jueves, 30 de septiembre de 2010

DESCÚBRESE UN NOVO PLANETA

Imaxe: elpais.com

Publicábase hoxe en varios medios que un equipo de científicos norteamericanos descubriron un novo planeta orbitando unha estrela chamada Gliese 581 (unha enana vermella) situada a 20 anos luz de distancia, uns 192 mil millóns de kilómetros (192.000.000.000 Km). Falar de estas cantidades e de chourizos é o mesmo traspasados certos límites. Para aclararvos, ou confundirvos, imaxinade que ides nun coche circulando a 120 Km/h, respectando sempre os límites de velocidade, tardaríamos en chegar 182.642 anos. Reducindo máis esta cantidade, se a esperanza de vida media en España é de 82 anos, precisaríanse 2.227 vidas para chegar ás proximidades dese novo planeta. Unha nave espacial da NASA, que viaxa a uns 18.000 km/h precisaría uns 1.217 anos en chegar....e outros tantos en volver.

Este novo planeta ten unhas dimensións similares ás da Terra e todo indica que se atopa nunha "órbita habitable", isto quere dicir, que se dan as condicións para poder atopar vida (auga), e posiblemente unha atmosfera que favorecese a subsistencia e a habitabilidade.



Le o artigo completo pinchando neste enlace.

Como curiosidade, pinchando neste enlace, poderás observar a posición da Estación Espacial Internacional (ISS) en tempo real.

OS PICAPEDRA, BODAS DE OURO



Corría o ano 1960 e tal día coma hoxe emitiuse por vez primeira un capítulo da serie de animación os Picapedra (The Flintstones en inglés). A cadea de televisión norteamericana ABC emitíu durante 6 anos consecutivos e 166 capítulos as aventuras de Pedro Picapedra e Pablo Mármol. Trancorreron 50 anos nos que estas dúas familias formadas por Pedro Picapedra, Wilma e o seu fillo Pebbles xunta á mascota Dino, mais Pablo Mármol, Betty e Bam-Bam, fixeron as ledicias de grandes e pequenos. Con esta introducción botei algunha que outra tarde dos anos 70 mordisqueando algún bocadillo, momentos antes de facer os deberes, claro.




Foi esta unha serie orientada ao mundo adulto, xa que se trataban temas de adultos. As persoaxes inspirábanse na familia de clase media norteamericana e reflectía tanto o reparto de roles do momento, home traballador e a muller como ama de casa, coma a problemática dunha sociedade consumista: ludopatía, consumismo, incluso problemas de fertilidade, xa que Pablo Mármol e a súa dona Betty tiveron que adoptar un bebé, Bam-Bam.

Esta serie de éxito mundial saíu en gran parte dun piso situado na Rúa de Tudor, en Madrid, onde uns 40 debuxantes españois, chegaban a facer ata 17.000 debuxos por cada media hora que duraban os episodios.

Ambientados na Idade de Pedra, (período da Prehistoria que abarca entre a aparición da primeira ferramenta humana atopada en África hai uns 2,5 millóns de anos e o Calcolítico - tamén chamada Idade do Cobre - cara o 2.500 a.C.) pero con todos os avances tecnolóxicos daqueles anos 50 e 60, coma o automóvil familiar (troncomóvil), escaleiras mecánicas, trituradora do lixo, ventiladores, frigoríficos, etc., que se correspondían coa famosa imaxe da feliz sociedade americana do consumismo herdeira do "American way of life" nos felices anos 20.

Joseph Barbera e William Hanna (Hanna Barbera Productions) foron os seus creadores, os mesmos que nos anos 40 idearon uns persoaxes cos que moitos nenos da miña xeración disfrutamos, eran Tom e Jerry.


Por último, comentar que os Picapedra foi a serie de animación que se mantivo en antena durante máis tempo consecutivo, só superada no 1997 por outra famosa serie que ben coñecedes, os Simpsons. Nun dos seus capítulos, "Marge contra o monorraíl", Homer inicia o capítulo facendo unha homenaxe á banda sonora dos Picapedra, son os primeiros 30 segundos....


viernes, 3 de septiembre de 2010

A TRASEIRA DAS BURGAS III: AS TERMAS

Orixinariamente estos edificios eran pequenas casas de baño particulares, "balnea meritoria" e foron os públicos, máis grandes, os que se denominaron "thermae". Os cidadáns romanos ricos (patricios) construían os seus baños particulares pero co paso de tempo este costume arraigouse no Imperio e xa no 25 d.C se lle da o nome de termas ás construídas por Agripina. Finalmente, os emperadores encargáronse da construcción e financiación, aínda que pertencían ao Estado eran arrendadas a un empresario ("conductor") quen se encargaría da súa xestión. Seguramente se cobraría un "cuadrans" (cuarta parte dun "as") como "balneaticum" (entrada) para o disfrute das instalacións. No caso das Burgas, trataríase dun edificio público adicado aos baños, nunha zoa na que puidera estar cerca dun posible templo (adicado ao deus indíxena Reve Anabaereco). Eto último é tan só unha suposición, aínda que as recostruccións noutros enclaves coma o das termas de Bath ao sudoeste de Inglaterra, entre outros exemplos, poden sustentar esta hipótese.

As termas seguen unha disposición similar en todo o Imperio Romano con diferentes estancias:

Apodyterium: Vestiarios cercanos ao pórtico de entrada ás termas. Teño que sinalar que as termas era unisex, isto é, masculinas ou femininas. Houbo termas mixtas pero non foron o habitual. Se non había espazo, ou cuartos para a contrucción unha nova terma, abriríase a unhas horas para os homes e noutras para as mulleres. No apodyterium desnudábanse os bañistas e gardaban a roupa nunhos nichos na parede a altura da cabeza, sen portas, que eran custodiadas por algún escravo persoal ou das termas co fin de evitar os roubos. Tamén había un banco corrido e unhas portas que daban acceso á palestra ou aos baños.















Palestra: Patio central ao que se abrían todalas estancias e se practicaba exercicio físico coma lanzamentos de disco ou xabalina, carreiras ou loita grecolatina. En ocasións a palestra contaba cun local adicado a limparse da area e os aceites que botaban ao corpo antes do paso ás piscinas, era o "destrictorium". Orixinariamente a palestra era un edificio de orixe grega no que se aprendía loita. Non todas as termas dispuñan deste espazo. Na imaxe de abaixo, que corresponde ás termas de Caracalla, podedes ver a ubicación da plaestra (nº7).



Caldarium: Baño de auga quente, o "alveus". Nas termas grandes romanas como a de Nerón, Trajano ou Caracalla eran habitacións luminosas e adornadas cunha piscina onde se podería nadar. Nas máis pequenas eran unha especie de bañeira con auga quente chamada "labra".


Frigidarium: Era a sala dos baños de auga fría que adoitaba estar descuberta no exterior do edificio.

Frigidarium en CesarAugusta

Tepidarium: Habitación cunha bañeira de auga temperada previa ao paso do frigidarium.


Laconicum: Baño de vapor.


FINALMENTE UN VIDEO SOBRE O BAÑOS ROMANOS

jueves, 2 de septiembre de 2010

A TRASEIRA DAS BURGAS II: TESOUROS

Os restos arqueolóxicos que se van descubrindo nos distintos estratos deixaron á vista cerámica, botellas de cristal para a almacenaxe de aceites ou líquidos, moedas, estructuras murarias romanas e dalgunha edificación (posiblemente a porta medieval da Burga de Abaixo), unha piscina e escalinata, pozos contemporáneos, unha figura de azibeche dun peregrino (unha xoia ou parte dun rosario), un camafeo, restos dun hipocausto, aras votivas (ofrendas en forma de altar de pedra) ao deus indíxena Reve Anabaraeco e cerámica de tipo "terra sigilata" (cerámica sellada) de época romana cunhas marcas de alfareiro descoñecidas que están ser analizados en Roma. O período que abranguen estos restos abarcan máis de 1500 anos, dende os máis antigos do s.I d.C ata o s. XVI.



Estos hachádegos indícannos que estamos ante un espazo de especial importancia da "Civitas Auriensis" coma un entorno termal urbán lúdico. Esto é unha evidencia, pero ante o número de aras atopadas ao longo dos anos (ata cinco, incluso varias nun mesmo espazo), poderíase inducir que este era un lugar termal cultual (adicado ao culto) dunha divindade local indíxena chamada Reve Anabaraeco. Así a principal actividade dos baños era limpar non só o corpo senon tamén a alma. Lugar de socialización e lugar de culto. A posibilidade da aparición de restos dun posible templo, ogallá, son remotas, ao estar nunha zoa que sufríu notables modificacións ao longo da historia da cidade.




Fonte: galería fotográfica La Región

A pesar de que os estudos científicos dirixidos polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao están en plena elaboración, poderían concluír cunha nova planimetría da cidade medieval (plano e distribución das rúas), e tamén sobre a orixe da mesma (en torno ao s. I d.C), descartando que As Burgas fosen o centro da Auria romana. Por aquí iría a miña teoría, menos científica e rigurosa, que comparte a idea de que nas Burgas non estivo o centro da cidade. Ao tratarse dunha zoa de baños estaría lonxe do verdadeiro centro, o foro da cidade. Certo é que as termas foron uns dos edificios importantes, pero non significa que fosen o "centro" da cidade.

Na seguinte entrada falarei sobre as termas.

miércoles, 1 de septiembre de 2010

A TRASEIRA DAS BURGAS I

Desculpade o tempo sen entradas, todos temos dereito a disfrutar dunhas merecidas vacacións, incluso o blog.

O título deste regreso ao blog non é malintencioado, ben o puidera ser polo estado de abandono que tivo durante décadas este encalve da nosa cidade, do mesmo xeito que o actual emprazamento da antiga Casa de Baños xunta á Praza de Abastos, nun estado lamentable, que lle da un aspecto de basureiro a unha das zoas máis turísticas da cidade. Por unha banda temos unha piscina termal urbana, das poucas que coñezo e pola outra unha parcela esquecida da man de Deus.

As derradeiras noticias que teño sobre o entorno das Burgas, é que os máis de 6000 metros cadrados de intervención arqueolóxica formarán parte dunha exposición permanente unha vez rematen as obras de axardinamento das antigas hortas.

¿Que poderemos ver unha vez rematen?. Algúns pozos contemporáneos, algunha tumba medieval, restos dunha estructura muraria romana dun hipocausto (lembrade a primeira entrada do blog sobre o hipocausto baixo o patio do colexio) e coido que restos dalgunha vivenda. Non sei se as escaleiras que daban paso a unha piscina quedarán á vista, supoño que sí.


escalinata cara a unha piscina. Foto: La Región


momento das excavacións. Foto: X. Fariñas


Este proxecto que tenta ordear este espazo coñecido como "traseira" das Burgas, unha vez rematado, porá en valor un dos puntos esquecidos pola cidade ao longo dos anos e por que non dicilo, eliminará a contaminación visual que producía para propios e extranos.

Na imaxe poderedes diferenciar a zoa que nos ocupa, e outra máis que está sen marcar, pero igualmente fácil de localizar. Observaredes tres perímetros que delimitan zoas diferenciadas: a cor verde, correspondía ao antigo garaxe expropiado para poder comunicar a rúa do Baño coa futura zoa peatonal. A vermella ao colexio e finalmente a cor amarela ao espazo no que na actualidade estase a traballar.



Debátese se a orixe da cidade romana, o seu verdadeiro centro, estaba nesta zoa. Darei as miñas razóns polas que eu penso que non en contra do que se ten asegurado nalgúns estudos e publicacións. Evidentemente non son razóns científicas nen fundamentadas en árduas investigacións, simplemente unha teoría coma tantas outras. Continuará no seguinte post.








Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

ACLARANDO COUSAS

Iste espazo pretende ser un lugar de aportación e intercambio de experiencias amáis dunha proposta motivadora de integración das tecnoloxías ás clases de ciencias sociais, dentro e fóra do centro educativo. Desexo que este punto de encontro virtual sexa enriquecedor e motivante para a vosa -e a miña - formación.

Tódala información, imaxes, enlaces ou contidos neste blog teñen única e exclusivamente unha intencionalidade didáctica cuxa función é meramente educativa. No caso de que calquera persoa considere que se vulneran os seus dereitos de autor pódese dirixir ao autor do blog na seguinte dirección csjguede@gmail.com
para solicitar a retirada de inmediato do material que considere da súa propiedade intelectual.

DEIXÁRONSE CAER