lunes, 31 de enero de 2011

ARMAS DE GUERRA

Pois sí. Non poderíamos afondar nas características da Gran Guerra e nas súas consecuencias obviando as novas armas e tácticas militares empregadas na contenda. Hoxe Andrea B., achegounos unha breve presentación sobre algunhas destas armas empregadas, que vos deixo a continuación.


Para completar o tema, inserto dous videos que corresponden a un programa dunha cadea de corte conservador como é Libertad Digital. Nesta ocasión, os dous invitados amosan unha visión obxectiva sobre a IGM que vos pode axudar a comprender mellor o tema e a decatarvos que sodes capaces de seguir programas de tertulia para non só entender o que están a dicir, senon tamén de tirar as vosas propias conclusións.

1ª PARTE: A PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL



2ª PARTE: A PAZ DE VERSALLES




domingo, 30 de enero de 2011

ARTE GÓTICO

Video que nos axuda a recoñecer as caracterísitcas da arquitectura gótica.



E tí, ¿telo claro?

sábado, 29 de enero de 2011

SISTEMAS BISMARCKIANOS E A PAZ ARMADA

Andrea B., fixo unha consulta á que tentarei dar resposta a través desta nova entrada e sérvenos  como ampliación dunha parte importante dos antecedentes da da IGM coñecida coma os Sistemas Bismarckianos, e tamén falarei da Paz Armada

¿É o mesmo a Entente dos Tres Emperadores que a Tripla Entente? Non, non é o mesmo. É un tema complexo que non compete o seu estudo en profundidade no noso nivel, pero que tentarei ampliar.


Se queres resposta curta vai ao remate do post.


Se che interesa coñecer de preto os feitos continúa lendo.

Primeiro analizamos o contexto histórico brevemente.

Congreso de Viena
Lembraredes que o Congreso de Viena no 1815 tivo como finalidade, entre outras, restablecer un novo mapa de fronteiras en Europa trala derrota de Napoleón. Esta unidade rompeuse cando Italia e Alemaña remataron os seus procesos de unificación entre 1870 e 1871 respectivamente. Nese marco histórico destacábamos o enfrontamento franco-prusiano entre 1870-1871.

Coa victoria de Prusia sobre Francia iniciarase un novo modelo de relacións internacionais en Europa, porase fin ao II Imperio Francés de Napoleón III. Ademáis entre as duras condicións impostas a Francia estaba a perda dos territorios de Alsacia e Lorena. Coa fin da hexemonía francesa en Europa, será Alemaña a potencia que tentaría liderar Europa ata o inicio Gran Guerra.


Otto von Bismarck
Bismarck ideará un sistema de alianzas internacionais coñecido como os Sistemas Bismarckianos que tiñan como finalidade impedir o rexurdimento de Francia (o liberalismo) e protexer Alemaña de posibles ataques doutras potencias debido á súa situación xeográfica. Este sistema de alianzas tivo tres grandes momentos:

Primeiro sistema de alianzas:

Entre 1871 a 1878. Asínase un acordo coñecido como a Liga dos Tres Emperadores. Alianza de tipo conservador e defensiva entre Rusia, Alemaña e o Imperio Austro-Húngaro selada no 1872. Pretendía frear o avance liberal en Europa e prestarse axuda mútua para protexer os seus gobernos conservadores (lembrade que os acordos tomados no Congreso de Viena non tiñan xa validez nestos momentos). Foi un acordo que se rompeu no 1878 debido á diferencia de intereses das potencias asinantes e ao enfrontamento entre Rusia e Austria pola cuestión dos Balcáns (Rusia buscaba unha saída ao Mediterráneo polos Blacáns).

Otto von Bismarck tralo fracaso da Liga dos Tres dos Emperadores move os fíos da diplomacia para iniciar unha segunda fase de alianzas estratéxicas.

Segundo sistema de alinzas.

Nesta etapa comprendida entre o 1879 e 1886 produciranse unha serie de acordos importantes:


  • Dúplice Alianza: acordo secreto entre Alemaña e Austria-Hungría co fin de prestarse axuda mútua no caso de que Rusia atacase a calquera dos dous estados. Era máis ben un tratado anti-ruso e que tiña como finalidade o control dos Balcáns.

  • Acordo de non agresión e neutralidade entre as potencias Austria, Alemaña e Rusia coñécese tamén coma a Entente dos Tres Emperadores ou Alianza dos Tres Emperadores, asinado no 1884. Os rusos pactan este acordo porque non tiñan aliados claramente definidos, xa que os franceses estaban a acoller aos revolucionarios rusos.

  • Triple Alianza entre Alemaña, Austria e Italia. Formouse en 1882. Veredes que Italia aparecerá máis tarde durante a IGM no bando contrario debido a incumplíu os acordos tomados, pasou á neutralidade para finalmente actuar en contra da Triple Alianza. Turquía (1914) e Bulgaria (1915) uniranse a este bloque durante a IGM

Terceiro Sistema de alianzas.

Entre 1887 e 1890 renovarase a Triple Alianza. Tamén Bismarck intenta un acordo secreto entre Alemaña e Rusia no 1887 coñecido coma Tratado de Teaseguro.

A PAZ ARMADA

Guillermo II
Unha suma explosiva de certa dose de nacionalismo e rivalidade colonial, deu como resultado un aumento na producción de armamentos gracias aos fondos derivados ás arcas da defensa dos distintos estados. Período de "paz" porque aínda non estalara a guerra pero "armada" porque as potencias preparábanse para ela. 

No 1890 o Kaiser (empreador) Guillermo II sube ao trono en Alemaña e Bismarck abandonara a chancelería e abrirase un novo panorama político europeo.

O kaiser dirixíu persoalmente a política exterior. En mente tiña, non só aislar a Francia senon rivalizar co Imperio Británico, é a famosa "Weltpolitick" (política mundial) en contraposición á "Realpolitik" (política da realidade) de Bismarck Dende ese mesmo ano ata o ano do inicio da Gran Guerra, as potencias europeas agruparanse en dous bloques enfrontados entre sí porque pensaron que o estalido da guerra era algo que non se podía evitar.

O emprego da propaganda para atemorizar ás poboacións e gañar deste xeito o favor da opinión pública atemorizada pola suposta ameaza do inimigo. No 1904 asinarase a Entente Cordiale entre Francia e Gran Bretaña, un pacto de non agresión de de regularización da expansión colonial de ámbolos dous imperios. Foi a base da Triple Entente.

Os dous grandes bloques en tensión e que acabarán enfrontados na IGM foron:

Triple Entente (Francia, Gran Bretaña e Rusia) e a Triple Alianza (Alemaña, Austria (ambas formaban a Dúplice Alianza) e engádeselle Italia).
Mapa de alianzas. En Vermello a Triple Alianza e en verde a Triple Entente

Os conflictos no norte de África (crises marroquíes) e a cuestión dos Balcáns serán cuestións determinantes que influirán no estalido da I Guerra Mundial.

A Triple Entente coñécese tamén co nome dos "aliados". Engadiránselle Serbia, Bélxica, Italia (maio de 1815), Rumanía, Portugal, Grecia, EE.UU ou Xapón que desexaba as colonias alemanas no Pacífico.

Unha entrada longa e densa, pero cargada de información que pode ser aproveitada de apuntes.

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Se premeches a resposta curta, benvidos.

Entente dos Tres Emperadores: Alemaña, Imperio Austro-Húngaro e Rusia.
Triple Entente: Francia, Gran Bretaña e Rusia.


Acompaño un video sinxelo pero que resume o máis elemental. Extraído de Kalipedia.

TORRE DO BAÑO OU A AVOA OBDULIA

Torre do Baño, homenaxe a Obdulia Díaz Fonte: Nacho Gómez. El País

Dende onte acompañará ao conxunto escultórico da cidade unha nova peza titulada Torre do Baño, obra do escultor ourensán Manuel Penín e ubicada na praza de Saco e Arce (ver abaixo no mapa).

É unha homenxe a Obdulia Díaz unha desas persoas anónimas que fan cousas de heroes. Ben podería ser a homenaxe de dúas mulleres, nai e filla, unha auténtica ONG familiar, silenciosa e discreta para todos nós, no Ourense da posguerra e nos anos da ditadura. Obdulia Díaz e a súa filla Lola Nóvoa coidaron a máis de douscentos nenos ourensáns, contando coa axuda de outras persoas que desinteresadamente prestaban a súa axuda para sacar adiante a cativos ourensáns sen recursos, maioritariamente fillos de prostitutas cos que se volcaba coma se fosen un máis da súa familia. En tempos a Señora Obdulia chegou a ser cociñeira do gobernador de Ourense en tempos da II República.

Obdulia Díaz. Fonte: Raimundo

A figura representa a unha muller e cunhas aristas en forma de serra que simbolizan a unha táboa de lavar, xa que esta muller acudía ao lavadeiro das Burgas a fregar as sábanas ou roupa por encarga que despois colgaba a secar nos tendais que se situaban na traseira do cárcere, lugar por certo moi habitual para estes menesteres e onde Lola, a filla, entre tarde e tarde coqueteou dende as leiras cun home que a cortexou tralos barrotes e que co paso do tempo se converteu no seu home. A Señora Obdulia faleceu a mediados dos anos 80. Un dos seus fillos acudíu ao acto de homenaxe da súa nai, unha muller de gran carácter e bondade enorme.





miércoles, 26 de enero de 2011

TRABALLOS DOS MEUS ALUMNOS

David e Belén fixeron onte unha exposición, cada un a súa, sobre os os principais conflictos que se desataron nas colonias contra o Imperialismo. Non houbo moito máis que dicir. O rigor e a calidade da exposición feita na aula subsitituíu a parte que me correspondía.

Aprender a aprender. Manexar información. Seleccionar, entender e consegir que nos entendan, son principios metodolóxicos que estamos a empregar e que os nosos alumnos están a acadar con éxito. Noraboa.

BELÉN





DAVID


miércoles, 19 de enero de 2011

AS TIC NA IDADE MEDIA

Estamos a falar nestos días da orixe das universidades na Baixa Idade Media. A orixe da palabra ven do latín "universitas", corporación ou gremio, en referencia ao gremio de profesores e alumnos. Imaxinade unha época onde os libros eran escasos, a chegada dun manuscrito por vez primeira ás mans dun profesor, podería ser algo así?....

lunes, 17 de enero de 2011

TINTIN: TRABALLANDO AS COMPETENCIAS

Bótalle unha ollada á seguinte imaxe:


Tenta localizala no comic e comenta os cambios que detectes.

Non son os únicos que se fixeron e non os imos enumerar todos. Pode ser interesante a seguinte actividade que vos plantexo e que nos introduce, ademáis, nunha das causas do imperialismo do XIX.

ACTIVIDADE:
Imaxina que eres o editor/a ou tradutor/a do comic e tes que incluír unha primeira páxina aclaratoria explicando o contexto histórico do por qué destas actitudes. Tede en conta que a primeira vez que se publicou foi no 1930 e a primeira edición en cor no 1946. Se hoxe se tivese que reeditar habería que entender o contexto histórico no que foi escrito, o cal non quere dicir que se xustifique. Axudarávos tamén saber que o Congo foi unha antiga colonia belga e a máis importante entre 1908 e 1960.

Recopila os elementos que consideres que son estereotipos raciais, prexuizos, actitudes paternalistas da época (¿que foi o espírito paternalista?) e redacta unha nota aclaratoria á unha suposta edición 2011.

sábado, 8 de enero de 2011

¿TINTÍN RACISTA?


Neste volúmen de Hergé titulado Tintín no Congo, os negros representan o subdesenvolvemento e os brancos a expansión imperialista. Existen outras esceas que crean gran controversia, incluso ata  o punto de ser retirado da Biblioteca de Brooklyn, vetado en Gran Bretaña e prohibido en China.

As consecuencias do pasado colonial para moitos estados europeos seguen a dar que falar. A pesar de que esta noticia foi publicada na edición dixital de El País a propoño para que iniciar un tema de debate. Os fantasmas de Tintín.

¿Que é o racismo?¿Existen as razas?, ¿hai diferentes razas humanas?, ¿son mellores unhas ca outras?, ¿como   é unha actitude racista?, ¿coñeces algunha publicación, canción, película ou videoxogo con aspectos racistas? e ¿algunha que defenda a igualdade e a convivencia?. ¿Que é a multiculturalidade?....

Preme sobre a imaxe para ir á lectura:


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER