viernes, 22 de abril de 2011

DIA DA TERRA

Hoxe amáis do Venres Santo, celébrase o Día da Terra. O que ambos días teñen en común seguramente é a tristeza. Para os cristiáns hoxe é un día triste porque se conmemora a morte de Xesús de Nazaret, e para os habitantes do planeta, para uns máis ca outros con total seguridade, tamén é un día triste porque a Terra está en crise permanente. Conviña lembrar que os seus recursos son limitados e que de seguir por este camiño agárdanos un futuro incerto e posiblemente negro tal e como recolle Forges na seguinte viñeta.

Fonte: El País

Fonte. El País

lunes, 18 de abril de 2011

OS GRANDES DESCUBRIMENTOS


Da viaxe a Lisboa aproveitei para lembrar algúns datos históricos da propia cidade coma dos lugares e monumentos máis destacados. Un destes monumentos está relacioado co tema que temos en marcha en 2º, o dos grandes descubrimentos.


Á dereita Enrique o Navegante portando unha carabela mira cara ao horizonte.

O Humanismo no s.XIV xa dera un grande impulso ao coñecemento baseado no antigo mundo dos gregos e romanos. O home pasa a ocupar o centro do mundo (antropocentrismo) e a imprenta foi decisiva para a difusión do saber. Por outra parte, a loita polo poder entre reis e os grupos privilexiados (nobreza e clero) vaise decantando polas monarquías que comezan nesta época a crear poderosos estados centralizados coma sucedeu en Castela cos Reis Católicos ou en Francia e Inglaterra. Son os chamados Estados Modernos cos seus exércitos e burocracia que cambiarán o mundo.

Cando desaparece o Imperio Romano de Oriente, Bizancio, no 1453 a mans dos turcos, as antigas rutas de comercio cara a Asia veranse gravemente afectadas polo que se desatou unha carreira por abrir novas rutas comerciais. Este feito levou a que os portugueses circunnavegaran África evitando así a dependencia das rutas caravaneiras terrestres.

Enrique o Navegante foi a figura máis importante na era moderna dos descubrimentos. O feito de ser o irmán do rei, fixo que acadase a financiación necesaria para levar a cabo ambiciosas empresas marítimas.
Enrique o Navegante. Fonte: wikipedia

Os descubrimentos feitos polos portugueses para bordear África levarán case un século. No 1415 conquistan Ceuta e pouco despois os arquipélagos de Açores e Madeira. As illas Canarias foron disputadas por Castela e Portugal e foi co Tratado de Alcaçobas  no 1479 cando se decantaron do lado castelán a cambio  de que as terras descobertas cara ao sur de África foran para Portugal, obtendo así o monopolio destas rutas e obrigando aos casteláns a buscar novas alternativas de chegar cara a Oriente, e para iso tiñan que vencer entre outras cuestións as lendas medievais.

No 1434 os navegantes portugueses logran dobrar o Cabo Boxador e no 1444 chegan a Cabo Verde. Pero foi no 1488 cando Bartolomé Días chega ata o Cabo das Tormentas (Cabo de Boa Esperanza) e marcaría a ruta que finalmente completaría Vasco da Gama no 1498 ao circunnavegar África e chegar ata a India.

Posesións portuguesas. Fonte: wikipedia

Para conmemorar a importancia dos portugueses nos descubrimentos, Salazar encargou a obra para a Exposición do Mundo Portugués no 1940 e posteriormente desmontado no 1958. O actual monumento con forma de caravela e con 33 figuras relacioadas cos descubrimentos directa ou indirectametne inaugurouse o 9 de agosto do 1960 dentro das conmemoracións realizadas co gallo do V centenario do pasamento do Infante Enrique.
Monumento aos Descubrimentos Foto: wikipedia
Na proa Enrique o Navegante mira cara ao horizonte portando unha carabela nas súas mans. O resto dos persoaxes os podedes localizar nas imaxes seguintes:


(1) Infante Don Pedro fillo de Don Xoan I. (2) Dona Filipa de Lencastre nai de Enrique o Navegante. (3) Fernando Mendes Pinto, escritor. (4) Frei Gonzalo de Carvallo, dominico. (5) Frei Enrique Carvallo, franciscano. (6) Luis Vaz de Camoes, poeta. (7) Nuno Gonçalves, pintor. (8) Gomes Eanes de Zurara, cronista. (9) Pedro da Covilha, viaxeiro. (10) Jácome de Maiorca, cosmógrafo. (11) Pero Escobar, piloto. (12) Pedro Nunes, matemático. (13) Pedro de Alenquer, piloto. (14) Gil Eanes, navegante. (15) Xoan Gonçalves Zarco, navegante. (16) Infante Don Fernando, fillo do rei Juan I. (17) Infante Enrique o Navegante.


(18) Don Afonso V, rei. (19) Vasco da Gama, navegante. (20) Afonso de Baldaia, navegante. (21) Pedro Álvares Cabral, navegante. (22) Fernando de Magalláns, navegante. (23) Nicolau Coelho, navegante. (24) Gaspar Corte Real, navegante. (25) Martím Afonso de Sousa, navegante. (26) Xoan de Barros, escritor. (27) Esteban da Gama, capitán. (28) Bartolomé Días, navegante. (29) Diogo Cao, navegante. (30) Antonio Abreu, navegante. (31) Afonso de Albuquerque, gobernador. (32) Francisco Xavier, misioneiro. (33) Cristovao da Gama, capitán.

miércoles, 13 de abril de 2011

ETAPAS DA HISTORIA

Máis traballos de outros colegas que podemos aproveitar para seguir reforzando contidos. Etapas da Historia é un interesante material deseñado por Manuel Payán Cortés, profesor do IES Dolmen de Soto en Trigueros, provincia de Huelva. Sérvenos para consolidar o aprendido en "para que estudar historia" e os apuntes dados na aula. Espero que vos sirva de axuda.

martes, 12 de abril de 2011

TRALAS PEGADAS DAS NOSAS ORIXES

Hoxe preséntovos un excelente material creado por Heliodoro Núñez e Antonio Paniagua no ano 2001, "Tralas pegadas das nosas orixes". Este sitio web fai un percorrido dende a Prehistoria ata a Idade dos Metais a través de textos, animacións e imaxes que nos axudarán non só a comprender mellor o aprendido senon tamén a reforzar os coñecementos e aplicalos nas máis de 60 actividades que nos propoñen os autores. Premede sobre a imaxe para acceder ao sitio.




OS XORNAIS NA IIGM

Os traballos do meu alumnado sobre as causas remotas e inmediatas da IIGM, destacando a invasión das tropas nazis a Polonia o 1 de setembro do 1939.

o recuncho das burgas

The Daily Telegraph

o mensaxeiro

lercia

la voz del bedel

Aug En

domingo, 10 de abril de 2011

O CORREDOR DE DANZIG (GDANSK)


Hitler chega ao poder legalmente o 30 de xaneiro do 1933. Nunhos meses instaura unha forte ditadura, pero non todos os alemáns estaban convencidos. Gañará adeptos grazas ao control das masas que tiña, ao medo de moitos, e logra transmitir a súa filosofía, recollida na Miña Loita, a toda a poboación alemana.

Por outra parte, Hitler rexeita os acordos recollidos no Tratado de Versalles ao consideralos inxustos e humillantes para Alemaña e pretende desenvolver a súa teoría do espazo vital, o Lebensraum a través do Anschluss ou unión de Austria, os Sudetes e Polonia ao territorio alemán.

Alemaña tiña uns 80 millóns de habitantes, o dobre de Francia e pretendía Hitler que se convertise nunha potencia mundial. Tamén proclama a superioridade da raza aria e levará a cabo unha persecución e exterminio dos xudeos, entre outros grupos que consideraba indesexables ou inimigos do estado coma eran os xitanos, homosexuais, os testigos de Xehová ou os comunistas.

Chamberlain por Gran Bretaña e Daladier por Francia tentan a paz pero terminan por aceptar algo inaceptable, a cesión de territorios checoslovacos a cambio de que Alemaña non reclamase máis territorios, pero nada máis lonxe da realidade. Hiltler invadirá Checoslovaquia.

A URSS é a derradeira potencia que se opón a Alemaña. Hitler prepara unha maniobra que culminará cunha sinatura dun pacto xermano-soviético, a pesar de que o comunismo era acérrimo inimigo de Hitler. Stalin pretendía facerse cos países bálticos e parte de Polonia e vía neste pacto unha oportunidade de expansión e de non agresión mútua.



Sen nada que temer por parte dos EE.UU e da URSS Hitler decide destruir o corredor do Danzig, unha das medidas tomadas no Tratado de Versalles e que lle daba saída ao mar a Polonia. Gdansk (Danzig en alemán) foi una localidade xestionada pola Sociedade de Nacións e hoxe unha das cidades importantes de Polonia (algo así coma o Bilbao polaco) e lugar onde se fundou, nos seus asteleiros, o famoso sindicato Solidariedade. Hitler decide lanzar a súa invasión de Polonia e recuperar o Danzig o 1 de setembro do 1939. Dous días máis tarde, o 3 de setembro, Gran Bretaña e Francia decláranlle a guerra a Alemaña. A sorte estaba botada.



miércoles, 6 de abril de 2011

DESEÑANDO PORTADAS DE PRENSA

Unha das propostas feitas para potenciar as competencias nos meus alumnos foi a de ter que deseñar unha portada de periódico (tamén poidera ser de revista ou calquera outro tipo de publicación), na que se recollese como noticia a destacar o detonante do inicio da IIGM. Para esta tarefa dividiuse a clase en pequenos grupos de tres ou catro persoas as cales tiveron que achegar información sobre este feito concreto e tamén incluír outras novas relacionadas coas causas profundas da IIGM.


A contribución da actividade ao desenvolvemento das competencias son as seguintes:

Competencia social e cidadá: coñecer a realidade social e o pasado histórico e participar de maneira constructiva en actividades grupais.
  • Coñecemento e interacción co mundo físico: coñecer os ámbitos xeopolíticos en que se enmarca o conflicto.
  • Tratamento da información e competencia dixital: analizar información procedente de diferentes fontes. Achegar información en internet. Manexar programas de deseño, retoque fotográfico e/ou similares.
  • Competencia lingüística: Argumentar explicacións empregando vocabulario histórico.
  • Competencia matemática: Interpretar datos cuantitativos.
  • Competencia para aprender a aprender. Relacionar e sintetizar contidos do tema e os obtidos na procura de información.
  • Autonomía e iniciativa persoal: tomar decisións e planificación do proceso da actividade proposta.

Este tipo de actividades busca enfrontar ao alumnado a situacións que os leven a aplicar aquelo que aprenden como ferramenta para resolver problemas e estimulan as súas habilidades e desenvolven outras novas. Aprender non é só almacenar información, senon que temos que relacioala e interiorizala e sumar experiencias onde tamén os erros forman parte indispensable do proceso de aprendizaxe para finalmente acabar reforzando a súa autoesima.

Algunha idea para deseñar portadas de periódico pódense obter pinchando neste enlace, ou ben neste outro.

A modo de exemplo básico un deseño feito co Publisher 2007 cunha das plantillas predeterminadas de boletíns. Este é o exemplo da portada.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER