar ao alumnado no proceso de ensino-aprendizaxe e inculcar a pasión por aprender a aprender para toda a vida non só é un dos grandes retos senon que hoxe en día é unha auténtica necesidade. 


  • Pasión:
"un podería pensar que, con case 80 años e toda unha vida nos escenarios, Tamariz debería estar cansado. Que podería adoptar unha actitude funcionarial nos seus espectáculos, “veño, fago o meu, cobro e voume”. O que eu vin no escenario foi un neno absolutamente entusiasmado co que facía. Imaxinábao na súa casa, dando saltos e palmitas cada vez que executara un número. E esa pasión, ese entusiasmo, é a pedra angular que servíu como catalizador de todo o espectáculo. Sen pasión, ¿cómo vas a emocioar, a conmover… a comunicar?"


Se non tes pasión polo que fas non entres nun aula. Lembrade o voso mestre favorito, inspirádevos noutros colegas que, independentemente da idade, amosan unha pasión polo ensino, sentídevos entusiasmados novamente polo voso quefacer diario. Dí Sir Ken Robinson que atopar a túa pasión o cambia todo. ¿Que é o que fai que te ergas cada mañá?, ¿lembras cando foi a derradeira vez que sentiches verdadeira pasión polo ensino?, ¿imaxinas facendo outra cousa que non sexa ensinar?, ¿acudes ás clases con entusiasmo?...

0 COMENTARIOS:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER