lunes, 31 de octubre de 2011

UNHA DE TERREMOTOS

Onte iba de volcáns e hoxe de seísmos. Casualidade que polas circunstancias do momento nos sirven para enlazar co tema que estamos a traballar en 1º. Hai diferentes propostas de actividades ao longo do post. Escolle a que máis che guste ou chame a atención. Tentade que non quede ningunha sen facer. Posteriormente poremos en común as conclusións e debatiremos sobre as dificultades atopadas, as solucións propostas e o que finalmente aprendimos.

Hoxe nas noticias, anunciaban unha nova actividade do volcán da illa do Hierro (noticia) e os movementos sísmicos asociados que a día de hoxe superan os 10.000. Esto pódenos servir para aprender algo máis destos fenómenos que por sorte par nós son máis descoñecidos.

Actividade sísmica da illa do Hierro. Fonte: El País

Os seísmos, como sabedes, son as sacudidas do terreo por mor da acción das placas tectónicas. O punto interior onde se produce denomínase hipocentro e o punto na superficie na vertical do hipocentro chámase epicentro.



A codia terrestre nun intento de reaxustarse propaga as ondas en tódalas direccións. Estas ondas poden ser de dous tipos, as coñecidas como ondas P e as ondas S. Nas seguintes imaxes poderedes ver a diferencia.

Ondas P

Ondas S


Non só na illa do Hierro estanse a producir movementos sísmicos. Cada día centos de tremores sacuden todo o planeta. Moitos deles imperceptibles, por debaixo de 2.0 de escala Richter. Grazas aos sismógrafos instalados nas estacións permanentes, podemos medir a intensidade dos mesmos en base a unha escala que mide a enerxía liberada. No enlace anterior podedes comparar as cantidades de enerxía liberadas no apartado "táboa de magnitudes".

  • ¿Cál é o maior sismo producido ata o momento?
  • ¿Cantos micro-terremotos se producen diariamente?



A outra escala, a coñecida como escala de Mercalli mide a intensidade dos daños causados nas estructuras en base a 12 graos. Hai outras escalas como a empregada en Xapón coñecida como escala Shindo que mide non só a magnitude do sismo, como na escala Richter, senon tamén o grao de axitación dun punto terrestre.

Le esta noticia de El País.

  • ¿Cántos terremotos se producen en España ao ano?
  • ¿Onde se atopa o maior índice de perigosidade? ¿Cal é o motivo?
  • ¿Poderías localizar nun mapa de Galicia os seísmos dos últimos 30 anos?
  • ¿E os que se teñen producido en Ourense?
  • Comparando os datos desta noticia cos tremores acontecidos na illa do Hierro dende o mes de xullo ata hoxe  ¿Cal sería a procentaxe dos terremotos totais que acumularía a propia illa en relación ao total de España?

Tamén rexistráronse a semana pasada dous seísmos en Galicia. Na seguinte imaxe aparecen os epicentros de ámbolos dous terremotos.


Introduce os datos de coordenadas xeográficas en Google Earth e localiza con exactitude os epicentros:

  • 24 de outubro de 2011: enlace.
  • 29 de outubro de 2011: enlace.
  • ¿Cal foi a magnitude dos sismos?


Na páxina do Instituto Xeográfico Nacional podes ver en tempo real os sismos que se están a producir.

Neste outro enlace, os movementos sísmicos do planeta. Premendo sobre a zona da península abrirase unha nova ventana coa información máis detallada.

Vai á pestana dos terremotos nos últimos 30 días (Last 30 Days Eartquakes).

  • Localiza  nun atlas os lugares xeográficos e indica se hai algunha relación co cinto de lume. En caso afirmativo xustifica a resposta.


Déixovos, para rematar, unha serie de enlaces con animacións flash para comprender mellor o funcionamento dos seísmos: terremotos e tsunamis. Premendo sobre as imaxes accederás ás páxinas directamente.

Unha primeira animación que publica o diario El Mundo. Preme sobre a imaxe.


 
Outra animación en flash da BBC


Na misma web, podedes ver esta animación dos tsunamis.


Un vídeo sobre o tsunami do 2004.



Por último, esta animación flash da unión de cooperativas do ensino da rexión de Murcia que empregamos na aula. Para que a poidades ver con detalle.




Espero que vos sirva de axuda.

domingo, 30 de octubre de 2011

O VOLCÁN DE MONTE ALEGRE

Andivemos estos días debatindo a teoría da deriva continental, a teoría das placas tectónicas e posteriormente sobre os axentes de formación do relevo. Entre os axentes internos destacamos os volcáns e seísmos (terremotosmaremotos). Comentamos o recentemente acontecido na  illa do Ferro co nacemento dun novo volcán submariño, o  terremoto de Van (Turquía) ou o de Lorca (Murcia). Tamén xurdíu entre un dos compañeiros a cuestión do "volcán de Monte Alegre" en Ourense e a súa vinculación ás fontes das Burgas.

Como sabedes, non hai un criterio uniforme entre os estudosos sobre a orixe do nome da cidade, aínda que a teoría que máis se aproxima é á que fai referencia ao ouro (aurum). Nembargantes, Otero Pedrayo apuntaba a orixe do topónimo cara a "wurm see", lagoa quente. Durante anos, e aínda hoxe polo que vín na clase, barallouse a posibilidade da existencia dun volcán agochado baixo o Monte Alegre. Nada máis lonxe da realidade.

Fotomotaxe CvA

Galicia non é terra de volcáns, pero teño noticias en Galicia sobre a orixe volcánica e rocas volcánicas da zona da Serra da Capelada en Ortigueira e tamén en Espasante (Ortigueira - A Coruña). Dende o cabo Ortegal atópanse os relevos máis antigos non só da península senon tamén de Europa.  Tamén quixera destacar brevemente, que a poucos kilómetros do cabo Ortegal atópase o mirador de vixía de Herbeira, dende alí poderedes apreciar as maravillosas vistas. É o cuarto acantilado máis alto de Europa e un dos máis altos do mundo! (Premendo no enlace accederedes á vista panorámica do mirador.)

En Ourense nada de volcáns, lenda popular en definitiva. Tentaremos profundar na resposta que comentamos brevemente na aula ante a dúbida plantexada.

¿Cal é, pois, a procedencia das augas das Burgas? Os estudos aseguran que a meirande parte das augas termais galegas proceden da auga da chuvia. As de Ourense tamén. Esta auga fíltrase a través das fallas e chegan ata un foco térmico. Ata que a auga volve á superficie o ciclo pode tardar entre 28-30 anos, polo que a auga que caeu por fin a semana pasada, a derradeira do mes de outubro do 2011, volverá aos caños das Burgas entre o 2039-2041.

Para achegar máis información imos á veb de Manuel Domínguez, canedo.eu, concretamente ao apartado que fai referencia á procedencia das augas das Burgas. Preme no enlace para acceder e despois responde ás seguintes cuestións:
  • Segundo a lenda popular onde se agochaban as fontes mananciais das augas das Burgas?
  • Que significa: "os movementos oroxénicos foron quen de producir fallas"? (oroxénese, falla)
  • Que é o gradiente xeotérmico e cal é a súa relación coa temperatura da auga das Burgas?
  • Cal é a temperatura á que sae a auga? Saberías dicir cántos litros bota por minuto?
  • Coa información que recompilaches, fai un debuxo cun corte transversal no que se vexa a falla da Burga e as fontes termais.
  • Seguindo en canedo.eu, achega neste enlace os principais mananciais urbanos en Ourense e sitúaos en scribblemaps. Se temos dificultades, Manuel Domínguez xa ten feito o traballo e nos pode servir de guía. Preme na imaxe para acceder.
Mananciais de auga quente. Fonte da imaxe: Manuel Domínguez en canedo.eu

A seguinte animación flash axudaranos a comprender mellor o tema dos volcáns.


Animación obtida da BBC.

Para profundar sobre os volcáns

viernes, 28 de octubre de 2011

A MECA POR DENTRO


O Profeta Mahoma é o líder relixioso que inspirou e fundou o Islam. Un dos preceptos básicos ou piares é a peregrinación á Meca, ou Hajj. Poucos son os musulmáns que non dan resposta a este precepto.

A Meca coa Kaaba ou casa de Deus.

O Hajj ou peregrinación do Islam leva a millóns de musulmáns á Meca, situada na costa oeste de Arabia Saudí, a lo menos unha vez nas súas vidas sempre e cando a súa economía e a saúde llo permita. Esta peregrinación consta de varios rituais e cerimonias que evocan pasaxes da vida de Abraham.

O visionado do documental, A Meca por dentro, ten como obxectivo fundamental achegar os ritos que rodean á peregrinación para os non musulmáns e o respecto a outras formas de expresión relixiosa.

Obxectivos:
  • Reflexionar sobre la importancia dos rituais en xeral e dos rituais islámicos en particular.
  • Coñecer ónde se celbra o Hajj e compar cos lugares santos para os cristiáns católicos.
  • Entender os rituais específicos do Hajj.
  • Valorar a diversidade das tradicións das distintas relixións.
  • Comprender a importancia que ten para os crentes o feito de asisitir á peregrinación.
  • Identificar semellanzas co catolicismo.

Actividades: Vai ao seguinte enlace e achega as túas respostas nos comentarios.


jueves, 13 de octubre de 2011

ROMA: TRABALLOS CON PREZI

Dentro da sección traballos do meu alumnado irei colgando no blog aqueles que me vaian achegando. Estamos a introducir novas ferramentas que ofrezan aos rapaces e rapazas novos soportes que lles permita comunicar os contidos dos seus traballos, investigacións ou inquedanzas a todos os que vos achegades a este rincón de Civitas Ariensis.

O primeiro desta serie e do post de hoxe corresponde a Adrián de 2ºA, que nos introduce a presencia romana en Galicia. No seguinte, Marta de 2ºA achéganos á presencia romana na provincia de Ourense en xeral e na cidade en particular. Para rematar, Adrián completa cunha presentación sobre o exército romano, o verdadeiro piar do que chegou a ser Roma. Espero que sexan do voso interés.





O exército romano, por Adrián 2ºA:


viernes, 7 de octubre de 2011

O BALNEUM DAS JOSEFINAS

A romanización tivo un apoio fiel nas múltiples cidades que formaban parte do Imperio. Os castrum foron os modelos máis antigos de asentamento empregados polos romanos dende que chegaron a Gallaecia. Na provincia temos varios exemplos.  Inicialmente eran fortalezas celtas, uns pequenos recintos que acabaron sendo rectangulares e amurallados duns 300 habitantes aproximadamente. A uns 3 Km da cidade, concretamente en Mende,  temos o Castro de San Tomé, moi romanizado pero un exemplo ao que podemos achegarnos e observar "in situ" algunhas das súas características.

Castro de San Tomé. Foto: Orlando García en flickr

Vicus, mansio, porta, colonia ou civitas foron outras categorías dos asentamentos. No caso de Auria non está nada claro cal podería ser o título que levaría a nosa actual cidade. A mín gústame Civitas Auriensis pero son consciente que o títlo de civitas levaría asociado un número de habitantes considerable para a época (pensade que unha gens era un grupo de familias, 10 gens constituían unha curia, 10 curias unha tribo e 10 tribus unha civitas), amáis da basílica, termas, foro, templos, edificios residenciais,etc., asociados a un tipo de asentamento de este nivel. Algunhas investigacións "arriman" máis cara o "vicus", esto é, un tipo de asentamento menos planeado e que crecería sen o plan urbanísitco das cidades romanas en torno a un campamento militar. Os vicus disporían do seu propio consello, con funcionarios encargados dos asuntos locais e moitos eran temporais. Este asentamento nace para dar servizo ás tropas militares. Certo é que do vicus ou da civitas tras un período menos próspero xorde a cidade de Ourense. Non temos moitos restos de vivendas na cidade, pero chama a atención xa a variedade de residencias que nos podemos atopar na península, tanto pola diversidade ou como era a distribución das estancias no seu interior. Cando era estudante, lembro que foi unha das cuestións que me sorprendeu daquelas, a existencia de vivendas de varias prantas e que xa existira o réxime de aluguer. Un edificio de varias alturas a modo de comunidade de veciños actual, como pode ser a miña casa ou a túa. Sobre as residencias dos romanos e a vida cotiá vamos a centrar, pois, o tema.

Tal e como sucede hoxe en día, a residencia dos cidadáns dependían do grao de riqueza que éstos tiñan. As villae dos ricos patricios eran grandes propiedades agrícolas inicialmente e que posteriormente, ao ser Roma un imperio urbán, terminaron por convertirse na residencia dos aristoi romanos (aristocracia).


As insulae eran bloques de vivendas en aluguer que ocupaban aqueles cidadáns que non tiñan cuartos para ter unha domus en propiedade. Nos baixos adoitaban asentarse tendas e talleres, os negocios da época e chegaban a ter cinco ou seis pisos de altura.


Finalmente, as domus eran as residencias dos cidadáns romanos que podían permitirse o luxo de ter residencia propia. Estas vivendas rectangulares eran de pranta baixa divididas en diferentes estancias.



No ano 1996 atopáronse no patio do colexio, como be sabedes, restos de sete dependencias dun balneario (balneum) que tiña posiblemente relación cunha domus tal e como aseguraba o arquólogo responsable das excavacións Otero Grandal. Non teño evidencias de que esto poida ser así, polo que é un suposto que está á espera de evidencias arqueolóxicas que así o evidencien. Agora ao completar unha nova fase de excavacións na "Praza das Termas" (desculpade que lle chame así, pero soa mellor que traseira das Burgas e á espera de que a "bauticen" quédome con esta forma de identificala) pódense facer afirmacións como que esta zona era claramente un espazo termal cultual (debido áo significativo número de aras votivas ao deus Reve) e polo tanto unha zoa de baños en uso xa dende o século I (datación dos muros atopados preto da Casa dos Fornos) que perdurou ata o día de hoxe.

Na antiga Roma denominábanse thermae aos baños públicos e balneum aos privados ou domésticos. Seguramente os restos baixo o patio pertenzan a esta segunda opción, máis que a unha terma de calado considerable.

O que si foi evidente daquelas primeiras prospeccións arqueolóxicas foi que a piscina de auga quente (caldarium) aproveitaría a auga quente da Burga. En canedo.eu, hay unha sección que trata sobre a procedencias das augas das Burgas que recomendo ollar neste enlace. Esta piscina cuadrangular tiña 2,5 x 2,35 m, e ao norte dela localizouse unha sala con hipocausto posiblemente preto dun praefurnium. Sobre esto xa falei na primeira entrada que deu orixe a este blog. Estos restos dátanse entre o s. II e mediados do s. IV d.C.

Piscinas e hipocausto no patio do Colexio San José


ACTIVIDADES PROPOSTAS.


  1. Achega información sobre os tipos de vivendas romanas, partes das que constaban, vida no interior, etc.
  2. Un día en Roma. Imaxina que canta un galo e te ergues nunha cidade romana, por diante te esperan diversas aventuras. Fai unha breve narración, conto, historia, diario ou comic imaxinando que eres un/unha habitante romano/a. Escolle a túa posición social, ubícate no espazo e no tempo e adxudícate unha residencia onde transcurra parte do teu día. De seguido déixovos unha serie de enlaces que vos poden servir para levar a cabo a vosa ideas.
  • Neste enlace pódeche axudar a escoller un nome romano.
  • Neste outro, as provincias romanas. Escolle unha e ellor aún a cidade exacta. Tenta localizala en Google Earth na actualidade.
  • Calendario romano para a datación.
  • Para coñecer sobre a vida na antiga roma: enlace1, enlace2, enlace3, enlace4.
  • Para realizar un comic sinxelo no ordenador pincha no enlace.
  • Comic-Life é tamén un programa fácil de manexar (só por un período de 30 días de forma gratuita).
  • Fai un poster con Notaland ou Glogster.
  • Prezi xa o coñecemos, para presentacións.
  • Con Tikatok podemos contar unha historia on-line. 

Os videos que acompañan a esta entrada foron recollidos de http://italicaromana.blogspot.com/ blog dun infografista sevillano chamado Eduardo Barragán e que recomendo non deixedes escapar a oportunidade de ver as súas recreacións infográficas dos edificios máis emblemáticos de distintas cidades romanas. Quédalle un pouco lonxe, físicamente falando, a nosa Civitas Auriensis pero sería un  estupendo agasallo recrear o edificio que en tempos ocupou o solar do noso colexio. Mentres seguiremos soñando con él.

lunes, 3 de octubre de 2011

GALLAECIA ROMANA I: AS FONTES

Entre os ríos Miño e Douro habitan na costa os galaicos bracarenses, que teñen estas cidades: Bracaraugusta, Caladuno, Pineto, Complútica, Tuntóbriga, Araduca. Dos Turodos, Aguas Flavias; dos Nemetanos, Volóbriga; dos Celerinos, Celiobriga; dos Bíbalos, Foro dos Bíbalos; dos Límicos, Foro dos Límicos; dos Gruios, Tude; dos luancos, Merua; dos Quarcenos, Aguas dos Quarcenos; dos lubenos, Cambeto; dos Narbasos, Foro dos Narbasos.
(PTOLOMEO, Xeografía II.6, 38-48)

Hispania segundo Ptolomeo
Claudio Ptolomeo cita numerosos topónimos de orixe celta:
  • "nemeto-" = bosque
  • "quarc-" = carballo
  • "braca-" = calzas/calzóns
  • "-briga" = fortificación elevada
Esta información foi e é útil para os historiadores e para nós profesores e estudantes. É unha fonte histórica, pero ¿de qué tipo? Cando me plantexei realizar unha nova entrada a temática a tiña clara, a chegada dos romanos a Gallaecia. Contar a historia non  é moi complicado, pero antes outros tiveron que recompilar datos de diversas fontes para que a historia teña sentido. Iste foi o motivo de que me decantase por modificar o post e adicalo finalmente ás fontes históricas e contextualizalas para o caso particular de Gallaecia e de Civitas Auriensis.

Os datos da conquista romana da Gallaecia fundaméntase en fontes de diversa índole. Unha fonte histórica é todo obxecto, documento ou evidencia material que contén información útil para o estudo dun feito histórico. A clasificación destas fontes as podemos sintetizar en fontes primarias ou directas e secundarias ou indirectas, tal e como podedes ver no seguinte esquema:


Fonte da imaxe neste enlace
Para o caso que nos ocupa, as fontes escritas de tipo literario son relatos fan referencia ás nosas terras. Algúns autores que aportan datos de Gallaecia son o historiador e senador romano Lucius Cassius Dio Cocceianus, o historiador romano de orixe africano Lucios Annaeus Florus amigo persoal do emperador Adriano, o xeógrafo grego Estrabón ou o historiador romano Plinio o Vello, que foi procurador de Hispania.

Tamén o sacerdote e historiador de Braga Paulo Orosio, o xeógrafo Ptolomeo e as crónicas do bispo e historiador hispano-romano Hidacio. Cara a finais do s.IV e en relación co patrón da nosa cidade, Sulpicio Severo escribe unha biografía de San Martín de Tours e Gregorio de Tours aportará máis datos aínda que xa divididio o Imperio e coa chegada dos pobos xermánicos á Gallaecia como símbolo da debilidade do pobo romano. En Gallaecia asentaranse os suevos e vándalos asdingos.
Elaboración propia. Fontes das imaxes Wikipedia.

Elaboración propia. Fontes das imaxes Wikipedia.
Dentro deste tipo de fontes escritas atopámonos coas epigráficas. A epigrafía (do grego επιγραφή: escrito sobre) é unha ciencia auxiliar da Historia que se encarga de estudar as inscricións feitas sobre materiais duros (pedra, cerámica, osos e astas, metal, etc.). A dificultade radica no desciframento e posterior lectura para a obtención de información. Seguro que para as nosas avoas descifrar un SMS (Short Message Service) calquera, sí unha mensaxe adolescente, é unha auténtica labor de epigrafía. Vexamos un exemplo:

SMS elaboración CvA

¿Facemos un intento coa avoa? Sempre contará coa nosa experta axuda para descifrar este "epígrafe" do s. XXI. Fácil para vós. Pero imaxinade que nos atopamos con este outro:

SMS elaboración CvA

Cambiou un pouco o conto ¿non si? Podedes deixar as traduccións das dúas mensaxes nos comentarios.

No 1802 no solar da antiga casa da Tenencia nas Burgas atopouse unha ara romana adicada ás ninfas das augas. Nela aparece o nome da primeira habitante coñecida da cidade, Calpurnia Abana da tribo dos Aebosos. Vexamos a orixinal á esquerda e a copia da Burga de Arriba á dereita.

Elaboración propia. Imaxe esquerda MAPO. Imaxe dereita José Luis Guede
Vexamos o que dí a inscrición:


Este SMS supera con creces todas as nosas expectativas. Por sorte, outros fixeron o traballo para nós. Coma vós coa avoa ao descifrar o primeiro SMS.

A traducción é:

NYMPHIS/ CALPVRN/IA ABANA/AEBOSO (cum)/EX VISV/V(otum) S(olvit) L(ibens) 
"Calpurnia Abana, da xente dos Ebosos, ofreceu este voto ás Ninfasdeusas destas augas con motivo dunha visión que tivo."

No caso da provincia de Ourense este tipo de fontes é abundante pero ao estar feitas en granito, material propio do noso país, o estado de conservación en moitos casos dificulta o seu estudo. Tamén dicir que moitos miliarios, aras e outros elementos romanos (e non romanos) foron empregados como adornos ou ben en reutilizacións de construccións particulares ou públicas, perdéndose definitivamente ou deteriorándose. Podemos observar na cidade (agora de lonxe ou previo pago da piscina termal urbana) as aras da Burga de Arriba.
Aras da Burga de Arriba, antes da construcción da piscina urbana termal. Descoñezo a orixe da imaxe.
As réplicas das aras no interior da piscina termal urbana. Foto: José Luis Guede
As nosas clases terán que ser a distancia. ¿Poderemos entrar e sair? ¿Teremos que pagar entrada? Non entendo o por qué desta ubicación "para uns poucos" e non outra "para todos".

No MAPO aras e miliarios, algúns a través da vidrieira da praza Bispo Carrascosa na rúa de Moratín.

Miliarios do MAPO. Foto: José Luis Guede 
É lamentable o estado da vidrieira,, pintadas e actos vandálicos contra o patrimonio. Moito nos queda por concienciar.




As fontes de tipo arqueolóxico como as que vimos na Praza da Terma (nome co que vou a bautizar á traseira das Burgas) e tamén as feitas no 1994 no patio do colexio das Josefinas ou no solar do Pompeo hoxe pavillón do IES Otero Pedrayo.

Finalmente, as fontes de tipo numismático, isto é, as que están ligadas ás moedas antigas aportan datos referentes á economía e á datación cronolóxica. Ista foi unha das miñas materias favoritas na USC co Profesor Doutor Fernando Acuña Castroviejo e as súas prácticas no Museo do Pobo Galego. Nestas prácticas tivemos entre máns pezas valiosas, pero non tanto como este áureo de Alejandro Severo (acadou 800.000 US$ en maio do 2008).

Fonte da imaxe: enlace






NA CLASE XOGAREMOS A CLASIFICAR DISTINTAS FONTES HISTÓRICAS.




sábado, 1 de octubre de 2011

TRASEIRA DAS BURGAS IV

A piques estará de inaugurarse unha nova fase de actuación no entorno das Burgas. Supoño que a piques debido ao ritmo de traballo que se está a levar nestas últimas semanas.

Nunha primeira fase vimos como a piscina termal urbana copaba un espazo que pasou de ser público a privado, deixando visualmente case orfas as réplicas das aras e o mural de bronce e pedra Calpurnia Abana de Acisclo Manzano. Era habitual que tivésemos unha clase fóra da clase, é dicir, unha clase fóra do espazo físico delimitado polas catro paredes da aula. Nela aproveitábamos para ver in situ as réplicas das aras votivas do pequeno xardín da Burga de Arriba, o relevo Calpurnia Abana de Acisclo Manzano que dende o 1989 adorna o muro norte da Burga do Medio ao carón dunha pequena piscina ou estanque con escalinata e que só poderemos ver previo pago e en remollo ou a varios metros de distancia. Tamén, aínda que fóra do currículo para o nivel de 1º ou 2º da ESO, unha escultura abstracta en aceiro "cortén" A Casa da Nube do finado escultor Luis Borrajo e que hoxe elevouse nun pedestal

Fotos. José Luis Guede, excepto a primeira pola esquerda de Jerónimo Pérez?

A traseira das Burgas, dunha zoa chea de maleza e esquecida durante décadas, séculos, qué sei eu, ao fin foi tomando forma coma nunha lenta metamorofose. Lonxe, eso sí, do proxecto inicial que o arquitecto galego César Portela ideou para este recuncho. As dificultades que foron xurdindo cos particulares, coas diferentes cores políticas e sobre todo pola falla de presposto, deixa inacabado o Centro de Interpretación Arqueolóxica entre outros asuntos. Como nota curiosa, este proxecto non figura na web persoal do arquitecto www.cesarportela.com.

Un momento das obras no mes de febreiro do 2011 unha vez realizadas as catas arqueolóxicas. Foto: José L. Guede
A mesma zoa o 12 de setembro do 2011. Foto: José L. Guede

Vexamos a que corresponde cada área.


O exterior é ben coñecido. A zoa dos xardíns e a nova piscina termal urbana leva xa uns meses aberta. Desta primeira zoa comentarei noutro post algunha opinión ao respecto máis en profundidade de cómo quedou a escultura "A casa da nube", o relevo "Calpurnia Abana" e as réplicas das aras, sitas na Burga de Arriba.

Entremos e vexamos:

Entrada pola Burga de Arriba

Unha vez no interior e á esquerda, temos a Casa dos Fornos, lugar onde supostamente iría o Centro de Interpretación Arqueolóxica. Nesta zoa apareceu unha piscina con escalinata, restos dun muro romano do s.I d.C. e varias aras votivas ao deus indíxena Reve Anabaraeco. Supostamente, tal e como afirman os arqueólogos e como xa avancei nun post anterior, escondería un templo adicado a esta deidade. Non está clara esta afirmación, pero a cantidade de aras descubertas e atoparnos nuha zoa cultual-termal invítanos a soñar. Son agora os propios arquólogos os que fan tal suposición. Agardemos pois.

Contención da Casa dos Fornos. Piscina monumental do s.I d.C., e escalinata.

Estas piscinas foron abandoadas no s.I segundo indican os restos doutra construcción do s.II, un edificio ou unha sala doméstica adicada ao baño medicinal, sendo abandoados definitivamente cara ao s.IV ou comezos do s.V ao atopar os arquólogos restos dunha calzada sobre o antigo camiño romano empregado polos peregrinos para chegar a estas zoas termais. A este percorrido coñécese como Camiño da Raíña Santa.

Restos do muro romano do s.I

Deixamos esta zona, todavía en obras, e adentrámonos cara a praza interior. Non sen antes ollar á dereita un mirador e algúns dos restos romanos e medievais atopados.

Mirador

Comezamos a subir un pequeno camiño que nos leva ao patio interior, á zoa da traseira de Cervantes e Villar.

Patio Interior
Cara á esquerda, unha terraza con mesa e bancos, un pozo e á dereita baixando por un pequeno camiño lindando xa co muro leste do colexio das Josefinas, un hipocausto e tamén un muro romano.

Terraza tras Cervantes e Villar

Hipocausto e muro romano cuberto para conservación ao estar en obras nesta zona.
Queda pendente unha última fase que correspondería coa zoa marcada en azul do mapa e que daría saída (ou entrada) dende a rúa do Baño a este boulevard peatonal que ten intención de abrir durante o día e pechar pola noite para evitar actos vandálicos. Por desgraza a nosa educación lévanos a optar pola política do candado e pechar todo aquelo de valor para preservalo dos posibles destrozos. Seguramnete non é a mellor política e sí seguir apostando polo respecto ao patrimonio e penalizar duramente aos que causen males se son maiores e ás familias se son menores. Educar na liberdade e responsabilidade conleva asumir que os actos teñen consecuencias, en ocasión positivas e noutras negativas.

Agora quedaría "limpar" a traseira da traseira das Burgas, ese barrio chino sen chinos que non é de recibo nunha zoa turística e máis estando preto dun centro educativo.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER